XV Congreso da UPG. Autodeterminación para a Galiza existir e avanzar

A Unión do Povo Galego, UPG, desenvolverá o seu XV Congreso o domingo 16 de febreiro no Pazo de Congresos de Compostela baixo o lema “Autodeterminación para a Galiza existir e avanzar”.

Os obxectivos que nos marcamos como prioritarios para este Congreso son:

– Actualizar as análises do contexto político nacional e internacional en que debemos actuar e definir as liñas de intervención para os próximos anos. Particularmente, prepararnos para o combate en defensa da soberanía da nosa nación e dos dereitos do pobo galego no escenario que está aberto no Estado.

– Fortalecer o Partido organizativamente, mais tamén política e ideoloxicamente, así como a súa presenza na acción política entre a clase traballadora galega. Definir liñas claras de actuación política da nosa militancia.

– Contribuír para fortalecer o nacionalismo galego para enfrontar os desafíos que ten por diante, consolidando o seu posicionamento combativo, de confrontación co españolismo, o centralismo e as políticas antisociais impostas, desde o cuestionamento claro do modelo constitucional e autonómico. Nese sentido, é fundamental contribuír tamén para o debate político e ideolóxico no seo do nacionalismo.

– Activar o conxunto da militancia partidaria e impulsar a súa participación no traballo nas organizacións sociais, fortalecendo a autoorganización e a presenza social do nacionalismo.

– Perfeccionar os mecanismos de participación política partidaria das persoas membros da UPG que partan da asunción plena da condición militante e do compromiso que iso implica para lograrmos un Partido máis áxil e eficaz no traballo a desenvolver.

Durante este mes de xaneiro estanse a realizar as distintas Asembleas de Zona para o debate das teses presentadas polo Comité Central ao conxunto da militancia e a presentación das emendas que se consideren. Nestas Asembleas de Zona tamén se están a facer as propostas de persoas a formar parte do vindeiro Comité Central que será elixido no XV Congreso da UPG, así como a elección das persoas Secretarias de Zona.

Convidamos aos nosos e nosas simpatizantes e á totalidade da base social nacionalista a participar con nós neste noso XV Congreso na seguridade de que un fortalecemento da Unión do Povo Galego axudará a fortalecer tamén ao conxunto do movemento nacionalista galego.