A UPG traslada á Fronte Polisario o seu pesar polo falecemento do Presidente da República Árabe Saharauí Democrática

Ao ter coñecemento onte do falecemento despois dunha longa enfermidade de Mohamed Abdelaziz, presidente da República Árabe Saharauí Democrática e Secretario xeral da Frente Polisario, o noso partido fixo traslado do seu pesar pola desaparición de quen foi toda a súa vida un patriota comprometido coa causa da liberdade do seu pobo. Ao tempo manifestámoslle unha vez máis ao irmán pobo saharauí a nosa solidariedade e todo o noso apoio na súa loita contra o ocupante marroquí e pola creación dunha nación libre no seu propio territorio.

Esta é a comunicación enviada onte polo secretario xeral do noso partido:

Á Frente Polisario

Ao goberno da RASD

 

 

Estimados compañeiros e compañeiras:

Hai unhas horas tivemos coñecemento do falecemento de Mohamed Abdelaziz, presidente do seu país e secretario xeral da súa organización política. Queremos po medio desta comunicación facerlles traslado do sentimento de pesar que neste momento ten toda a militancia da UPG por tan importante perda.

Sabemos que a vida de Mohamed Abdelaziz estivo sempre presidida polo compromiso coa liberdade do seu pobo, un compromiso que o levou desde novo a combater ao colonialismo español, a ser un dos fundadores da Frente Polisario e a dirixir posteriormente a loita do seu pobo tanto no confronto militar no seu momento como na loita social e política na actualidade.

Son momentos duros para o pobo saharauí pero son vostedes un pobo forte que ao longo de décadas veu demostrando a súa capacidade de resistencia, por iso estamos certos de que recollerán o exemplo de vida e de loita de Mohamed Abdelaziz e manterán a loita até conseguir aquilo polo que el e moitos outros deron o mellor da súa vida, a liberdade do seu pobo, a expulsión do ocupante e a construción dun Sahara Libre no seu propio territorio.

Hoxe con vostedes tamén chora o nacionalismo galego, choramos todas a persoas e organizacións que loitamos polo dereito dos nosos pobos a construír un futuro en liberdade e xustiza social, e saiban tamén que mañá seguiremos con vostedes man con man facendo camiño.

Galiza; 31 de maio de 2016

 

Néstor Rego Candamil

Secretario Xeral

Unión do Povo Galego