Via Galega e Galiza Cultura conmemoran o aniversario da estrea do Himno Galego
Vía Galega e Galiza Cultura convocan actos por toda Galiza para o día 20 de decembro, ás 20h, baixo o título “Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego” para conmemorar o 116 anos da estrea, solemne, do Himno Galego no Gran Teatro de Habana.
Desde Vía Galega afirman que desde hai tempo veñen desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira. Un fito histórico da relevancia da estrea “oficiosa” do noso himno, o 20 de decembro de 1907, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura, pois o himno é a afirmación patriótica da nación galega e amosa as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos os galegos e todas as galegas.
Ante a galopante españolización e a imposición de simboloxía allea a Galiza- que moitas veces promove ou apoia a propia Xunta de Galiza, no canto de realzar e propagar os nosos símbolos- Vía Galega e Galiza Cultura están empeñadas en popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado.
Por iso, este 20 de decembro nas sete cidades galegas e noutras localidades, ás oito da noite, Vía Galega e Galiza Cultura, ten organizado diferentes actos, con distintas actuacións, que todos eles se cerraran coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.
Máis información na web de Vía Galega