Resolucións do XVII Congreso da UMG

O sábado 7 de xullo tivo lugar, no Centro Social Leste de Pontevedra, o XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega, organización xuvenil da UPG,  baixo o título “Organizando a revolución, liberando a Patria Galega”, unha xornada marcada polo profundo debate no seo da organización e do que saímos reforzadas e cohesionadas garantindo unha UMG forte e con futuro.

A Unión da Mocidade Galega (UMG) vén de elixir como novo Secretario Xeral a Paulo Rios Santomé no seu XVII Congreso. Aos seus 25 anos, é integrante da Dirección Nacional da Galiza Nova como Responsábel Comarcal do Morrazo, integrante do Consello Local do BNG de Moaña, do Consello Comarcal do Morrazo e Concelleiro de Mocidade do Concello de Moaña polo BNG.

Rios Santomé, asegura que afronta a elección con “ilusión” mais tamén “cunha grande responsabilidade de traballar para contribuir ao proxecto de liberación social e nacional da Galiza.” O seu obxectivo como Secretario Nacional é o de continuar o traballo iniciado pola anterior dirección, o afortalamento da UMG como organización da mocidade comunista patriótica e ampliar o traballonas organización das que facemos parte no ámbito xuvenil e estudantil. O anterior periododeixanos unha UMG máis forte e cohexionada, a cal seguiremos coidando e que dará os seus froitos sempre entregados ao ben común.

Espallar o proxecto do BNG e de Galiza Nova entre a mocidade galega

Ríos Santomé fixo fincapé no seu discurso nos seus parabéns aos 30 anos de traxectoria de Galiza Nova, organización xuvenil da fronte patriótica, lembrando a importante contribución da Unión da Mocidade Galega na mesma. A UMG debe ter como unha das súas prioridades o traballo no seo de Galiza e do BNG e a socialización do proxecto entre o conxunto da mocidade galega. Neste ano 2018, Galiza Nova, enceta un proceso preasemblear que culminará na súa XV Asemblea Nacional que de seguro servirá para levar os debates que sexan precisos a todas as comarcas do país co fin de facer avanzar a organización.

Fixo tamén referencia á participación da UMG no movemento estudantil galego. “Apostamos sen ambaxes por Erguer. Estudantes da Galiza, coma unha ferramenta indispensábel para defender os intereses do estudantado galego” “As camaradas da UMG contriburemos a facer de Erguer unha ferramenta útil, traballando dende o consenso, a lealdade e o ben común, co gallo de velar polos intereses das estudantes á vez que espallamos conciencia nacional.”

O XVII Congreso da UMG realizado o sábado 7 de xullo de 2018 na cidade de Pontevedra aprobou as seguintes resolucións:

O XVII Congreso da UMG asume como propio o protocolo contra as agresións machistas e lgtbifóbicas que están a elaborar as compañeiras de Galiza Nova. Desprezamos as actitudes heteropatriarcais que non deben ter cabida nos espazos de intervención política.

No seu XVII Congreso a Unión da Mocidade Galega entende a cuestión de xénero e a cuestión LGTB como fundamentais, problemáticas continxentes ao capitalismo e transversais polo tanto á loita pola liberación nacional da Galiza. Amosamos o noso compromiso coas organizacións que traballan en chave galega polos dereitos das mulleres e das persoas LGTB e saudamos o proxecto de conformación dunha organización LGTB en chave galega como é o proxecto que representa Avante LGTB.

Neste ano queremos lembrar tamen o bicentenario do nacemento de Karl Marx, cuxo pensamento, xunto co de Engels e Lenin recollemos para aplicar adaptado á realidade nacional galega na nosa práctica diaria.

O XVII Congreso da UMG parabeniza a Galiza Nova no seu 30 aniversario e saúda as 3 decadas de traballo incansábel a prol dos dereitos da mocidade galgega da organización xuvenil da fronte patriótica. Ao tempo que reafirmamos o noso compromiso co proxecto común da mocidade nacionalista.

Desde a UMG celebramos o 50 aniversario da conmemoración do Día da patria Galega e seguimos traballando co mesmo obxectivo por unha Galiza ceive socialista que foi o mesmo que se reivindicaba no 25 de xullo de 1968, traballando as para acadar a independencia e o socialismo na nosa nación.

O Congreso da UMG reafirmase na súa análise de que o estado español é irreformábel e que coas súas dinámicas só é posíbel dar cambios estéticos que non da solución ás problemáticas estruturais da mocidade galega.

O XVII Congreso da UMG reafirma o seu compromiso con Erguer como a ferramenta que o estudantado galego precisa na defensa dun ensino público, galego, laico, antipatriarcal, popular, de calidade e axustado á nosa realidade, que só será posíbel grazas a unha Lei Galega de Educación.

A Unión da Mocidade Galega amosa a súa solidariedade coas 19 de Meirás e as 9 de Cornide, reprimida polo estado español na loita pola recuperación da memoria histórica contra os privilexios do franquismo que residen aínda día de hoxe no seo do estado español.

A UMG condena a prorroga da concesión a ENCE por parte do goberno español, unha mostra máis do espolio colonial ao que nos vemos sometidas. Do mesmo xeito, esas políticas que instalaron a ENCE na Ría de Pontevedra estanse a reproducir co megaproxecto da mina de touro.

A UMG recolle o legado do camarada Bautista Álvarez e comprométese a mediante a formación teórica e práctica da nosa militancia, dar continuidade ao pensamento político que o camarada impulsou e no cal se mantivo con coherencia durante toda a súa vida.

Rexeita a hipocrisía da UE no tratamento da problemática das persoas refuxiadas e a insolidariedade dos gobernos europeos xa que son os culpábeis dos conflitos que obrigan a estas persoas a exiliarse dos seus países de orixe.

O XVII Congreso da UMG parabeniza á Confederación Intersindical Galega por ser na actualidade a primeira forza sindical do país tanto en numero de delegadas sindicais, coma en afiliación, e capacidade de mobilización. Todo isto sustenado nun modelo de sindicalismo combativo e do lado da clase traballadora galega e sempe confrontado aos grandes poderes económicos.

O XVII Congreso da UMG saúda a creación de plataformas sociais e espazos galegos de comunicación propios como son a plataforma Vía Galega e o proxecto para a creación do Diario Galego.

A Unión da Mocidade Galega rexeita a actitude hipócrita por parte da Xunta de Galiza na aplicacion de politicas discriminadoras e antigalegas que pretende eliminar o uso do galego entre a mocidade facendo desaparecer todos os nosos trazos distintivos como povo.

O XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega condena o estado sionista de Israel, que contiúa a perpetrar o xenocidio sobre o povo palestino coa complicidade co silencio da UE e os EUA.