UPG xúntase á protesta pola sentenza do Supremo a favor da banca

O BNG convoca nesta quinta feira, día 8, actos de protesta contra unha sentenza que evidencia “até que punto a xustiza está supeditada ao poder do capital, verdadeiro poder que xa nin se molesta en disimular a súa capacidade de torcer sentenzas xurídicas ao máis alto nivel”.

A Unión do Povo Galego xúntase á contestación social, que debe ser firme e contundente, contra unha decisión que para alén de prexudicar os intereses populares para beneficiar o grande capital bancario, evidencia un aparello de xustiza submiso aos intereses das clases dominantes e do rexime político español.

Cabe lembrar que este órgano que agora, ante a presión dos bancos, modifica con inusual celeridade unha decisión que atribuía o pagamento do imposto ás hipotecas ás entidades bancarias, é o mesmo que procesou e encarcerou sen xuízo os dirixentes políticos cataláns por defenderen o dereito democrático do voto para exercer a autodeterminación.

Mais unha vez ficou en evidencia que no Estado español non existe democracia merecente de tal nome nin separación de poderes, e si un aparello xudicial que actúa ao ditado dos intereses políticos e económicos da oligarquía e do rexime español. A defensa dos intereses populares coincide máis do que nunca coa loita por unha verdadeira democracia que só poderá chegar pola ruptura do rexime esapñol e a asunción da soberanía da Galiza.

En todo o caso, a contestación popular contra esta senteza deberá forzar o goberno español a reverter as consecuencias desta decisión . Cabe lembrar que a mobilización contra outras estafas bancarias legalizadas polo goberno, como a das preferentes e subordinadas, permitiu recuperar boa parte do diñeiro estafado. É por iso que a UPG chama o pobo galego, as traballadoras e traballadores, a responder con contundencia na rúa este novo ataque aos seus intereses.