A UPG estrea nova web renovada para mellorar a comunicación do traballo partidario

Unha nova páxina web, modesta mais moito máis funcional do que a anterior, pretende ser unha ferramenta eficaz para o noso traballo político no presente e para avanzarmos no camiño do noso obxectivo estratéxico da independencia nacional e do socialismo na Galiza.

Coa nova web pretendemos mellorar a capacidade de comunicación do traballo partidario e que os posicionamentos políticos da UPG e o traballo social, sindical e político da nosa militancia teñan unha adecuada difusión pública e poida contribuír para afianzar a autoorganización do pobo galego e a conciencia nacional e de clase das traballadoras e traballadores galegos.

A nova páxina é máis visual, está mellor organizada de forma a incorporar adecuadamente noticias, artigos de opinión, vídeos ou galerías de fotos; mantén accesíbel a información sobre a actividade do Partido ao longo dos seus máis de 50 anos de historia (documentos, congresos, Terra e Tempo…); con espazo para as actividades da nosa organización xuvenil, a UMG, e cunha maior adaptación ás redes sociais. Aproveitamos tamén a nova web para pasar ao dominio upg.gal.

Conscientes de que, embora esta nova web represente unha mudanza importante, toda obra humana é sempre mellorábel, todas as suxestións que as amigas e amigos do noso Partido nos quixeren facer chegar para mellorala serán sempre benvindas. Como diciamos, queremos que esta nova web da UPG sexa mais unha ferramenta, o máis eficaz posíbel, para o traballo político e a loita por unha Galiza libre e socialista.