17 de Maio. O galego, lingua vital
Queremos Galego cita a sociedade galega o 17 de maio en Compostela, nunha grande mobilización en defensa da nosa lingua. A marcha partirá o 17 de maio ás 12h da Alameda e percorrerá as rúas da cidade baixo o lema “O galego, lingua vital” .
Desde Queremos Galego agárdase unha grande mobilización que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos do pobo gaelgo coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia.

Tamén lamentan desde a plataforma que a Xunta sexa incapaz de ofrecer máis alternativa á emerxencia lingüística que negarse a mencionala e calificaron a incapacidade da Xunta para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que ela mesma fixou non só de desleixo, senón de mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma. Neste sentido, Queremos Galego denuncia que a única actualización do PXNLG que estamos a ver é o de limitar máis o seu alcance para convertelo nun plan de enterro do galego e afirman que contra a inacción da Xunta existe unha alternativa sólida, nacida dun proceso amplo, participativo e plural sobre o que comezar a reverter a emerxencia lingüística: o Protocolo Lingua Vital.
O Protocolo Lingua Vital é o primeiro resultado desa forza, unidade e traballo conxunto que se verá nas rúas o 17 de maio e que comezaremos a aplicar na parte que corresponde ás entidades sociais, traballando pola oficialidade real en todos os territorios de lingua galega, conxuntamente, as entidades que participamos no proceso.
Así pois animamos á nosa militancia e ao conxunto do pobo galego a participar nesta grande manifestación. A plataforma Queremos Galego pon a disposición da cidadanía autobuses que saen das principais cidades e vilas do país para a manifestación do 17 de maio. Aquí tes a información precisa: Listaxe de autobuses.











