Vía Galega chama a participar na manifestación “Somos unha nación” o domingo 24 de abril en Compostela

A Plataforma Vía Galega convoca unha manifestación para o vindeiro domingo 24 de abril baixo o lema “Somos unha nación” con saída ás 11:30 da alameda de Compostela cos obxectivos de crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como País.

Quérese lembrar aquel abril de 1846 en que se sucederon numerosos levantamentos, pronunciamentos, proclamas e a creación da Xunta Superior do Goberno de Galiza que xa denunciaba que Galiza estaba convertida nunha verdadeira colonia da corte. Esta revolución de abril de 1846 rematou traxicamente o 26 de abril, co fusilamento en Carral, dos “Mártires da Liberdade”. Un fito histórico que estaba colocando os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe. Desde Vía Galega, conscientes da necesidade de lembrar e recoñecérmonos na nosa historia que durante cinco séculos se nos negou, ocultou ou manipulou, convocan, como xa o fixeron o ano pasado, manifestación nacional baixo o lema: “Somos unha nación”.

Ademais de lembrar e recoñecer esta efeméride da nosa historia, é motivación fundamental desta mobilización esixir os dereitos nacionais, que como nación Galiza ten. Desde a plataforma social indican que  Galiza non só ten todos os trazos que definen a unha nación, senón que como pobo temos a vontade de existir politicamente; que somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro, sen subordinación nin dependencias, e pretendemos desterrar a falacia de que somos un País subsidiado. Mais indican que o que si somos é un País oprimido, explotado e negado; e por iso, é preciso esixir exercer o dereito inalienábel que lle asiste as todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos e mesmas, eporque é única maneira de garantir un futuro sen emigración, maior benestar social e traballo digno para todos e todas.

Desde Via Galega explican que a crise que Galiza vén arrastrando desde o 2008 neste momento faise insoportábel pola escandalosa escalada dos prezos, superando en moitos produtos básicos o 50%. A inflación non só é maior en Galiza, senón que se manifesta con maior virulencia debido a que temos uns dos salarios máis baixos do Estado español e as segundas pensións máis reducidas, cuxa media non supera os 866 euros, ao tempo que padecemos un desmantelamento industrial crónico.

Ao mesmo tempo sinalan tamén que Galiza exporta o 30% da electricidade que produce, porén, non temos nin tarifa eléctrica galega, nin ningunha empresa pública do sector, tendo que pagar a electricidade a prezos desorbitados, condenando ás clases populares á pobreza enerxética. O máis escandaloso é que mentres isto sucede, as eléctricas ingresaron o ano pasado 2.700 millóns de euros da enerxía producida en Galiza deixándonos exclusivamente os prexuízos ambientais e sociais.

Así pois, consideran desde Vía Galega que cómpre sublevarse contra esta inxustiza e denunciar como os gobernos do Estado e o galego actúan como meros xestores dos intereses da oligarquía e das grandes multinacionais, sen, nin sequera, atreverse a intervir os mercados para limitar os prezos dos produtos básicos e da enerxía. Precisamos romper a nosa dependencia colonial para rematar co espolio das nosas materias primas e recursos naturais, da enerxía que producimos e do aforro que xeramos. Indican que necesitamos total soberanía para dotármonos dun sector enerxético e financeiro público e galego, que garanta unha electricidade con prezos populares e para que o noso aforro se converta en benestar social dos galegos e galegas e non continúe expatriándose e incrementando as contas de dividendos da oligarquía financeira. Urxe un modelo económico autocentrado e un sistema fiscal e de financiamento propio e soberano para desenvolver o noso tecido industrial e as nosas potencialidades. Esixen soberanía alimentar para relanzar o sector agropecuario, recuperar superficie agraria útil e impedir a eucalitización, mais tamén, porque queremos vivir no noso idioma e na nosa cultura.

Por todo isto, desde a plataforma social Vía Galega indican que precisamos combater as agresións que recibimos e a galopante españolización que diariamente padecemos e, por iso, sinalan a necesidade de crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva, na certeza que só con soberanía, exercendo como nación libre, Galiza terá futuro e construirá unha sociedade máis democrática, máis xusta e de maior igualdade social.

Deste xeito, realizan un chamamento, ao que como Partido nos sumamos,  a participar o 24 de abril na manifestación que baixo o lema de “Somos unha nación” percorrerá as rúas de Compostela.

Aqui podes ler o Manifesto “Somos unha nación”

Información tirada da páxina web de Vía Galega.