Capítulo I

DOS PRINCIPIOS IDEOLÓXICO-POLÍTICOS DO PARTIDO

Artigo 1. A Unión do Povo Galego (UPG), fundada en 1964, é un partido que defende prioritariamente os intereses de todas as clases traballadoras da nosa nación. A UPG é un partido comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional, na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático e popular, para rematar coa colonización que padece o país, como paso indispensábel para a construción do socialismo.

Artigo 2. A UPG, como partido comunista e patriótico que asume a loita de liberación nacional, ten por obxectivos:

a) O impulso e apoio dunha ampla fronte nacionalista que mobilice e organice o noso pobo na loita pola autodeterminación e o exercicio da soberanía nacional.

b) A auto-organización do noso pobo a nivel político, sindical, asociativo, etc., que implique a total independencia orgánica e política necesaria para garantir a liberación nacional e social da Galiza.

c) A defensa dos dereitos sociais e democráticos dos traballadores galegos e a procura da súa unidade de acción, que impulse a máis ampla democracia e o desenvolvemento do noso país en todas as esferas, na procura dunha orde social máis xusta, no marco dunha economía independente e planificada ao servizo dos traballadores galegos, na que se satisfagan as necesidades do pobo.

d) A defensa da identidade e patrimonio cultural do noso pobo, pola recuperación da nosa propia historia e a restauración social e oficialización do noso idioma, así como dos nosos recursos nacionais e o seu aproveitamento racional ao servizo do pobo.

e) A cooperación e a solidariedade con quen, respectando o ideario e programa do Partido e a súa independencia ideolóxica, política e orgánica, compartan, no interior, a defensa práctica dos intereses das clases populares galegas e con quen, no exterior, desenvolva procesos orientados á emancipación das clases traballadoras e á liberación nacional dos pobos oprimidos polo imperialismo, por seren, á súa vez, obxectivamente solidarios co combate que libra a UPG na nación galega. En todo caso, a UPG, como partido internacionalista, solidarízase con todos os pobos do mundo en loita contra a explotación e pola democracia, a paz e o socialismo e, singularmente, con aqueles, que como o noso, sofren a agresión do imperialismo.

f) A instauración dun Estado galego democrático e popular que articule as medidas que den fin á colonización que padece o país, materialice o poder da alianza das clases populares galegas e sente as bases para a construción do socialismo camiño da sociedade comunista. O respecto aos dereitos humanos, recoñecidos polas Nacións Unidas (ao traballo, á saúde, á educación, á libre expresión…) e a loita contra toda forma de discriminación son igualmente base da convivencia. A UPG considera como valores conquistados a través da loita histórica, protagonizada fundamentalmente polas clases populares, a liberdade, a igualdade de oportunidades, a democracia e a xustiza social, valores que como tais asume e defende a todos os niveis.

Artigo 3. A UPG fundamenta o seu programa e guía a súa acción política nos principios do Materialismo Histórico e da Dialéctica, aplicándoos creativamente ás condicións concretas da Galiza. Partindo das realidades do noso propio país, o Partido toma en consideración a experiencia histórica do movemento obreiro e antiimperialista internacional e inscribe a súa teoría e práctica nos principios ideolóxicos e políticos de Marx, Engels e Lenin, ao tempo que incorpora o ideario político de Castelao e dos precursores do nacionalismo galego, que loitaron pola consecución dunha patria soberana e liberada da opresión nacional.

Artigo 4. A UPG, como partido nacionalista galego, considera que o inimigo principal do pobo galego é a burguesía monopolista española, que domina o aparato do Estado, a través do cal, contando coa colaboración da burguesía intermediaria interna, mantén unha opresión capitalista colonial na Galiza. Por tanto, na presente etapa histórica, cando no proceso revolucionario internacional o antagonismo principal se manifesta nas loitas das nacións e dos pobos oprimidos, colonizados e dependentes contra o imperialismo internacional, a estratexia e táctica da UPG, están orientadas a potenciar o Movemento Nacionalista Galego contra o imperialismo español e os seus aliados na Galiza, considerando que esta é unha loita anticolonial e antimonopolista, especialmente dirixida ao corazón do imperialismo occidental e as súas estruturas políticas, económicas e militares.

Capítulo II

DOS MEMBROS

Artigo 5. Pode ser membro da UPG calquera persoa física maior de idade que acepte o seu ideario político, os Estatutos e o Programa, se integre nunha organización do Partido, contribúa coa súa práctica militante e coas cotizacións que se sinalen, en tempo e forma.

Artigo 6. A calidade de entrada na UPG é como membro militante. O militante realizará un traballo constante no sector e lugar en que se desenvolva e terá unha presenza activa no seo da clase traballadora e do pobo en xeral.

Artigo 7. O ingreso na UPG será voluntario e individual. Quen solicitar a entrada será presentado por un membro do Partido. Após a análise das condicións que reúna por toda a Asemblea Comarcal, esta proporá por maioría a súa entrada ao Comité de Zona. No caso de non ser ratificada será a Asemblea de Zona quen tomará a decisión.

Nos casos de adhesións colectivas ou de dirixentes doutras organizacións ou partidos, decidirá sempre o Comité Central.  Convocado un Congreso, non serán admitidas novas adhesións durante o período congresual, se ben poden os aspirantes concorrer ao mesmo nas condicións estabelecidas para os simpatizantes.

Artigo 8. Son obrigas dos membros da UPG as sinaladas nos artigos 5 e 6.

