XIX Congreso da UMG

O pasado sábado 11 de maio no Casal de Ferreirós en Poio desenvolveuse o XIX Cngreso da Unión da Mocidade Galega, UMG, a organización xuvenil da UPG, baixo o lema “A loita continúa”. Durante o congreso, tras intensos debates, reafirmamos o noso firme compromiso cos principios do nacionalismo e o marxismo-leninismo, certos en que a Unión da Mocidade Galega pulará por intensificar a loita pola soberanía nacional e a emancipación da clase traballadora galega.

Neste XIX Congreso a Unión da Mocidade Galega ven de escoller a Iago Suárez, novo Secretario Xeral. Veciño de Chantada é membro da Permanente de Galiza Nova e deputado do BNG no Parlamento Galego.

No seu primeiro discurso como secretario xeral, Iago Suárez manifestou que a mocidade galega actual sofre problemas que vimos percibindo desde hai moitos anos como a falta de emprego digno no país, as enormes dificultades no acceso á vivenda, a profunda crise demográfica causada pola emigración ou a alarmante perda de falantes que vive a lingua galega, problemas aos que tamén contribúe o galegófobo Goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza.

Ademais, durante o seu discurso, tivo sentidas palabras de agradecemento ao Comité Nacional do pasado período e en especial á anterior secretaria xeral da organización, Iria Carreira. “Pola súa dedicación á UMG e á UPG, polas horas empregadas nas nobres causas que nos fan organizarnos e por nos ter liderado nos peores momentos da pandemia, non podo nin debo deixar pasar esta ocasión sen agradecer de forma moi especial a quen hoxe deixa a Secretaría Xeral desta organización, a camarada Iria Carreira“.

Durante o Congreso escolleuse tamén ao novo Comité Ncional que acompañarán a Iago Suárez na dirección da UMG e que estará composto por  dedicados camaradas como Sabela Méndez, Paulo Alonso, Marta Gómez, Artai Gavilanes, Nuno Galán, Lucas Pardo, Icía Abraira, Manuel Agra, Alberto Rivas, Iria Nande, Alexandre Bastero, Iria Rei e Iria Buide.

 

O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega aprobou as seguintes resolucións:

  1. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega saúda á Unión do Povo Galego cando está a piques de celebrarse o seu XVI Congreso no 60 aniversario da fundación do Partido. A UMG traballará activamente no proceso congresual co obxectivo de afortalar politicamente ao Partido para facer avanzar o nacionalismo na loita pola hexemonía social e na conquista da soberanía.
  2. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega expresa o súa total solidariedade co pobo palestino e condena firmemente o xenocidio que está cometendo o Estado ilexítimo de Israel. Reafirmamos a nosa denuncia do sionismo e das agresións do imperialismo, reclamamos o cese de todas as intervencións militares e reivindicamos a configuración dun Estado palestino propio e libre de toda ocupación. Palestina vencerá!
  3. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega conmemora o 50 aniversario da Revolución de Portugal que mostrou que é posible rachar co fascismo e recoñecer o dereito da autodeterminación e da independencia. A revolución dos cravos é o exemplo histórico de que cando as clases populares deciden polo seu destino, poderán dar pasos á fronte na construción dun mundo mellor e no dereito de todos os pobos – tamén o noso – á súa independencia nacional no camiño cara o socialismo. Viva o 25 de abril, sempre!
  4. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega rexeita o proxecto da macrocelulosade Altri, proxectada no concello de Palas de Rei, por supoñer un novo atentado ecoloxista e colonialista contra o noso país. Así mesmo, seguimos denunciando a presenza de ENCE aquí en fronte, na ría de Pontevedra. Reafirmamos o noso compromiso coa loita ecoloxista e contra o cambio climático e reclamamos unha Galiza lonxe do chamado “capitalismo verde” na que poida desenvolverse unha industria propia ao servizo da clase traballadora e na que a mocidade galega teñamos futuro.Galiza é nosa e non de celulosa!
  5. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega reafirma o seu compromiso coa loita contra o patriarcado, que se aproveita das dinámicas do capital para afianzar a opresión contra as mulleres e persoas LGBT. Seguiremos avanzando ata conseguir unha Galiza de persoas libres e iguais, lonxe de toda explotación patriarcal.
  6. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega parabeniza ao Bloque Nacionalista Galego polos históricos resultados obtidos nos pasados comicios e celebra o medre que o nacionalismo galego vén vivindo nos últimos tempos. A Fronte Patriótica atópase na mellor posición para seguir loitando polos dereitos da sociedade galega e polo tanto na mellora das condicións de vida da mocidade galega.
  7. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega celebra o medra que están a vivir Galiza Nova e Erguer. Estudantes da Galiza e reafírmaas como os espazos xuvenís de referencia. Reivindicamos o papel das organizacións xuvenís de masas como axente mobilizador da mocidade galega no camiño cara a construción dunha Galiza ceive e soberana.
  8. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega saúda á Confederación Intersindical Galega cando vén de celebrarse outra histórica xornada de mobilizacións con motivo do primeiro de maio. O sindicato nacionalista e de clase reafirmouse no mes de marzo novamente como o sindicato maioritario da Galiza, feito que a UMG valora como de vital importancia para avanzar na conquista de dereitos para a clase obreira e para a mocidade traballadora.
  9. O XIX Congreso da Unión da Mocidade Galega seguirá traballando no camiño da independencia do noso país ata a consecución dunha república galega, soberana e socialista como única garantía de futuro para o noso pobo. A loita pola nosa liberación nacional e social será o horizonte co que encetaremos todo o traballo e retos futuros.