«A violencia machista segue aí» tamén en tempos COVID

Denunciar a violencia contras as mulleres é importante sempre, – o 25N e os 365 días do ano-, porque está en xogo o benestar, o desenvolvemento persoal e as aspiracións da metade da poboación e porque está en xogo o dereito das mulleres a vivir a súa vida plenamente, en liberdade e como cada unha decida.“Temos dereito a ser libres e iguais, a estar no mundo como queiramos sen ter que pagar pola nosa liberdade, mesmo coa vida”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación da campaña do BNG con motivo do 25N que leva por lema a violencia machista segue aí, coa pretensión de transmitir á sociedade a dobre mensaxe de que non se pode tolerar que a pandemia faga invisible este problema e que a loita continúa.


No plano propositivo, o Bloque formula unha sería de medidas que levará ao Parlamento, empezando por unha campaña institucional de sensibilización e un plan específico para a mocidade nos centros escolares para tratar de forma específica o acoso.

No plano dos recursos, demanda que a Xunta incorpore nos orzamentos 2021 unha transferencia extraordinaria de 1,5 M€ aos concellos que contan cun CIM e, unha vez máis, reclama destinar a loita contra a violencia machista o 1% do orzamento galego. Igualmente, facilitar atención psicolóxica ás vítimas como servizo de atención primaria e garantir o funcionamento dos servizos de atención a mulleres en situación de violencia machista, incluídos os CIM, como servizos esenciais en caso dun novo confinamento.

Pola súa banda, a CIG centrará as reivindicacións deste 25 de Novembro en denunciar que pese a que pandemia puxo de manifesto a importancia dos coidados, estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria. “Dende a CIG levamos anos reclamando que se lle dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade”, explica a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade que por esta razón o lema escollido este ano é “Descoidar a quen coida é violencia machista”.

A CIG leva décadas esixindo o recoñecemento e a revalorización do sistema de coidados, instando a mellora das condicións laborais do persoal deste sector, demandando a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, porque os recursos e os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola Administración galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións de traballo dignas e estábeis para as persoas traballadoras.