Ademais:

a) Empregaren sempre o idioma galego. Elevaren o nivel político e ideolóxico.

b) Defenderen a unidade do Partido.

c) Loitaren polos intereses da clase traballadora e de toda Galiza, propagando a política da UPG nos medios onde actúen e no seo do pobo galego en xeral.

d) Esforzárense en captar para a UPG os homes e mulleres da clase traballadora e do pobo que asuman os presupostos do Partido.

e) Manteren como segredo todo o que se acorde como tal.

f) Combateren as desviacións, o oportunismo e o arribismo de toda caste.

g) Esforzárense constantemente por responderen ás necesidades organizativas do Partido.

h) Dirixiren aos órganos do Partido aquelas cuestións que consideraren de interese para a organización.

i) Respectaren, coidaren e defenderen todo o que sexa patrimonio do Partido.

l) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de dirección do Partido.

m) A respectar o disposto nos Estatutos e as Leis.

Artigo 9. Son dereitos dos membros da UPG:

a) Participaren na elaboración da política do Partido, intervindo libremente sobre os problemas que se debaten nas xuntanzas, practicando a crítica e autocrítica.

b) Recibiren a prensa e todo tipo de información.

c) Recibiren apoio e solidariedade en caso de agresións e represións polas súas actividades políticas partidarias.

d) Participaren, tanto para seren persoas elixidas como en calidade de electoras, na elección de órganos de dirección mediante procedementos de votación que aseguren a liberdade e o carácter secreto do voto.

e) Recibiren formación política e ideolóxica.

f) Participaren no Congreso do Partido, en base aos criterios que se sinalen nos Estatutos ou no Regulamento.

g) Utilizaren os locais e medios con que a UPG conte.

h) A ser informados da situación económica do Partido.

i) A impugnar os acordos dos órganos do Partido que se estimen contrarios á Lei ou aos Estatutos.

l) A acudir ao órgano encargado da defensa dos dereitos dos afiliados.

Calquera persoa afiliada á UPG, en defensa dos seus dereitos estatutarios e ao amparo do previsto nestes Estatutos, a defensa e amparo dos seus dereitos como afiliada, poderá reclamar os acordos e decisións dos órganos do Partido.

As decisións dos órganos da estrutura territorial poderán impugnarse, no prazo xeral de quince días naturais desde a súa adopción ou constancia por parte do interesado, ante o Secretariado Político, as decisións do Secretariado Político ou do Secretario Xeral ante o Comité Central, e as decisións do Comité Central ante o propio órgano.

Ante calquera reclamación, o órgano competente para resolver demandará das persoas interesadas, así como dos órganos correspondentes implicados, os informes e/ou alegacións, que deberán ser entregadas no prazo máximo de 15 días desde a solicitude. Ademais, poderá solicitar a comparecencia das persoas interesadas e as aclaracións ou informes complementarios que estime oportuno. Estas demandas atenderanse sen dilación.

O prazo para a resolución destas solicitudes será dun mes desde o inicio da instrución e será comunicada por escrito ás persoas interesadas.

Artigo 10.

A) RÉXIME DISCIPLINARIO

Calquera actuación atentatoria contra os principios da UPG, ou calquera persoa afiliada que incumprise cos seus deberes coa organización ou que coa súa conduta pública ou persoal menoscabe ou atente contra os seus principios, ou que cometa calquera violación flagrante do ordenamento estatutario, será obxecto do correspondente expediente disciplinario, do cal se dará audiencia, de acordo co procedemento previsto nos presentes Estatutos.

As infraccións clasificaranse en moi graves, graves ou leves:

Consideraranse infraccións moi graves:

a) A falta de consideración grave, insultos, ameazas ou mostras de desprezo a militantes que posúan cargos orgánicos ou pertenzan a órganos colexiados da organización, así como a persoas que exerzan cargos públicos e fosen elixidas nas listas electorais.

b) A negativa á aplicación dos acordos adoptados por órganos da UPG conforme ás normas estatutarias, cando diso deriven posicións públicas, a través de expresións ou divulgacións públicas, que prexudiquen a imaxe e posición da organización política.

c) O abandono absoluto das funcións ou responsabilidades cando se desempeñen cargos orgánicos ou públicos da UPG, e diso derívense consecuencias públicas prexudiciais para a organización política.

d) Ser condenado por sentenza xudicial por delitos relacionados coa corrupción.

e) A reincidencia na comisión de infraccións graves, ao ser sancionada unha persoa nun prazo de dous anos por dous ou máis infraccións graves.

Consideraranse infraccións graves:

a) A falta de respecto ou consideración leve a militantes que posúan cargos orgánicos ou pertenzan a órganos colexiados da UPG, así como a persoas que teñan cargos públicos e fosen elixidas en listas electorais.

b) A negativa á aplicación dos acordos adoptados por órganos da organización conforme ás normas estatutarias, sen que iso implique ademais unha posición expresada ou difundida publicamente.

c) O abandono de funcións ou responsabilidades cando se desempeñen cargos orgánicos ou públicos da UPG, que non impliquen consecuencias públicas prexudiciais para a organización.

d) A negativa para acatar e aplicar acordos orgánicos do UPG, que supoñan unha contravención á liña política aprobada que comporte a difusión pública e leves consecuencias negativas públicas para a organización.

e) A reincidencia na comisión de infraccións leves, ao ser sancionada unha persoa nun prazo de dous anos por tres ou máis infraccións leves.

f) A realización de insultos, ameazas ou mostras de desprezo a militantes.

