I.- MEDIDAS DE TIPO POLÍTICO‑ADMINISTRATIVO

A instauración do rexime democrático baseado na soberania nacional significa a organización e construción dun novo país e exixe as seguintes medidas:

1.‑ Declaración de soberania nacional da Galiza en aplicación do direito de Autodeterminación, con vista a poder asumir a total responsabilidade nesta tarefa, dotando‑nos dos meios que consideremos precisos para estar en condicións de efectivizá‑la, sen submisións a ritmos ou problemas alleos aos do noso povo, asi como para estabelecer relacións ‑mesmo institucionais‑ en pé de igualdade con outros países e negociar sobre a base das nosas necesidades con calquer tipo de forzas.

2.‑ Disolucións das actuais estruturas administrativas do Estado na Galiza, substituindo‑as por institucións administrativas elaboradas democraticamente polo povo galego no exercício da sua soberania.

3.‑ Construción das institucións democráticas‑nacionais, eleición dunha Asemblea Nacional Lexislativa única por sufráxio directo, universal, igual e secreto de todos os galegos e galegas maiores de idade, que ha elaborar a Constitución da Galiza.

4.‑ Recoñecimento de todas as liberdades democráticas aos membros do povo galego: liberdade de palabra, prensa, manifestación, reunión, asociación e folga. Inviolabilidade de correspondéncia e domicílio.

5.‑ Construción da administración galega que, en todo caso, se baseará no recoñecimento da personalidade xurídica da parróquia rural e da comarca. En calquer caso, a administración estatal galega responderá aos princípios de democrácia, transparéncia e eficácia na xestión.

6.‑ O rexime democrático garantirá a liberdade de ideas e crenzas políticas e relixiosas do povo galego. Asemade protexerá a liberdade de cultos. Estabelecerá‑se firmemente a separación entre Estado e Igrexa. O património artístico da Igrexa Católica deberá cumprir uns fins sociais e o Estado garantirá a sua axeitada conservación.

7.‑ O rexime democrático‑nacional elaborará unha lexislación civil axeitada á realidade social do país.

A lexislación penal e penitenciária deberá basear‑se nos princípios científicos da prevención do delito e defensa racial, tendendo á reinserción social do delincuente e incorporando a institución do Xurado como forma de participación dos cidadáns na Administración de Xustiza.

Asi mesmo, o sistema xudicial garantirá a imediación, oralidade e gratuidade, tendendo a facer das profesións xurídicas unha función prestada polos poderes públicos.

8.‑ Igualdade de direito para todo o povo sen discriminación de sexo, situación económica, grau de instrución, procedéncia ou pertenza étnica ou calquer outra circunstáncia. Ainda que na Galiza as minorias étnicas teñen escasa importáncia, na medida en que existen (ciganos, «Moinantes», etc.) respetarán-se as suas particularidades.

9.‑ O papel das forzas armadas restrinxirá‑se ao de garantir a Soberania Nacional. As forzas armadas serán nacionalizadas dotando‑as dun marcado carácter de defensa popular. Tendo como obxectivo o de traballar por unha sociedade desmilitarizada, e de non hipotecar os logros na esfera económica e de liberdades da revolución democrático‑nacional, procederá‑se a unha redución racional dos efectivos das forzas armadas.

Recoñecerá‑se o libre direito ao exercício da Obxección de Consciéncia, que en nengun caso poderá ter un caracter coercitivo.

 

II.- MEDIDAS DE TIPO ECONÓMICO

Desde a primeira redacción do programa do Partido aprobado no primeiro Congreso, pasaron case 15 anos, que aínda que non mudaron a eséncia da nosa dependéncia económica, si foron abondo para dar novas formas ou novos elos á mesma cadea, polo que cumpre té‑los en conta á hora da redacción das medidas de política económica para un governo soberano.

Hoxe podemos contar cunha experiéncia, procedente doutras nacións, que accederon á sua soberania e deron pasos na criación de relacións económicas anti‑imperialistas.

Nos primeiros dos aspectos citados cumpre sinalar como mais importantes:

1.‑ Os efeitos da crise económica capitalista e as suas repercusións na economia galega.

2.‑ A integración española na CE, cuxo significado foi analisado xa en moitas outras ocasións, fai necesário erguer un programa económico derivado dunha alianza de clases plural.

De calquer maneira, é arriscado redixir hoxe unhas medidas que dentro dun tempo non volvan a adoecer do lastre da conxuntura. Por iso cumpre ter presente, que, para nós, segue sendo certo o princípio fundamental de que a organización da produción e a capacidade de dispor da mesma sexa feita en función dos intereses da sociedade da nación galega e non viver de acordo co papel asignado na planificación que a nível mundial fan os monopólios.

