Actos de izamento da bandeira galega por todo o país
A plataforma social Vía Galega leva tempo promovendo diversas campañas e iniciativas co obxectivo de divulgar e poñer en valor os símbolos nacionais galegos, especialmente o himno e a bandeira. Van xa cinco anos que se estableceu como Semana da Bandeira o período que coincide co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918.
Este ano, coincidindo co 107º aniversario daquela histórica efeméride, Vía Galega mantén o seu compromiso de fortalecer e visibilizar os nosos símbolos nacionais. Por iso, durante esta semana, do 10 ao 15 de novembro, a plataforma anima a colocar bandeiras galegas nas vivendas e espazos públicos de toda Galiza, como mostra de orgullo e afirmación colectiva.

A campaña culminará o sábado 15 ás 12:00 horas con actos simultáneos en distintos puntos do país, nos que se izará a bandeira galega para que perdure no tempo. Os actos contarán con lectura de poemas como tema central arredor da bandeira da autoría de poetas como Ramón Cabanillas, Manuel María ou Marica Campo e actuacións musicais.
Ante a crecente españolización que vivimos é necesario impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e que axudan a contrarrestar a invasión da simboloxía española.
Por iso, facemos un chamamento á nosa militancia e ao conxunto do pobo galego en xeral a implicarse activamente nesta campaña de Vía Galega, contribuíndo así á defensa e visibilización dos nosos símbolos nacionais.