Consideraranse infraccións leves:

a) A negativa para acatar e aplicar acordos orgánicos da UPG, que impliquen unha contravención á liña política aprobada sen consecuencias públicas.

b) A falta de asistencia reiterada ás reunións de órganos da organización, no caso de ocupar cargos de representación orgánica ou pública e despois de ser advertido diso.

As sancións consistirán en advertencia, censura, destitución do cargo, posta en observación, suspensión temporal da militancia ou expulsión definitiva como militante da UPG.

A sanción de posta en observación será como máximo de seis meses. Durante o tempo de observación, o membro quedará suspendido de todos os seus dereitos.

a) A sanción de advertencia, censura, destitución do cargo ou posta en observación poderá impoñerse ás faltas leves ou graves.

b) A sanción de posta en observación ou suspensión temporal poderá impoñerse ás faltas graves ou moi graves.

c) A sanción de expulsión definitiva poderá impoñerse exclusivamente ás faltas moi graves. En todo caso, no suposto de infracción moi grave prevista no apartado d) [Ser condenado por sentenza xudicial por delitos relacionados coa corrupción], aplicarase a sanción de expulsión definitiva do Partido.

Non obstante o disposto neste apartado, acordarase a suspensión cautelar automática da afiliación ao Partido daquelas persoas afiliadas incursas nun proceso penal respecto dos cales se ditou Auto de apertura de xuízo oral por delitos de corrupción.

B) COMPETENCIA DISCIPLINARIA

En cuestións disciplinarias que non superen o ámbito da comarca, decidirá a Asemblea de Zona correspondente.

En caso de sancións que afecten a un ámbito superior, ou a membros do Comité Central, será competente o Comité Central.

Contra as sancións impostas en primeira instancia polos órganos estatutarios previstos nos apartados precedentes caberá a interposición de apelación ante o órgano inmediatamente superior, de acordo coa seguinte relación xerárquica: a Asemblea de Zona sométese ao Secretariado Político, o Secretariado Político sométese ao Comité Central.

No caso de sancións impostas en primeira instancia polo Comité Central, o recurso interpoñerase ante este órgano directamente.

En casos excepcionais, un organismo superior poderá acordar unha sanción, dando seguidamente conta ao órgano inferior. Se este discrepase da decisión, podería levar o caso á primeira Conferencia Nacional que se celebrase ou ao Congreso do Partido.

C) PROCEDEMENTO DISCIPLINARIO

O procedemento disciplinario iniciarase por parte do Secretario Político da Zona á que pertenzan as persoas afiliadas obxecto do expediente. Cando a competencia sexa do Comité Central, iniciarase pola persoa responsable da área de organización, ou no caso de incompatibilidade, pola persoa que designe o Secretario Xeral do Partido entre membros do Secretariado Político.

A apertura do expediente disciplinario será comunicada por escrito de forma fidedigna á(s) persoa(s) interesada(s), indicando as accións polas cales se consideran vulnerados os principios do Partido. Neste escrito ademais, designarase unha persoa instrutora e outra como secretaria do expediente.

A(s) persoas) afiliada(s) terá(n) un período mínimo de sete días e máximo de quince días para alegar o que considere(n) conveniente e achegar as probas na súa defensa que, en caso de necesitar un período de práctica, non poderá estenderse por un período superior a sete días.

Unha vez practicadas as probas interesadas, a persoa instrutora deberá formular a súa proposta de resolución no prazo de sete días, que será trasladada á persoa afiliada, a cal poderá formular de novo alegacións por un prazo máximo de sete días.

A persoa instrutora remitirá o expediente así tramitado ao órgano competente para a súa resolución no prazo máximo de tres días desde a culminación do último trámite.

A resolución será motivada e notificada á persoa interesada por medios que deixen constancia da súa recepción, que poderá interpoñer os recursos previstos nestes Estatutos.

Artigo 11. O militante da UPG que transitoriamente se encontrar illado da organización do Partido, deberá traballar coa finalidade de crear organización do Partido onde estiver, e difundir a súa liña política e propaganda, procurando articularse o máis axiña posíbel cos órganos responsábeis.

 

Capítulo III

DA ORGANIZACIÓN EN XERAL

Artigo 12. A UPG organízase conforme ao centralismo democrático, que conxuga a democracia interna coa unidade de acción e a disciplina coa liberdade individual, e basease nos seguintes principios:

a) Todos os órganos de dirección do Partido serán elixidos democraticamente. Toda a UPG réxese polos mesmos criterios: o militante supeditase ao Partido, a minoría á maioría, o grao inferior ao superior, o conxunto da UPG ao Comité Central e ambos ao Congreso.

b) Os órganos de dirección da UPG deberán render contas da súa xestión e acoller coa máxima atención as opinións críticas que lle chegaren das organizacións respectivas do Partido.

Así mesmo, as persoas que desempeñen cargos orgánicos, representativos e quen sexan cadros políticos da UPG deberán someterse á rendición de contas e control democrático, a través da súa presenza e comparecencia ante os órganos do Partido, someténdose ás preguntas ou cuestións que susciten os militantes, cando fosen requiridas por iso.

A estes efectos, a comparecencia será acordada no ámbito comarcal correspondente, polo Comité de Zona, e, no caso de cargos do Comité Central ou do Secretariado Político, será acordado polo Secretariado Político.

A comparecencia terá por obxecto a fiscalización, inspección ou intervención de calquera actuacións que realicen os cargos ou cadros políticos, e a adecuación do seu labor político ao Código Ético do partido, ou a adecuación da súa acción política aos principios e fins do partido. Así mesmo, tamén se poderá pedir información sobre a súa situación patrimonial ou actividades económicas nos que estean relacionados.

