Loita obreira contra a precariedade e o espolio colonial

O sindicalismo nacionalista e de clase lidera a resposta operaria fronte aos abusos da patronal e as políticas antiosociais e antigalegas impostas polo PP

Unha vaga de mobilizacións e protestos sacude o noso país. A loita obreira vén de se intensificar nas últimas semanas. Faino grazas á decidida aposta da CIG na vía do conflito para poñer fin aos abusos da patronal e tamén para reverter as políticas antisociais e antigalegas impostas polo Partido Popular, desde os gobernos español e galego. O sindicalismo nacionalista e de clase, volveu demostrar que o camiño para a emancipación do pobo traballador galego pasa pola súa autoorganización, face ao entreguismo das centrais sindicais españolas e o seu permanente pactismo.

Combater a precariedade, procurar a mellora substancial das condicións salariais e de traballo, mais tamén confrontar o espolio colonial que continúan a padecer os nosos sectores estratéxicos, alentan a conflitividade que visa a enorme capacidade de resposta do noso pobo e das súas clases traballadoras.

Ferroatlántica

Exixir o mantemento do emprego e o desenvolvemento das nosas capacidades produtivas é a causa que empurra toda a Costa da Morte, defendendo o futuro de Ferroatlántica fronte a ameaza de segregación empresarial coa que o grupo empresarial Villar Mir tenciona especular con dúas centrais hidroeléctricas galegas (río Xallas e río Grande), para facer caixa e acabar por deslocar a produción ao sur da península. Ferroatlántica é un exemplo clamoroso dos efectos e consecuencias que o vixente marco de dependencia que padece Galiza ten para o seu pobo. A carencia de soberanía é a que segue a permitir que a explotación dos nosos recursos naturais só beneficie ao grande capital foráneo, en troca e de a orientar á satisfacción das necesidades do noso país e das súas clases populares. Un verdadeiro espolio colonial que só poderá ser superado pola vía de atinxirmos plena capacidade de decisión.

A loita heroica do plantel de Ferroatlántica, empurrado pola solidariedade de toda a comarca e do resto do país, é un exemplo da nosa capacidade de resistencia e combate. A demanda do noso dereito a producir e a utilizar os nosos recursos ao servizo do desenvolvemento de Galiza, deixou en evidencia a carencia dunha política económica e industrial de país por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular, que volve axir como mera delegación administrativa do goberno español actuando de maneira servil e cómplice aos intereses da oligarquía española.

Transporte

A imposición unilateral dun novo Plan de Transporte, por parte da Xunta, sumado á estrutural precariedade no sector do transporte de viaxeiras e o bloqueo na negociación colectiva, foi outra das frontes de batalla sindical nas últimas semanas. Un conflito que atinxiu dimensión nacional, con varias xornadas de folga, e no que a acción decidida da CIG logrou reorientar a resolución do conflito após CCOO e UGT asinaren un acordo incompleto e insuficiente con Xunta e patronal. Desta maneira, o sector comeza a dar pasos decididos cara a un convenio nacional, ao se reactivar o Marco Galego de Negociación con “plena lexitimidade e capacidade para a negociación no ámbito galego de transporte de viaxeiros por estrada”. Para alén de lograr a garantía de subrogación, a mobilización permitiu fixar nun 2% a revisión salarial nos convenios provinciais. Da loita ha de depender tamén garantiren o actual número de postos de traballo, na medida en que o Plan da Xunta prevé a redución de liñas e, xa que logo, a destrución de emprego no sector.

Metal

O bloqueo patronal da negociación colectiva provocou que xa se realizaran cinco xornadas de folga no sector metal na provincia da Coruña. O empresariado négase mesmo a considerar os reclamos dos e das traballadoras, no referido a reducir a crecente precariedade no sector, garantiren a subrogación do persoal, cuestións como as mutuas, as ETTs o plus por desprazamento ou a situación da industria auxiliar. A acción decidida da CIG por estender o conflito e asentalo na base do sector, axitando nas empresas e nos centros de traballo, conseguiu reforzar a posición dos e das traballadoras do sector, incorporándoos á loita organizada. A actitude combativa alentada polo sindicalismo nacionalista choca coa demostrada por CCOO e UGT que na provincia de Pontevedra volveron asinar un acordo que apenas mellora en nada as condicións do sector. Unha sinatura precipitada coa que de maneira evidente o sindicalismo pactista procuraba evitar que o alcance do conflito na Coruña acabase por se estender ao sur do país.

Rande

A resposta diante da brutal precariedade que se estaba a padecer nas obras de ampliación da Ponte de Rande, e que acabou por se saldar coa morte dun operario por causa dos incumprimentos denunciados semanas antes pola CIG, foi tamén obxecto de disputa tanto coa UTE adxudicataria como coas administracións públicas. A situación na Ponte de Rande é un clamoroso exemplo de como o Partido Popular coloca as administracións do lado da patronal, ignorando os graves incumprimentos do convenio colectivo e da normativa de seguridade laboral, con xornadas extenuantes de até 12h a sesenta metros de altura, remuneradas por baixo dos salarios legais.

Citroën

A factoría viguesa de PSA Peugeot-Citroën volveu ser albo de protestos. A intensificación dos ritmos de traballo e a insuficiente contratación de persoal están a provocar unha escalada de precariedade, que resulta na maior explotación dos e das traballadoras desta transnacional do sector da automoción. Diante dos abusos da dirección da factoría e da negativa a se sentaren a negociar con tres dos sindicatos que teñen representación no Comité de Empresa, o persoal vén de secundar dúas xornadas de folga.

Desde a Unión do Povo Galego saudamos con entusiasmo toda esta conflitividade, por ser o principal indicador e síntoma da capacidade de loita da clase traballadora galega e chamamos ao conxunto do pobo a se sumar a ela, apoiando o sindicalismo nacionalista e de clase. No capitalismo, agravado no caso galego polo marco de dependencia que impoñen o Estado español e mais a UE, ningún dereito está garantido e todo fica en disputa. A loita obreira nas empresas e na rúa é, pois, o camiño para avantarmos cara unha Galiza ceibe e socialista que poña fin á explotación.