O partido da patria e do socialismo

A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido comunista e patriótico, fundado en 1964, que defende os intereses da clase traballadora e do conxunto das clases populares galegas. A UPG asume a loita de liberación nacional na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático e popular como única maneira de acabar coa colonización que padece o noso País e como paso indispensábel para a construción do socialismo na Galiza.

Para garantir o desenvolvemento destes obxectivos e a defensa dos intereses populares na nosa nación precisamos dispor de recursos económicos que permitan unha actuación política axeitada na sociedade galega.  Sen dependencias externas, co esforzo único da súa militancia e simpatizantes.

Nese sentido as cotas e aportacións económicas dos militantes, así como a axuda económica das clases populares, constitúen os fondos da UPG. A determinación e control da contía da cotización dos militantes, e a distribución xeral dos ingresos, corresponde ao Comité Central e, por delegación, ao Secretariado Político.