Vía Galega presenta a campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”

“Galiza nación. Un pobo con dereitos” é o nome da nova campaña que impulsa a Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións, e que se extenderá até o 18 de abril, cando se convocará unha manifestación nacional en Compostela.
“Galiza é unha nación con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións”, explicou Anxo Louzao, portavoz da plataforma, en rolda de prensa.

Para esta campaña editáronse 15.000 folletos explicativos da condición nacional de Galiza así como 2.000 cartaces.

Ademais, realizouse un vídeo “que define os trazos que conforman a nación galega e un percorrido histórico-reivindicativo de Galiza”, así como a gravación de 10 vídeos onde persoas referentes da sociedade galega dan a súas razóns de por que Galiza é unha nación. Entre elas,  Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.

Xa hai actos proxectados en Compostela, Arzúa, na Barbanza, na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, na Mariña, Ourense, Pontevedra, no Salnés, na Estrada, Lalín, Vigo, no Morrazo e no Baixo Miño.

“A negación dos nosos dereitos colectivos como pobo leva aparellada a limitación dos dereitos individuais e unha baixa calidade democrática, xa que non hai cidadáns e cidadás libres en nacións oprimidas; de aí a necesidade dun status político soberano para Galiza para exercitármonos todos os dereitos como pobo”, concluíu Louzao.