Portanto, o rexime democrático‑nacional ten que se entregar a acabar co monopólio e para iso debe adoptar as seguintes medidas de tipo económico, como modificación das xa redixidas:

1.‑ Nacionalización dos bancos, caixas de aforros, seguros ou calquer intermediário financeiro.

2.‑ Nacionalización das explotación e xacimentos mineiros, asi como dos recursos hidráulicos, forestais, mariños, enerxéticos e tecnolóxicos.

3.‑ Nacionalización do solo urbano, nun proceso de estatalización progresiva das edificacións urbanas, e fixación polo Estado do prezo do aluguer. Suprimindo os atrancos que se  derivan da propriedade privada do solo e da edificación urbana, asi como a secuela da especulación, procedendo á ordenación dos  espazos territoriais. No primeiro caso, quer dicer, da mesma maneira que se nacionaliza a empresa correspondente, fica nacionalizado o recurso financeiro, pasando directamente a un consórcio de bancos, a formar parte do Banco Público Estatal Galego que, con carácter de único, rexeria a disposición do uso e destino do capital incautado, asi como da futura distribución do financiamento. Nos outros casos, a nacionalización fai referéncia á propriedade que será Estatal Galega, aínda que o uso, desfrute o aproveitamento económico sigan en mans dos seus actuais proprietários, sempre que non sexan da rede monopolista.

4.‑ Nacionalización de todas as empresas de titularidade ou participación monopolista. Distinguimos dous casos diferentes na indústria: aquelas que comezan e rematan na Galiza o proceso produtivo, e aquelas outras que só realizan unha parte. O tratamento lexislativo seria diferente na regulamentación das actividades económicas e nas suas relacións coa banca Estatal.

En todos os casos de nacionalizacións de empresas, con accionariado diverso, respeitarán‑se os direitos do pequeno e mediano accionariado, asi como os seus depósitos.

Regulamentación da actividade económica mediante un Plano ao Servizo dos Intereses da Galiza, quer dicer: organizarmos de acordo coas nosas necesidades a nosa produción, planificarmos o que nos interesa producir, cando e como; a quen vendemos, e o máis importante, a que prezo o vendemos. Para realizá‑lo cumpre erguer unha empresa pública estatal que cubra as enormes lacunas que existen no noso tecido produtivo, tanto na transformación industrial como na comercialización do aqui producido, sexa ou non transformado aqui.

O sistema de tributación a implantar tenderá a mobilización do excedente en proveito da sociedade galega, de acordo cos princípios de gravame diferencial e progresiva.

Os eixos básicos da Reforma Agrária que o Estado democrático‑popular ten que levar adiante, serán os seguintes:

1.‑ Elaboración dun Plano de Ordenamento das Producións que teña como critérios:

a) O servizo ás necesidades actuais e futuras da sociedade galega.

b) O desenvolvimento da nosa capacidade produtiva.

c) A diversificación e o respeito ecolóxico, frente ao monocultivo agresivo e ao produtivismo a ultranza, sexa no eido agrícola, como gandeiro ou forestal.

2.‑ O Estado garantirá o cumprimento do Plano de Ordenamento de Cultivo, asegurando ás explotacións que o cumpran vantaxes significativas, como axudas económicas,garantias de recollida, primas ou prezos diferenciais. Asi mesmo asegurará a conservación ecolóxica, garantindo un nível de renda axeitada aos labregos que vivan nas zonas obxecto de protección.

3.‑ A elaboración dun Plano Director para a industrialización e comercialización dos produtos agrários, que defina número, localizacións e dimensións máis axeitadas dos estabelecimentos industriais e as canles de comercialización máis eficaces.

4.‑ Criación dun ente público encargado de efectivizar o Plano Director, definido anteriormente, prioritariamente através de empresas estatais ou mixtas. En calquer caso, as empresas privadas, cooperativas ou particulares, deberán axustar‑se aos  obxectivos do Plan Director, e o Estado asumirá directamente a comercialización dos produtos artesanais dos pequenos produtores, que sobarden a sua capacidade.

5.‑ Procederá‑se á reestruturación das explotacións de cara a mellorar a sua eficácia produtiva, de tal xeito que se  evite a destrución da sociedade labrega.

Os eixos básicos da reestruturación serian:

a) O fomento do cooperativismo a distintos níveis.

b) Modelos de organización de produción que respeiten a explotación familiar, como núcleo produtivo, ali onde a eficácia está demostrada (gandaria de leite, horticultura, certa gandaria industrial…)

c) O aumento da base territorial e a concentración de terras ali onde for indispensábel (producións agrícolas extensivas, gandaria extensiva…)

d) A recuperación de terras improdutivas.

e) O mantimento do aproveitamento colectivo dos montes viciñais.

6.‑ Un ente público asumirá a coordenación das actuacións en matéria de infraestruturas (electrificación, rede viária, telefonia, saneamento, abastecimento de auga…) asegurando a eficácia dos investimentos através dun Plano de Dotación Infraestrutural.

