Vía Galega convoca actos de izado da bandeira por toda Galiza

A plataforma social “Vía Galega” vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira. Vai para tres anos que se fixou como semana de exhibición da bandeira a semana coincidente co aniversario  do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Un ano máis, coincidindo cos 106 anos da efeméride, continúase no empeño de revitalizar os nosos símbolos nacionais e, polo tanto nesta semana do 17 ao 23 de novembro, Vía Galega chama a colocar bandeiras galegas nas nosas vivendas e por toda a xeografía galega.

 

Rematando a campaña o día 23 de novembro cun acto simultáneo, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza, que consistirá no izamento e  colocación  da bandeira galega  en lugares vistosos para que perduren no tempo. Xa hai confirmados numerosos concellos nos que se fixará e izará unha bandeira galega, á vez que se realizarán diferentes actos nos que están previstas actuacións musicais, lecturas do manifesto de Vía galega e o recitado de poemas referidos á nosa bandeira de Marica Campo, Manuel María, Ramón Cabanillas, López Abente, Delgado Gurriarán e Pousa Antelo.

Ante a españolización e o ocultamento dos nosos símbolos nacionais, faise cada vez máis necesario impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan,  identifican e recoñecen como pobo e que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional. Por iso, animamos á nosa militancia a implicarse nesta campaña de Vía Galega.