Continúa a represión contra o nacionalismo

Nos últimos días tres camaradas pasaron polo xulgado por participar en actos de protesta.

Compostela, 23 de xaneiro de 2015. A militancia da UPG está a participar activamente na resposta que o povo galego desenvolve fronte ás políticas destrutoras que a Unión Europea, o Estado Español e o propio Goberno Galego están a executar na nosa nación. Froito desa participación activa da nosa militancia é ter que sufrir directamente a represión das estruturas do Estado.

Recentemente o camarada Paulo Carballada, responsábel comarcal do BNG da Coruña, tivo que pasar polos xulgados desta cidade para responder a unhas graves acusacións vinculadas a súa participación nas protestas acontecidas en Compostela no transcurso da visita de Merkel á nosa capital. Unhas acusacións baseadas en informes policiais falsos que tamén incriminan a outros catro camaradas e compañeiros do BNG e da CIG: Rubén Cela, Paulo Carril, Xavier Aboi e Afonso Losada, e que tamén terán que pasar por instancias xudiciais.

Hai que salientar o carácter pacífico da protesta contra os máximos representantes das políticas regresivas que a Troika impón ao pobo galego, en particular contra a clase traballadora. Así mesmo é preciso denunciar as acusacións baseadas en informes falsos elaborados meses despois dos feitos seguindo o “manual” do Ministerio do Interior para poder acusar, levar ao xulgado e multar ás persoas que participaron nunha manifestación pacífica exercendo un dereito democrático.

Carballada reiterou a falsidade dos informes que falan dunha actitude violenta inexistente, e considera “moi preocupante” que a policía poda elaborar atestados para incriminar a manifestantes. “Pensamos que é produto da estratexia do PP que utiliza ao Ministerio do Interior, a Delegación do Goberno e aos corpos policiais para reprimir calquera protesta as súas políticas”. “Iso é o que queren”, salientou momentos antes da súa comparecencia xudicial.

Novas acusacións e comparecencias xudiciais

No día de onte os camaradas Renato Nunes, secretario de Organización de CIG-Compostela, e Manuel Da Cal, coordinador de FRUGA, declararon nos Xulgados de Fontiñas (Compostela) nun xuízo acusados de faltas e desobediencia á autoridade durante o protesto na investidura o 8 de agosto de Agustín Hernández como terceiro alcalde da capital de Galiza nesta lexislatura. Diante o Pazo de Raxoi concentrouse un numeroso grupo de persoas para amosar o seu rexeitamento á investidura do que é o terceiro rexedor na capital nesta lexislatura e por un goberno local dunha maioría de edís non eleitos. Un forte cordón policial impediu ás persoas que se manifestaban achegárense á Casa do Concello e mesmo camiñar pola Praza do Obradoiro, algo que si podían facer os turistas. Pouco despois de dar comezo a sesión, algúns dos participantes decidiron acceder á zona da Praza por onde camiñaban libremente os turistas, momento en que os axentes da policía española os arrastraron até os soportais de Raxoi para proceder á súa detención.

Temos moi claro que o PP ten unha axenda política coa que quere converter as cuestións de orden pública nun elemento que tape os problemas sociais, que tape as protestas da cidadanía contra as súas políticas. É evidente que temos que interpretar esta situación como parte dun proceso gravemente involutivo, tamén do punto de vista democrático, coa intención de eliminar a contestación social e un aviso a navegantes para que a xente fique na casa e non saia á rúa. Mais tamén dirixido, especificamente, contra o BNG, a CIG e o nacionalismo galego, alicerces da resposta social e política na Galiza.

Desde a UPG e o conxunto do nacionalismo seguiremos a defender o dereito da liberdade de expresión e de manifestación e plantaremos cara ao empeño do PP de criminalizar todo tipo de protesta contra as súas políticas agresivas. Non van conseguir silenciar á cidadanía. Non van calarnos por moita represión que queiran practicar e por moitos atestados falsos, nin ao BNG, nin á cidadanía. Imos seguir defendendo os nosos dereitos como povo e como clase traballadora.