Diante das eleccións no Ecuador

O vindeiro domingo celébrase a segunda volta das eleccións presidenciais no Ecuador, e tendo en conta a situación de tensión que se vive nese país desde o pasado mes de febreiro, cando se celebrou a primeira volta na que quedou en primeiro lugar a candidatura encabezada por Javier Arauz, non sería estraño que se volveran repetir actuacións desestabilizadoras que cuestionen o resultado electoral, caso de que este non responda aos deseños do imperialismo e un novo goberno volva situar o país a carón doutros da rexión que defenden a soberania e políticas favorábeis ás maiorías fronte ao neoliberalismo.

Nas últimas semanas o ambiente no Ecuador enrareceuse por diversas actuacións que claramente buscan restar posibilidades de vitoria ao binomio progresista integrado por Javier Arauz e Carlos Rabascall como candidatos á presidencia e vicepresidencia do país respectivamente. Actuacións desestabilizadoras que seguen patróns de sobra coñecidos na rexión, pois empreganos coñecidos manuais de fabricación e difusión de noticias falsas sobre corrupción, vinculación con grupos armados, etc…, co obxectivo de favorecer á candidatura da dereita e provocar a división e desmoralización nos seus adversarios. Participando ademais na trama desa campaña suxa e na súa difusión a nivel internacional importantes medios de comunicación e coñecidos persoeiros da extrema dereita latinoamericana, como o colombiano Álvaro Uribe.

Diante desta situación queremos amosar a nosa solidariedade coa candidatura Unión pola Esperanza encabezada por Javier Arauz diante dos ataques que está a sofrir, ao tempo que agardamos que o pobo ecuatoriano decida abrir unha nova etapa a partir do vindeiro domingo, deixando atrás as políitcas de submisión ao imperialismo practicadas polo actual goberno, e facendo posíbel un futuro no que a mellora das condicions de vida da poboación en xeral e a explotación das riquezas que ten ese país vaian parellas co respecto aos dereitos dos pobos indixenas.

 

Compostela, 5 de abril de 2021

Secretaría de Relacións Internacionais