A UPG rende tributo a Bautista Álvarez

O pasado 16 de setembro no cemiterio de San Cibrao das Las en San Amaro a Unión do Povo Galego realizamos un acto de homenaxe ao noso camarada Bautista Álvarez no terceiro cabodano do seu pasamento.

Con esta homenaxe desde UPG quixemos honrar a figura dunha persoa transcendental para a configuración e expansión do nacionalismo galego actual, e ao mesmo tempo lembrar o seu exemplo de compromiso e militancia coa nosa nación e de coherencia entre os principios e a práctica política.

No acto de tributo tomaron a palabra, Daniel Gómez, secretario de zona da UPG en Ourense, e Francisco García, membro do Comité Central da UPG, quen lembrou a figura de Bautista, tanto desde unha perspectiva política e o seu fundamental contributo á construción e avanzo do nacionalismo galego, como desde a perspectiva persoal e humana.

Tres anos sen Bautista, mais sempre coa súa memoria e o exemplo dunha coherente traxectoria de loita por unha Galiza libre e socialista. Toda unha vida ao servizo da nosa Patria e do noso pobo.

BAUTISTA ÁLVAREZ, PATRIOTA GALEGO.