Terra e Tempo, información e formación desde unha óptica patriótica e marxista

Presentamos hoxe a colección completa do Terra e Tempo editada baixo a responsabilidade da Unión do Povo Galego e que abarca 125 números: 101 números na súa primeira etapa (1965-1994) e 24 na segunda (1995-2003). A revista -na actualidade editada pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, continúa o seu camiño e tamén está disponíbel en formato pdf na páxina www.terraetempo.gal Até o de agora a publicación só se podía ver -e non completa- nalgunha Biblioteca.

O Terra e Tempo é o cabezallo político máis lonxevo da Galiza, e sen dúbida un dos máis significativos para compreendermos a nosa história recente e noso presente, mais tamén para entrevermos un futuro distinto para o noso país.

A maior virtude do nº 1 de Terra e Tempo editado no 1965, duas sinxelas pregas de papel, foi iniciar nos difíceis anos da Ditadura, en anos de desorganización e desconcerto, unha andaina que persiste corenta e cinco anos despois; unha andaina que o converte na voz nítida da Galiza deste tempo. Se hoxe é xeralmente recoñecido o papel da UPG na recuperación organizativa e conformación ideolóxica do nacionalismo de pós-guerra e na sua fortaleza presente, cumpre recoñecer tamén o rol central do Terra e Tempo neste proceso.

Terra e Tempo reflecte claramente as diferentes fases polas que pasou o nacionalismo, e moi especialmente a UPG, neste período. É boa mostra, ao tempo, dos debates fundamentais que se produciron, da capacidade de adaptación a diferentes etapas políticas, de resposta ás necesidades de cada momento.

O seu carácter inicial, fundamentalmente teórico, corresponde con unha etapa de conformación dun espazo político e ideolóxico definido no que a consolidación dun núcleo militante relativamente reducido requeria clarificación e formación política. A expansión organizativa e a maior introdución social van-se plasmando ao longo de 1971 coa introdución de artigos sobre a conxuntura política, marcando o número de marzo de 1972 un primeiro e notório ponto de inflexión no carácter da publicación: ao lado de artigos de índole teórica e programática aparecen abundantes informacións sobre as principais loitas políticas e sociais do momento, con especial atención ao mundo do traballo. O sumário deste número constitui un bon exemplo do novo rumo político da UPG e dos seus esforzos por imbricar-se na clase operária.

Os números dos anos 72-74 son boa mostra do proceso de decantación como partido comunista, como os dos anos 75-77 o son dos intensos debates sobre estratéxia e táctica políticas provocados polo fin da Ditadura e pola reforma política no Estado Español. Desde 1977 até 1981 coñece o Terra e Tempo o que sen dúvida será o seu período de maior regularidade e difusión, consecuéncia da intensa actividade pública da UPG como integrante, xunto coa AN-PG, da coaligazón político-eleitoral Bloque Nacional-Popular Galego. Tamén é seguramente a etapa en que de forma máis clara accede ás suas páxinas a conflitiva complexidade social, política e económica da Galiza.

A aposta por unha ampla frente nacionalista que garantise o futuro de Galiza, que se concretizou en Setembro de 1982 no Bloque Nacionalista Galego, levou a UPG a renunciar á actividade pública en benefício do protagonismo político da nova organización unitária do nacionalismo. Neste contexto, o Terra e Tempo espaza a sua periodicidade e retoma o carácter eminentemente teórico. Profundizando nesta liña, a fins do ano 1995 inicia unha nova etapa na que deixa de ser órgao de expresión do Comité Central da UPG para converter-se nunha Revista de información, análise e interpretación, aberta a calquer colaboración realizada desde unha óptica nacionalista e anti-imperialista: “Botamos en falta máis coñecimento e debate sobre o noso país, máis interpretacións sobre o noso próprio mundo (…) Traballos que alumien aspectos esenciais da nosa existéncia ou simplesmente reflexionen en voz alta sobre o que está a suceder e o que estamos a viver na Galiza e no mundo”

Temos diante de nós, portanto, unha xeira de máis de 5 anos que supuxo profundos cámbios na consciéncia colectiva do povo galego. “Galiza é unha nación, e como tal ten deireito á sua autodeterminación”. Se aquela rotunda afirmación, recollida no primeiro voceiro editado no 1965, callou nas conciéncias até conformar-se no eixo sobre o que xira o puxante nacionalismo de hoxe, tamén se debe en algunha medida ao papel do Terra e Tempo, ao labor dos homes e mulleres que o idearon, que o redixiron, que o compuxeron e imprimiron, que o distribuiron.

Da edición en México e distribuizón por correio deste primeiro número á posterior reprodución en multicopista e difusión clandestina de man en man, e á actual impresión en rotativa e venda en libraria. Do peculiar formato inicial ao tabloide do ano 77 e ao formato revista posterior. Das 8 páxinas do nº 1 aos grosos volumes da última etapa como revista. De Voceiro da UPG a Órgao do Comité Central e Revista de información, análise e interpretación. Moitos foron os cámbios formais e moitas e moi diversas as circunstáncias en que o Terra e Tempo viu a luz. Pero o mesmo obxectivo o anima desde aquel distante 1965: ser o altavoz das necesidades, dos anceios e das esperanzas dun futuro próprio das xentes desta terra e deste tempo.