A UPG participará na Asemblea Internacional dos Povos, que decorrerá en Caracas de 24 a 27 de febreiro

Entre os días 24 e 27 do presente mes realizarase  na capital venezolana a “Asemblea Nacional dos Povos: en Solidariedade coa Revolución Bolivariana e Contra o Imperialismo”, un encontro que contará coa participación de máis de 100 organizacións políticas, sindicais e sociais de todo o mundo co obxecto de reflexionar sobre os perigos derivados da intensificación das agresións imperialistas nos últimos anos.

A Asemblea Internacional dos Povos, tenta ser un espazo que permita coordinar accións das organizacións de esquerda e progresistas a nivel mundial, partindo do principio da soberanía de cada povo para construír as súas ferramentas e definir as súas liñas de actuación en base á propia realidade.

A Asemblea decorre en Venezuela nesta ocasión, e ten como lema “En Solidariedade coa Revolución Bolivariana e Contra o Imperialismo”, para mostrar o apoio solidario de todas as organizacións participantes á Revolución Bolivariana e denunciar a agresión que sofre por parte do imperialismo ianqui coa complicidade da Unión Europea e  doutros gobernos. Ao longo de catro días os e as asistentes, ademais de debater e acordar actuacións participarán en diversas actividades, reunións e visitas que lles permitirán pulsar a realidade da vida en Venezuela. A sesión da clausura da Asemblea está previsto que conte coa participación do Presidente Nicolás Maduro.

A UPG estará representada polo seu Secretario de Organización Manel Casal, que ademais de trasladar a voz do noso partido e do nacionalismo galego, terá oportunidade de coñecer de primeira man a situación pola que está a pasar o povo venezolano, aproveitando ademais para manter encontros con diversos partidos políticos dese país cos que mantemos relacións de amizade.