Bautista Álvarez participa no Seminario “Valores Universais: Dereitos humanos e dereitos colectivos”

Entre o 13 e o 15 de xaneiro de 2011 celebrouse unha nova edición do Seminario que organiza anualmente o Grup Blaquerna. Este foro promove un espazo de reflexión e pensamento plural do nacionalismo das Illas Baleares. Fundado en 1985 polo histórico militante da esquerda nacionalista mallorquín, Climent Garau, está vencellado á Obra Cultural Balear -o movemento social en defensa da lingua e a cultura catalá máis importante das Baleares e asociación irmán de Òmnium Cultural de Cataluña e Acció Cultural del País Valencià con quen forma a Federación LLULL, que xungue as tres entidades de reivindicaicón lingüística e cultural máis importante dos territorios de cultura catalá, os Países Cataláns.

O Seminario contou con ponentes de Galiza, Armenia, Macedonia, Euskal Herria, Cataluña, etc. Tratáronse cuestións de actualidade como o proceso de paz en Euskadi, a situación do Sahara occidental así como a situación dos dereitos lingüísticos, culturais, sociais e económicos na Unión Europea.

Persoas de recoñecido prestixio e solvencia como o xornalista e Exdirector de TV3 Vicenç Villatoro, o Secretario Xeral de Eusko Alkartasuna Pello Urizar, a experta en diversidade lingüística e Secretaria Xeral da Aliancia Libre Europea-mocidade, Jana Baceva, o director da Fundación Ernest Lluch, e un amplo abano de especialistas participaron no Encontro.

Bautista Álvarez, interviu coa ponencia: “Dereitos sociais e económicos e nacións sen Estado; Unha vinculación necesaria? O caso galego”.