Despois da comparecencia, o órgano competente adoptará a resolución que proceda, no seu caso censurando ou aprobando a xestión, por maioría das persoas presentes, e respectando as regras xerais de deliberación e toma de decisións para os órganos colexiados prevista nestes Estatutos.

c) A existencia de fraccións no seo da UPG é contraria ao centralismo democrático, e atenta contra a unidade e coherencia que un partido comunista debe ter; por iso están expresamente prohibidas.

d) As decisións de todos os órganos da UPG serán colexiadas e asúmese solidariamente a súa xestión, o que non elimina a responsabilidade individual de cada un dos seus membros. Nos distintos órganos colexiados, antes de proceder á votación dos asuntos da orde de día, deberá expoñerse razoadamente a proposta que se somete a votación e, posteriormente, habilitar unha quenda de intervencións onde se detallen, en primeiro termo, os argumentos en contra da totalidade da proposta e, en segundo termo, as achegas ou suxestións de modificación ou supresión parcial da proposta. No caso de propostas cuxo contido se distribúa con antelación á xuntanza do órgano, poderán tamén presentarse as propostas alternativas antes do debate e, nese caso, distribuiranse previamente ao inicio da sesión a todos os membros do órgano.

No caso de que a proposta se formule na propia sesión do órgano, haberá una quenda para que as persoas participantes presenten alternativas, á totalidade ou en parte.

As quendas de intervencións permitirán en todo caso, que as persoas que formulen alternativas poidan expoñelas directamente no órgano, e posteriormente, unha vez fixada a posición polas persoas propoñentes, que calquera membro do órgano poida intervir para expresar a súa opinión.

e) Os órganos de dirección da UPG e as súas organizacións deberán aplicar no seu traballo o método da crítica e da autocrítica para corrixir os defectos e os erros de traballo mellorando decote a súa calidade.

f) Todo membro da UPG pode dirixir críticas e propostas aos órganos de dirección, en todos os niveis, seguindo as canles regulamentarias, pero rematado o debate, a minoría deberá axustar a súa opinión e a súa práctica á da maioría, e non poderá actuar en contra dunha decisión xa tomada, aínda que pode facer ouvir novamente as súas razóns. En todo caso, os acordos dos órganos superiores deberán executarse nos inferiores, á marxe da discusión que se tiver aberta por razóns de discrepancia, sempre que non vulneraren o Programa e os Estatutos, as decisións do Congreso, a liña política e as directrices do Partido. Os secretarios políticos poderán ser recusados a todos os niveis polo organismo a que pertencen.

Artigo 13. Os órganos dirixentes da UPG están autorizados para completar ou ampliar a súa composición con novos membros. En casos excepcionais, cando as circunstancias impediren practicar rigorosamente o principio do centralismo democrático, pode prescindir da elección por sufraxio directo en cada un dos órganos correspondentes. A valoración de concorreren ou non estas circunstancias compete ao CC, sen prexuízo de responder da súa actuación perante o Congreso.

Artigo 14. A UPG organízase a nivel territorial, tanto na Galiza como na emigración. Todas as organizacións da UPG teñen a autonomía necesaria na respectiva área de actuación, aplicando nela as directrices, acordos e a liña do Partido.

Artigo 15. A UPG, para atender ás súas necesidades políticas e organizativas poderá proceder á contratación como liberados de militantes do Partido.

Corresponde ao CC determinar regulamentariamente o estatuto e funcións destes militantes.

 

Capitulo IV

DA ORGANIZACIÓN CENTRAL

DO CONGRESO NACIONAL

Artigo 16. O Congreso Nacional é o órgano máximo e soberano de dirección da UPG. Os Congresos ordinarios da UPG serán convocados polo Comité Central cada tres anos, a non ser que as circunstancias o impediren, podendo ser adiantado ou demorado excepcionalmente. A convocatoria dun Congreso ordinario farase con catro meses de antelación como mínimo.

O Comité Central, por maioría dos presentes na sesión que se acorde a convocatoria, fixará a orde do día do Congreso ordinario, a proposta de calquera dos seus membros.

Artigo 17. Os congresos extraordinarios serán convocados polo CC ou á petición de dous terzos da militancia do Partido, sempre que a solicitude se fixer seguindo as canles orgánicas, cunha antelación mínima de dous meses.

Nos Congresos Extraordinarios, a orde do día será o establecido polo Comité Central de acordo co disposto no artigo anterior, ou polos promotores da convocatoria que se acompañará á petición cando se formule polos dous terzos da militancia.

Artigo 18. O Congreso Nacional da UPG estará constituído polo CC e todos os membros do Partido. Estes poderán estar representados por delegados, seguindo normas estabelecidas ao efecto polo CC. O Congreso estará presidido polo CC, que poderá designar entre os seus membros unha Mesa ao efecto.

Os Acordos no Congreso Nacional serán aprobados por maioría simple, isto é, máis votos a favor que en contra dos presentes na sesión.

Artigo 19. Son funcións do Congreso da UPG:

a) Análise e discusión do informe que sobre a súa xestión elabora o CC e presenta o Secretario Xeral.

b) Determinación da liña política do Partido.

c) Definición do seu Programa e dos seus Estatutos.

d) Elección do CC, do Presidente, e ratificación do Secretario Xeral.

e) Revisión crítica do traballo político realizado desde o último Congreso, determinando as metas de traballo político a acadar polo Partido.

f) Todas aquelas que lle atribúan os presentes estatutos.

