A UPG participa nunha nova edición da festa do Partido Comunista Alemán (DKP)
Os días 27 e 28 de agosto, celebrouse en Berlín a 21ª edición da festa do Unsere Zeit-UZ, semanario do Partido Comunista Alemán-DKP; actividade na que participou o noso partido representado polo camarada Tomé Laxe, membro da Organización da UPG na Emigración.
É a segunda vez que a UPG participa nesta importante actividade organizada polo DKP, e que ao longo da fin de semana reuniu a varios miles de persoas, que tiveron oportunidade de participar en diversas actividades, políticas e culturais, ademais de asistir a concertos, debates sobre diversos temas de actualidade e presentacións de libros.
Esta 21ª festa do Unsere Zeit-UZ tivo ademais unha característica especial para os organizadores, ao ser a primeira vez que se celebraba na capital alemá, e ademais nun espazo tan emblemático para a militancia comunista como a praza que leva o nome de Rosa Luxemburg.
Neste ano a política agresiva do imperialismo, co seu brazo militar a OTAN, e a necesidade de unir forzas na loita pola paz foi un dos temas centrais, xunto con importantes momentos de solidariedade coa revolución cubana e co Dombass.
O representante da UPG, mantivo un encontro con membros da dirección do DKP aos que agradeceu o convite e parabenizou pola organización da festa e polo ambiente de camaradería que nela se respiraba. Neste encontro analizouse o delicado ámbito internacional, atopándose moitos puntos coincidentes nas visións de ambas organizacións; e posteriormente ntercambiáronse tamén informacións sobre a situación política e social en Galiza e en Alemaña, e sobre as liñas de actuación do nacionalismo galego e do DKP para enfrontar unha situación, que ambos partidos entendemos que se vai agravar nos vindeiros meses. Como remate do encontro DKP e UPG comprometémonos a manter un intercambio de información máis regular, de xeito que poidamos seguir estreitando a nosa relación.
Nestes dous días Tomé Laxe tamén tivo oportunidade de manter conversas con representantes de outros partidos comunistas e organizacións de esquerda de Europa, América e Asia que asistían como convidadas; mostrando varias delas interese en contar con maior información sobre a realidade política de Galiza e sobre os principios e propostas políticas da UPG, e a actuación do nacionalismo.