Congreso da UPG no 60 aniversario da fundación do Partido
O Comité Central da UPG en sesión de 20 de xaneiro de 2024 acordou convocar o XVI Congreso Nacional da UPG para o 7 de xullo de 2024. As convocatorias dos últimos procesos electorais recomendaron adiar o noso Congreso Nacional a unhas datas que permitisen desenvolver os traballos congresuais dunha maneira adecuada e coa implicación activa do conxunto da militancia. Desta forma, o debate asemblear nas zonas desenvolverase após as eleccións europeas, así como as sesións do Comité Central preparatorias do Congreso, entre elas a que acordará o lema e lugar de celebración do Congreso.
O Comité Central definiu como obxectivos para este XVI Congreso Nacional os seguintes:
– Actualizar as análises sobre a situación política da Galiza e as posicións do nacionalismo neste contexto, definindo as liñas de intervención mais adecuadas para os próximos anos, de modo que permitan colocar o movemento nacionalista nun papel determinante no noso País.
– Actualizar tamén as análises sobre a situación internacional e no Estado, especialmente nun contexto de crise social e económica e inestabilidade como consecuencia da política belicista impulsada polo imperialismo.
– Contribuír para un debate necesario sobre o mellor modo de reactivar e mellorar a capacidade de intervención social e política do movemento nacionalista galego, nun escenario de grandes desafíos tanto político-institucionais como sociais.
– Realizar as achegas precisas para robustecer ideoloxicamente o nacionalismo, reforzando o perfil propio e a súa referencialidade no combate ao espolio do País, ás políticas antisociais impostas e, en xeral, ás consecuencias da dependencia política da Galiza, desde o cuestionamento claro do modelo constitucional e autonómico, visando o alargamento da súa capacidade de iniciativa e de fornecer alternativas de futuro.
– Fortalecer o Partido do punto de vista político, ideolóxico e organizativo, de forma que sexa unha ferramenta cada vez máis útil á clase traballadora galega e á causa da soberanía da Galiza. Mellorar o funcionamento partidario e debater co conxunto da militancia sobre as nosas posicións, fortalecendo a coherencia interna en beneficio dunha intervención política máis eficaz.
– Impulsar o crecemento militante do Partido e da UMG así como o debate político e ideolóxico no Partido e no nacionalismo, prestando atención á formación da nova militancia nacionalista, que debe ser unha prioridade.
– Analizar especialmente a situación do nacionalismo no ámbito estudantil e xuvenil, co obxectivo de alargar a militancia, a capacidade de traballo e a incidencia política no movemento estudantil e xuvenil, estudando as mellores fórmulas para restaurar unha presenza xeral e permanente e continuar avanzando.
O Congreso do Partido, que coincide co 60 aniversario da fundación da UPG, será una oportunidade para fortalecer a posición partidaria, en defensa dos traballadores e traballadoras galegas e para avanzar na loita que está a trabar o nacionalismo pola hexemonía social a camiño da soberanía. Animamos, por tanto, o conxunto da militancia da UPG a participar activamente no proceso congresual e a convidar as persoas simpatizantes que tamén o queiran facer.