DA CONFERENCIA NACIONAL

Artigo 20. A Conferencia Nacional da UPG estará constituída polos membros de todos os organismos de dirección do Partido, podendo ampliarse ao conxunto da militancia se así o decide o Comité Central. A Conferencia será convocada polo CC, por decisión propia ou a solicitude de metade máis un dos militantes, as súas decisións serán obrigatorias para o Partido.

Artigo 21. Tamén poderán convocarse conferencias de sector nas que estarán presentes, ademais dunha delegación do CC, os membros do sector de que se tratar. As decisións non serán vinculantes para o Partido nin o sector, senón meramente orientativas.

 

DO COMITÉ CENTRAL

Artigo 22. O Comité Central é o órgano supremo do Partido no intervalo entre dous congresos. Elixido en votación secreta dunha lista aberta, por todos os militantes presentes no Congreso Nacional, o CC define e concreta a liña política, estrutura organicamente a UPG a nivel do territorio, planifica e supervisa as finanzas, designa a redacción das publicacións.

O mandato dos integrantes do CC estenderase ao longo do período entre Congresos, desde a data de elección e votación ata a elección no seguinte Congreso do novo CC.

Artigo 23. O Comité Central reunirase como mínimo cada tres meses, convocado polo Secretariado Político en base aos puntos que este lle presente. En casos excepcionais, o CC está facultado para nomear os órganos inferiores de dirección do Partido.

A convocatoria do CC efectuarase cunha antelación mínima de 8 días, e en casos urxentes cunha antelación de 48 horas, correspondendo ao Secretariado Político a confección da orde de día, que se formará a partir das propostas dun terzo dos membros do Secretariado Político ou do Comité Central.

Os Acordos do CC adoptaranse por maioría simple dos presentes, isto é, se se computan máis votos a favor que en contra dos membros presentes na sesión.

Artigo 24. O funcionamento do CC complementarase por medio de comisións dependentes del, dedicadas a traballos políticos específicos.

Artigo 25. O CC pode convocar plenos ampliados ou Conferencias Nacionais para examinar determinados problemas políticos ou de organización.

Artigo 26. O Comité Central terá a función de designar, aplicando os procedementos previstos nestas normas:

a) A(s) persoa(s) ou o órgano que ostentará a representación xurídica e legal da UPG.

b) A(s) persoa(s) integrante(s) do órgano responsábel da xestión económico-financeira da UPG.

c) As persoas integrantes do órgano de prevención e supervisión normativa previsto no artigo 9 bis da Lei Orgánica de Partidos Políticos.

 

DO SECRETARIADO POLÍTICO

Artigo 27. O Secretariado Político é elixido polo CC entre os seus membros compoñentes, e ostenta a súa representación entre xuntanzas do mesmo. Reunirase como mínimo quincenalmente.

O mandato dos integrantes do Secretariado Políticos estenderase ao longo do período entre Congresos, tendo a mesma duración que o mandato do Comité Central.

A convocatoria do Secretariado Político efectuarase cunha antelación mínima de 8 días, e en casos urxentes cunha antelación de 24 horas, correspondendo ao Secretario Xeral a confección da orde de día, que deberá incluír as propostas remitidas por polo menos un terzo dos membros do Secretariado Político.

Os Acordos do Secretariado Político adoptaranse por maioría simple dos presentes, isto é, se se computan máis votos a favor que en contra dos membros presentes na sesión.

O Secretariado Político é un órgano do CC e ten como funcións:

a) Análise política de conxuntura e dos feitos de importancia política inmediata, así como a resposta política que se debe dar a estes.

b) O asinar como tal órgano comunicados políticos de conxuntura ou inmediatos.

c) A elaboración de comunicados internos ou externos.

d) A dirección dos Cadernos de Formación Política e doutros xornais do Partido de carácter nacional ou documentos políticos que se publicaren.

e) A elaboración de seminarios de formación política de cadros e outros.

f) As relacións con outros partidos e organizacións políticas e institucionais, sendo o portavoz oficial do Partido. O SP renderá contas da súa actuación ao CC.

g) A aplicación da política do Partido nos distintos sectores, organizacións do Partido, organizacións de masas, etc.

h) O control orgánico do Partido.

i) A xestión e control das finanzas.

 

DA SECRETARÍA XERAL DO PARTIDO

Artigo 28. O Secretario Xeral ou a Secretaria Xeral do Partido, elixida polo CC e ratificado polo Congreso Nacional, ten como funcións:

a) A representación externa e interna do Partido, actuando como portavoz oficial da UPG nas declaracións públicas de importancia e nos contactos políticos con outras organizacións a nivel de dirección.

b) A coordinación dos traballos dos órganos de dirección e a moderación das súas xuntanzas.

c) A representación permanente do SP sen prexuízo de que os seus dereitos e deberes sexan iguais aos dos outros membros do Comité Central.

 

DA PRESIDENCIA DO PARTIDO

Artigo 29. O Presidente ou a Presidenta do Partido, elixida polo Congreso Nacional, ostenta a presidencia do Comité Central e do Congreso e a representación externa e interna do Partido, actuando como portavoz oficial da UPG.