7.‑ Nacionalizarán‑se as empresas de subministración de insumos (sementes, adubos, fitosanitários), fomento á investigación que rache a dependéncia tecnolóxica e permita unha produción própria axeitada ás nosas necesidades e características, capaz de asegurar unha subministración suficiente ás explotacións agrícolas, ga­ndeiras e forestais.

8.‑ As explotaclóns agrárias de propriedade privada se­rán gravadas cun único imposto revisábel periodicamente, en función dos níveis de prezos e da rendibilidade média das explo­tacións. En todo caso ficará isento de impostos o património fa­miliar labrego.

9.‑ Un organismo central especializado dirixirá as grandes liñas de ordenación do território rural en todo o país, coa participación no planeamento e a execución de todos os organismos de base interesados, tanto administrativos (parróquias e concellos democráticos), como sindicais e políticos. A ordenación do território rural abranxerá todo o relativo aos servizos públicos no meio rural: estradas e outros meios de comunicación, electricidade e outras fontes de enerxia, auga para regos e consumo humano, médicos e saúde en xeral, escola e ensino.

A reforma pesqueira ten de ser outra das tarefas a en­carar polo rexime democrático. Ademais de medidas de índole institucional, xa citadas, nacionalización das grandes empresas, fomentará‑se o cooperativismo entre as pequenas e medianas empresas que operen no sector pesqueiro, acometerá-se unha reforma integral que abranxa tanto as actividades extractivas e transformadoras como o tocante á comercialización e financiamento da produción pesqueira, habida conta da distinta problemática que encerra a pesca de baixura e litoral, por unha banda, e a pesca de altura e grande altura, pola outra, e partindo do princípio de que o futuro do mundo do mar depende fundamentalmente da nosa capacidade para desenvolvermos a nosa riqueza pesqueira e marisqueira, hoxe submetida a unha explotación irracional, agredida polos monopólios capitalistas en desprezo total dos intereses  dos traballadores da beira-mar, e aturando uns índices de contaminación crescente; neste sentido, a revolución democrática nacional atribuirá ás comunidades de mariscadoras e de mariscadores os parques e viveiros naturais de explotación e cultivo, suprimindo as concesións existentes a favor dos monopólios, e garantirá a protección  das augas litorais contra a contaminación. Asi mesmo, a nacionalización das empresas monopolistas e da modernización da indústria conserveira será obxectivo prioritário do Estado democrático.

 

III.- MEDIDAS DE TIPO SOCIAL

A democrácia galega estabelecerá as seguintes medidas:

1.‑ Direito ao traballo. O Estado garantirá a todos os cidadáns un posto de traballo retribuído mediante un salário digno e igual para homes ou mulleres.

2.‑ A xornada laboral estabelecerá‑se tendo en conta critérios de pleno emprego, saúde laboral e lecer e non exclusivamente en función de motivacións produtivistas.

3.‑ Rexime de seguridade no traballo, coas especialidades que sexan precisas, segundo os distintos sectores económicos e as suas características técnicas: Pesca, minaria, química, etc.

4.‑ Nacionalización da medicina no marco dunha seguridade xeral para todo o povo, efectivización de todas as prestacións sociais, sen as restricións e os lindes da explotación capitalista.

5.‑ Elaboración dun Plano de Vivendas Sociais que garanta a todos os cidadáns a posibilidade de acceso a unha vivenda digna, preferentemente en rexime de aluguer.

 

IV.- MEDIDAS DE TIPO CULTURAL E EDUCATIVO

O galego será o idioma oficial do Estado democrático galego. Consecuentemente, o ensino fará‑se en galego en todos os níveis.

O ensino será nacionalizado e estatalizado axustando‑se aos princípios de gratuidade, obrigatoriedade, até os 18 anos, laicidade e coeducación de sexos.

O ensino estará adaptado á realidade do país, tanto nas modalidades de organización como no contido das matérias, tendo en conta o respeito aos princípios xerais expostos.

O governo galego asegurará a participación popular na planificación educativa. Prestará‑se, dun xeito imediato, apoio especial ás clases populares no campo cultural, através de campañas de alfabetización e dinamización cultural.

 

V.- POLITICA INTERNACIONAL

Política de paz e colaboración cos povos. O estado democrático galego praticará unha política de paz e cooperación cos povos de todo o mundo, baseada nos princípios de autodeterminación nacional e condenación das agresións. Xa que logo, proclama a inimizade frente aos blocos militares, como a OTAN, e a nosa simpatia pola causa dos povos en loita, pola sua liberación nacional contra o colonialismo ou imperialismo neocolonialista.

Do mesmo xeito, o Estado democrático galego manterá relacións privilexiadas cos outros países, traballando a reu polo fortalecimento do socialismo de acordo cos princípios do internacionalismo anti‑imperia lista.