Saudamos a nova República Catalá. Na hora da liberdade.

A proclamación polo Parlament da República Catalá responde á vontade de democrática do povo de Cataluña de asumir ás rédeas do seu destino e pór cabo á opresión e á dominación do Estado español, iniciando o camiño da independencia e da liberdade. É unha decisión lexítima, precisamente porque parte da vontade popular e do exercicio dun dereito democrático colectivo recoñecido internacionalmente como é o dereito de autodeterminación.

É, aliás, unha decisión valente, pois é exercida por un povo sometido á máis dura represión por parte dun Estado español profundamente antidemocrático, que nega dereitos fundamentais e liberdades públicas, e que impide ás nacións poderen decidir por si propias. Nese sentido, a proclamación da República catalá é un feito histórico que se tornará un bastión de defensa da democracia e da liberdade.

A proclamación da independencia da Cataluña inicia o camiño do exercicio da autodeterminación das nacións na Europa Occidental, e no Estado español coloca directamente no debate político a cuestión dos dereitos nacionais. Esa é xa unha vía imparábel. Os povos teñen dereito a decidir libremente o seu futuro.

O povo galego, gravemente prexudicado pola situación de opresión e dependencia colonial a que está sometido desde hai máis de quiñentos anos, debe fortalecer por todos os medios a súa propia loita pola soberanía. É un dereito inalienábel como nación, mais tamén unha necesidade vital se quixermos de superar a actual situación de declive económico, demográfico, social, cultural e lingüístico que nos aboca ao empobrecemento e ao fracaso como povo.

Como forza patriótica e internacionalista, a Unión do Povo Galego (UPG) saúda con entusiasmo a proclamación da República catalá, e dará solidariamente todo o apoio posíbel ao povo da Cataluña no camiño, con certeza difícil, que agora inicia para consolidar a súa independencia. Ao tempo, comprométese, máis unha vez, a reduplicar o traballo político para fortalecer a conciencia nacional, a autoorganización do povo galego e o movemento nacionalista para que, máis cedo do que tarde, a Galiza poida desenvolver un proceso constituínte de seu e percorrer o seu propio camiño á soberanía.

Expresamos, por tanto, o noso total apoio á proposta das Bases Democráticas que vén de lanzar o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e comprometémonos como Partido a continuar o traballo en prol da independencia nacional e da constitución do noso propio Estado soberano, a República da Galiza.