 

DA COMISIÓN DE PREVENCIÓN E CONTROL INTERNO

Artigo 30. Para os efectos do previsto no artigo 9 bis da Lei Orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos, crease unha Comisión de Prevención e Control Interno, que terá como misión principal evitar condutas e actuacións que implicaren riscos reputacionais e penais para a organización. Esta comisión terá as seguintes funcións:

a) Realizar un Manual de actualización permanente de obrigas normativas e legais que afectaren a UPG.

b) Efectuar a autoavaliación periódica do cumprimento destas obrigas.

c) Informar aos órganos de dirección nacionais, de zona e comarcais das obrigas normativas.

d) Fomentar o coñecemento, a aplicación da normativa de aplicación, así como as normas de conduta éticas que aprobar a UPG para os seus membros e cargos.

e) Asesorar e propor os procedementos para a avaliación, a xestión e a prevención de riscos ante condutas contrarias ao ordenamento xurídico.

f) Monitorizar e realizar o seguimento dos procesos de control internos e de xestión.

Así mesmo será o órgano encargado da defensa e garantía dos dereitos das persoas afiliadas e de velar polo respecto ás normas de funcionamento da UPG.

No caso de que calquera persoa afiliada a UPG, en defensa dos seus dereitos estatutarios e ao abeiro do previsto nestas Normas de Funcionamento, acuda á Comisión de Prevención e Control Interno solicitando a defensa e amparo dos seus dereitos como afiliada, esta comisión demandará das persoas interesadas, así como dos órganos correspondentes implicados, os informes e/ou alegacións, que deberán ser entregadas á comisión no prazo máximo de 15 días desde a solicitude. A Comisión poderá, ademais, solicitar a comparecencia das persoas interesadas e as aclaracións ou informes complementarios que estimar oportuno. Estas demandas atenderanse sen dilación.

A Comisión de Prevención e Control Interno estará integrada por 3 persoas, designadas polo Comité Central entre persoas con coñecementos e experiencia nas materias relacionadas coas súas funcións. A súa designación será efectuada entre persoas que non desempeñaren cargos orgánicos ou de representación na UPG. Así mesmo, serán designadas tres persoas suplentes para os casos de renuncia ou vacante.

A Comisión renderá contas da actividade ao Secretariado Político e ao Comité Central. A súa actividade levarase a termo de acordo cun Programa Anual, elaborado pola propia Comisión.

Capítulo V

DA ORGANIZACIÓN A NIVEL DE ZONA, COMARCA, LOCALIDADE E SECTOR

Artigo 31. A Asemblea Comarcal do Partido reúne a toda a militancia do territorio. Entre as súas funcións está a de aplicar ao seu ámbito territorial concreto os acordos que se tomen no Comité Central e no Comité de Zona. Particularmente velará pola aplicación e difusión da política do Partido por parte das e dos seus militantes, analizando o labor político que cada un deles está a desenvolver.

Reunirase, como mínimo, unha vez cada dous meses. O Comité Central definirá o ámbito territorial que abarcan as comarcas nas que se estrutura o Partido.

Artigo 32.

A) A función principal da Asemblea Comarcal do Partido é a de levar adiante a política da UPG nas súas áreas de actuación. Son tamén funcións da Asemblea:

  1. A elaboración e difusión da propaganda do Partido entre as masas.
  2. Organizar o estudo individual e colectivo dos fundamentos teóricos que guían o programa e a política do Partido, así como da nosa historia e cultura, formando aos seus membros no espírito patriótico, internacionalista e revolucionario.
  3. Dinamizar e dirixir as loitas polos intereses inmediatos das clases populares, sob perspectivas anticolonialistas e anti-imperialistas.
  4. Vincular a teoría á práctica, utilizando a crítica e a autocrítica e a clarificación política e ideolóxica, imprescindíbel para o funcionamento dun partido comunista.
  5. A recollida de cotas e recadación de fondos para a UPG e o recrutamento de novos membros para o Partido.
  6. Consolidar permanentemente a organización do Partido.
  7. A difusión da política do Partido entre a clase traballadora e as clases populares en xeral.
  8. Estudar a solicitude de alta na UPG, cuxa valoración será trasladada ao Comité de Zona para a súa aprobación definitiva.
  9. Elixir todos os cargos e órganos políticos que na Comarca actúen en representación da Asemblea, particularmente escoller unha persoa para a Secretaría Política Comarcal e, no seu caso, a composición das Comisións que actúen no seu seo ou a definición das Asembleas Locais a constituír.

B) A Asemblea Comarcal do Partido elixirá de entre os seus membros un Secretario ou Secretaria Política Comarcal, que formará parte do Comité de Zona.

Son funcións da Secretaría Política Comarcal:

a) A convocatoria e coordinación da Asemblea Comarcal.

b) A representación da Comarca diante do Comité Central e do Comité de Zona e a representación do Partido na mesma.

c) A representación pública do Partido na Comarca.

Artigo 33. Poderán constituírse Asembleas Locais ou Comisións Sectoriais, cando as necesidades o esixiren, para levaren adiante a política da UPG nunha localidade ou sector determinado. Poderán ter carácter conxuntural ou estábel e a súa creación ou disolución será competencia do Comité de Zona ou, no seu defecto, da Asemblea Comarcal.

Artigo 34. Son funcións das Asembleas Locais ou Comisións de Sector:

a) Análise política da situación concreta da localidade ou sector.

b) Estudo de alternativas concretas para a localidade ou sector.

c) Elaboración de información e propaganda para o comité territorial correspondente.

Artigo 35. A Asemblea de Zona da UPG está formada por todos e todas as membros do Partido afiliados na mesma. O Comité Central definirá en que zonas se estrutura territorialmente o Partido. Convocarase para o debate das Teses do Partido, para a elección do Comité de Zona e da Secretaría Política de Zona.

