Vía Galega presenta o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección”

A Plataforma Vía Galega presentou o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección” para reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional. Este manifesto que se pode consultar e adherir na web www.viagalega.gal  enmárcase nunha ampla campaña a prol das nosas seleccións que será presentada proximamente.

Con este manifesto quérese reclamar que deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio, ademais de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero. Con esta campaña, trátase de promovelo entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral para expresar o dereito de Galiza a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas.

Unir voces para que Galiza poida competir en todos os deportes

Así, Vía Galega avoga por unir todas as voces para levantar un movemento reivindicativo para que Galiza, como nación, poida competir en todas as modalidades, categorías, niveis e disciplinas deportivas. “Precisamos, para isto, rachar coa nosa dependencia das federacións españolas e crear a nosa organización propia e soberana; necesitamos termos todas as competencias porque, do contrario, continuarán existindo todo tipo de trabas para que Galiza non teña recoñecido o dereito a competir oficialmente”, afirmou Anxo Louzao, portavoz da Plataforma.

Desde Vía Galega esíxese poder competir oficialmente e internacionalmente sen ningunha limitación, como o veñen de facer Escocia e Gales que, sen ter estado propio, representaron os seus países na Eurocopa. “Trátase de reforzar a autoestima; contribuír á conciencia nacional; galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero”, proseguiu.

Competir, tanto individualmente como colectivamente, baixo a bandeira galega “contribúe á cohesión nacional e a crear conciencia colectiva de pertenza a un pobo”. “Queremos exercer o dereito que lle asiste a todo pobo: recoñecerse e verse representado nos seus símbolos e non nos que lle son alleos, pois só as seleccións deportivas galegas son as que sentimos e nos identifican, como o que somos, galegos e galegas”.

Información tirada da Web de Vía Galega.