Tamén se convocará cando o Comité de Zona o considere necesario.

Artigo 36. Son funcións do Comité de Zona, que se convocará a instancias do Secretario de Zona cunha periodicidade mínima dunha vez cada dous meses, as seguintes:

a) A aplicación da política do Partido na súa área de actuación.

b) O fortalecemento do Partido.

c) A elaboración das directrices políticas que os membros do Partido deberán levar aos distintos sectores, organizacións de masas nacional populares e ao pobo en xeral.

d) A sinatura de comunicados e o control das finanzas na comarca ou localidade.

e) A organización e dirección das loitas polos intereses da clase traballadora e de todo o pobo.

f) A axitación, difusión e elaboración da propaganda do Partido.

g) Aprobación definitiva da alta na UPG.

h) Elevar o nivel político-ideolóxico da militancia, inspirándose nos principios do Materialismo Histórico e na nosa propia historia e cultura, así como a formación política de cadros.

i) Convocar as Asembleas de Zona do Partido

Artigo 37. A Asemblea de Zona do Partido elixirá de entre os seus membros un Secretario ou Secretaria Política de Zona, que formará parte do Comité de Zona.

Son funcións da Secretaría Política de Zona:

a) A convocatoria e coordinación da Asemblea de Zona, a instancias do Comité de Zona.

b) A representación da Zona diante do Comité Central e a representación do Partido na mesma.

c) A representación pública do Partido na Zona.

 

Capítulo VI

DOS SIMPATIZANTES

Artigo 38. Son simpatizantes os e as que, estando de acordo coa UPG, axudan dalgún xeito ao seu desenvolvemento, aínda que non sexa de forma sistemática e disciplinada. Considéranse parte integrante do corpo social do Partido, por seren necesarios para o desenvolvemento deste. O Partido informaraos dos seus pasos políticos e tácticos, segundo os medios e periodicidade que se marque en cada caso.

 

Capítulo VII

DA ORGANIZACIÓN NO EXTERIOR

Artigo 39. Considérase imprescindíbel dedicar atención á articulación e consolidación do Partido na emigración, vista a importancia que esta ten na nosa nación.

Artigo 40. A Organización no exterior estruturarase a nivel de localidade e de zona, constituíndose asembleas entre os emigrantes galegos, dirixidas por Comités de Zona, dependentes do CC do Partido.

Artigo 41. O CC nomeará entre os seus membros un responsábel do Partido na emigración, coa función de coordinar, potenciar e dirixir a súa actividade no exterior.

Capitulo VIII

DAS FINANZAS DO PARTIDO

Artigo 42. As cotas e aportacións económicas dos militantes, así como a axuda económica das clases populares, constitúen os fondos da UPG. A determinación e control da contía da cotización dos militantes, e a distribución xeral dos ingresos, corresponde ao CC e, por delegación, ao SP.

Artigo 43. O réxime económico e financeiro axustarase ao estabelecido na normativa orgánica sobre financiamento de partidos políticos.

As obrigas contábeis que permitan facer seguimento en todo momento da situación económica-financiera da UPG serán as que estabelece o Título IV da Lei Orgánica 8/2007, do 4 de xullo, de financiamento de partidos políticos.

A contabilidade levarase de acordo coas indicacións do órgano responsábel da xestión económico-financeira. En todo caso, será preceptiva a existencia da levanza dos libros contábeis previstos na normativa aplicábel, o estabelecemento dun sistema de control interno de intervención e contabilización dos actos económicos de acordo co artigo 14 da Lei Orgánica 8/2007, do 4 de xullo, de financiamento de partidos políticos e, en todo caso da emisión de partes de finanzas mensuais que darán conta dos movementos de gastos e ingresos.

Anualmente, na web da UPG publicaranse ao mes seguinte desde o envío ao Tribunal de Contas o balance, a conta de resultados e os créditos pendentes de amortización indicando a entidade financeira, o importe dos préstamos, xuros e o prazo de amortización. Ademais publicarase na web a concesión de subvencións, doazóns e legados por importe superior a 25.000 euros/ano, con referencia á persoa outorgante.

Unha vez emitido, no seu caso, o informe polo Tribunal de Contas da fiscalización realizada, publicarase na web dentro dos quince días despois da súa recepción.

Artigo 44. Ao abeiro do estabelecido no artigo 14 bis da Lei Orgánica 8/2007, do 4 de xullo, de financiamento de partidos políticos, o Comité Central, despois de cada Congreso Nacional, designará a persoa responsábel da xestión económico- financeira do Partido, que velará pola correcta levanza das finanzas, da contabilidade e da súa rendición nos termos previstos nestes Estatutos e na normativa vixente de aplicación.

En especial, ademais das funcións reguladas no apartado catro do artigo citado, será a persoa responsábel directa de autorizar os gastos e efectuar os pagamentos que se acordaren con cargo ao orzamento nacional, e poderá designar e autorizar as persoas habilitadas para figuraren como autorizadas nas contas bancarias abertas a nome da UPG.

No caso de renuncia ou vacante, o Comité Central deberá designar a persoa substituta na sesión inmediatamente posterior a se producir.

A persoa responsábel da xestión económico financeira, ademais de estar asistida pola estrutura que determine a área de organización e/ou finanzas do Secretariado Político, velará pola existencia e polo funcionamento adecuado do sistema de control interno de intervención e contabilización dos actos e dereitos económicos da actividade da UPG.

 

Capítulo IX

DAS MOCIDADES DO PARTIDO

Artigo 45. A UMG é a organización xuvenil do Partido, cunha estrutura autónoma, mais ideolóxica e politicamente ligada a el, aceptando e cumprindo o seu programa, a súa liña, as súas directrices e as resolucións do CC do Partido.

Así mesmo, a UMG participa directa e activamente na elaboración e plasmación da liña política do Partido.

De existiren causas obxectivas que xustificasen a desaparición da UMG como estrutura autónoma, terá de levarse a termo un proceso congresual na UMG, previamente á toma da decisión.

Artigo 46. A finalidade política da UMG é a de ser escola de militantes comunistas e base para a continuidade do Partido; é un vehículo para levar o Materialismo Histórico e o espírito patriótico revolucionario á mocidade e ás clases populares.

Artigo 47. O ou a Secretaria Xeral da UMG representa á organización no CC. A proposta de Secretario Xeral será elevada polo Comité Nacional da UMG ao CC da UPG que a proporá ao Congreso da UMG para a súa ratificación ou rectificación. De non existir Secretario Xeral da UMG, o Secretariado Nacional da UMG nomeará de entre os seus membros unha persoa que represente á UMG no CC do Partido.

Artigo 48. A UMG terá os seus propios estatutos e o seu programa. Levará a política do Partido ao seu medio e coordinarase cos órganos do Partido correspondentes en cada nivel, colectivamente e a través dos responsábeis políticos.

A UMG en cada nivel deberá dar contas da súa actuación ao Partido. Ademais, en casos moi graves, os órganos respectivos do Partido poden suspender os representantes ou comités da UMG, dando conta ao CC da UPG, e este ao Comité Nacional da UMG. Se a suspensión afecta os órganos centrais da UMG, deberá darse conta á Conferencia ou, no seu caso, ao Congreso da UMG.

A regulación de todos estes aspectos farase nos estatutos da UMG.

 

Capítulo X

DOS SÍMBOLOS, DO HIMNO E DO VOCEIRO DO PARTIDO

Artigo 49. Os símbolos da UPG son: fouce, martelo e estrela vermella de cinco puntas. A UPG adopta tamén como símbolo a espiral desenvolta á dereita, que significa o transcurso dialéctico da Historia. A bandeira da UPG é vermella, e cos símbolos adoptados e as siglas da UPG en cor dourada no seu ángulo superior esquerdo.

A representación gráfica da UPG é a composición das dúas primeiras letras das súas siglas en maiúsculas (UP), figurando na parte inferior da letra P o nome completo do Partido en maiúsculas en letras con menor tamaño (UNIÓN DO POVO GALEGO) e á dereita desta última letra unha imaxe composta pola letra final das súas siglas (G), trazada xunto a unha espiral que contén no seu interior unha representación dunha fouce cun martelo e coroada na parte superior cunha estrela de cinco puntas.

Artigo 50. O himno é a “lnternacional”, himno dos traballadores de todo o mundo. Como os traballadores galegos están comprometidos na revolución nacional e loitan pola autodeterminación da nación galega cóbado a cóbado coas clases populares da Galiza, a UPG adopta como seus símbolos a bandeira da Galiza coa estrela vermella de cinco puntas no centro, símbolo de liberación nacional, e o himno galego.

Artigo 51. O órgano de expresión do Comité Central da UPG é o Canle. O CC fixará a súa periodicidade, se ben pode delegar no Secretariado Político a súa elaboración e planificación.

 

Capitulo XI

RÉXIME XURÍDICO

Artigo 52. O Secretariado Político ostentará, solidaria e indistintamente, a representación legal da UPG a todos os efectos.

 

Capítulo XII

DO ENDEREZO SOCIAL

Artigo 53. O enderezo social do partido político Unión do Povo Galego (en siglas UPG) estabelécese na avenida de Lugo 219, 1º andar, 15703 — Compostela.

 

Capítulo XIII

DA SEDE ELECTRÓNICA

Artigo 54. O sitio web da asociación política Unión do Povo Galego (en siglas UPG) é www.upg.gal. O enderezo electrónico para os efectos de notificacións por vía telemática é upg@upg.gal.

Poderán crearse contas de correo electrónico para as estruturas zonais e comarcais da UPG, así como para as estruturas sectoriais, órganos colexiados e unipersoais para os efectos de facilitar a comunicación directa.

 

Capítulo XIV

ÁMBITO

Artigo 55. A Unión do Povo Galego (UPG) desenvolve as súas actividades no territorio nacional da Galiza e, en xeral, onde for preciso para a consecución dos seus obxectivos.

 

Capítulo XV

DISOLUCIÓN

Artigo 56. A adopción do acordo de disolución do partido político UNIÓN DO POVO GALEGO (UPG) só se poderá tomar por maioría de tres quintas partes da Congreso Nacional.

O patrimonio da UNIÓN DO POVO GALEGO (UPG) en caso de disolución destinarase á entidade xurídica que a Congreso Nacional decidir cando acordar a súa disolución.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira. Fican derrogadas todas as normas estatutarias anteriores ao Congreso do Partido.

Segunda. A interpretación dos presentes estatutos corresponde ao Congreso Nacional do Partido e, no intervalo entre congresos, ao Comité Central.

O Comité Central poderá, se así o considerar, elaborar e aprobar un regulamento interno que desenvolva o recollido nas presentes normas de funcionamento no que ten a ver cos procedementos internos non regulados nestas normas.