Condenamos o Estado de excepción en Cataluña e chamamos a defender as liberdades

A actuación do aparello do rexime español nesta cuarta feira (20) en Cataluña, co asalto a sedes do Goberno e detención de altos cargos da Generalitat, traspasou todas as liñas vermellas do punto de vista democrático e resulta nun auténtico golpe de estado contra as institucións e o autogoberno de Cataluña. O Estado español tenta por todos os medios coercitivos e violentos, mesmo se foren ilegais de acordo coa propia lexislación española, trabar a vontade democrática do povo catalán de exercer o dereito de autodeterminación e conquistar a independencia.

Esta actuación pón en evidencia o verdadeiro carácter autoritario e antidemocrático do Estado español. Ao longo das últimas décadas temos denunciado permanentemente que o sistema político español saído da Transición e da Constitución de 78 non era democrático. Agora non só non o é senón que tampouco o parece. O proceso de independencia de Cataluña deixou ao descuberto a verdadeira face da ‘democracia española’. A negación de dereitos e liberdades fundamentais é a receita con que o rexime español responde ás ansias de liberdade dos pobos.

Non é compatíbel cos mínimos principios democráticos a criminalización do dereito de voto, a persecución de cargos públicos por defenderen ese dereito, a prohibición de actos, o fechamentos de webs, o ataque a medios de comunicación, o secuestro de revistas, cartaces ou urnas… Non pode considerarse democrático un Estado que conculca os dereitos básicos e a liberdade de expresión, de opinión, de reunión, de información e de decisión a través do voto.

Sabemos que o ataque aos dereitos e liberdades en Cataluña é un ataque aos dereitos e liberdades de todas as persoas que vivimos no Estado español e tamén ao de todas as nacións que aínda facemos parte del e aspiramos a ser libres. Por iso chamamos á mobilización para defender a democracia e o dereito dos povos a decidir, a exercer a autodeterminación e a se constituír en Estados soberanos e independentes. Hoxe, defender a liberdade de Cataluña é tamén defender a liberdade da Galiza e de todas as persoas.

Expresamos o noso total apoio ao povo catalán que está na rúa manifestando a súa soberanía, ao Goberno de Cataluña, así como a todas as forzas políticas independentistas que están a ser atacadas polo rexime español. Pola nosa parte, reafirmamos -máis unha vez- o compromiso de continuar reforzando a auto-organización do povo galego e de seguir a traballar pola ruptura democrática no noso país até conquistar a independencia da nosa nación e constituír o noso propio Estado soberano, a República da Galiza.

Galiza con Catalunya, a súa é tamén a nosa loita

O proceso soberanista en pleno desenvolvemento na Catalunya, para alén de representar un espazo de oportunidade maiúsculo para a conquista polo povo catalán da súa plena soberanía nacional, está a verificar as teses e análises que o nacionalismo galego no seu conxunto, e a Unión do Povo Galego en particular, temos realizado a respeito do carácter irreformábel do Estado español e do esgotamento do modelo autónomico vixente. Ler máis

Congreso das FARC-EP: Declaración das organizacións internacionais presentes

Por iniciativa da UPG todas as organizacións internacionais presentes en Bogotá no Congreso Nacional das “FARC-EP Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo” asinaron unha declaración de apoio ao proceso de paz en Colombia. Publicamos a continuación o texto íntegro:


As organizacións internacionais políticas e sociais, presentes no Congreso Nacional das “FARC-EP Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo”, celebrado na cidade de Bogotá desde o 27 ao 31 de agosto de 2017, co lema “Por un Goberno de Transición para a reconciliación e a paz”, declaramos o seguinte:

01.- Agradecemos ás FARC-EP ternos invitado a estar presentes en tan histórico e transcendental Congreso.

02.- Agradecemos igualmente a excelente acollida e atención de que fomos obxecto durante a nosa estadía.

03.- Celebramos con entusiasmo a conversión das “Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo” nun partido político co nome de “FARC – Forza Alternativa Revolucionaria do Común”.

04. Consideramos que esta decisión é un paso crucial na consecución dunha paz estábel e duradeira en Colombia.

05.- Afirmamos que a FARC, un novo partido para unha nova Colombia, é un importantísimo instrumento para conseguir unha Colombia socialmente xusta, inclusiva e igualitaria.

06. Estamos convencidos de que o nacemento da FARC reforzará as loitas contra o imperialismo, o capitalismo e as políticas de inxerencia en Latinomérica e no Caribe.

07. Condenamos enerxicamente os atrasos e incumprimentos sistemáticos do goberno colombiano na implementación dos Acordos de Paz. Do mesmo xeito, condenamos as trabas, argucias e propostas coas que as Institucións do Estado pretenden paralizar a implementación e, nalgúns casos, terxiversar e desnaturalizar o contido dos Acordos de Paz.

08.- Esiximos do Goberno e das Institucións do Estado colombiano o cumprimento íntegro, estrito e sen dilacións dos contidos do Acordo. En particular, esiximos a liberación inmediata de todas as exguerrilheiras e todos os exguerrilheros que continúan en prisión.

09.- Esiximos ao goberno colombiano que actúe con toda firmeza para ponher punto final á existencia do paramilitarismo, condición indispensábel para a instauración da paz en Colombia.

10.- Demandamos do goberno estadounidense a posta en liberdade do exguerrilheiro Simón Trinidad, inxustamente preso nos cárceres dese País.

11. Comprometémonos a presionar aos nosos gobernos para que utilicen todos os medios diplomáticos ao seu alcance co fin de demandar do goberno colombiano o cumprimento dos Acordos de Paz.

12 Comprometémonos a facer un seguimento permanente da implementación dos Acordos, canalizando o noso rexeitamento e protesta polos incumprimentos a través das embaixadas colombianas nos nosos países.

13. Seguiremos apoiando as negociacións de paz do goberno co ELN e outras expresións da insurxencia, co desexo de que moi pronto a paz definitiva e total se estenda por toda Colombia.

En Bogotá, a 1 de setembro de 2017

 

A UPG participa no congreso constitutivo do partido político creado polas FARC en Colombia

De 26 de agosto a 1 de setembro decorrerá  na cidade de Bogotá o Congreso Fundacional do novo partido político en que se transformarán as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Povo (FARC-EP), partido político froito dos acordos de Paz, asinados na Habana a 24 de novembro de 2016 entre a guerrilla e o goberno colombiano.

Neste importante Congreso que supón unha nova etapa na traxectoria revolucionaria de loita dos membros das FARC-EP estarán presentes delegacións de organizacións políticas e sociais de todo o mundo, que coa súa presenza mostran o seu apoio ao proceso de paz e á loita das FARC e da esquerda colombiana.

O noso partido estará presente neste importante congreso por medio do camarada Moncho Boán, membro da Secretaría de RR.II. da UPG, que trasladará aos e ás congresistas o apoio e solidariedade da militancia da UPG e o desexo de que este novo instrumento partidario do que decidiron dotarse, permita avanzar na loita social e política por unha Colombia libre do xugo imperialista, verdadeiramente soberana e na que sexa posíbel rematar coa explotación e avanzar  na superación da orde social capitalista e na construción dunha nova sociedade.

A UPG asina a declaración condenando o acto anti-comunista promovido pola presidencia da Unión Europea

Diante da tentativa de falsificación da historia que supón o “Día Europeo conmemorativo das vítimas dos réximes totalitarios” a UPG asinou xunto con máis de 70 partidos comunistas e obreiros de todo o mundo a seguinte declaración:

Os Partidos Comunistas e Obreiros denuncian o acto anti-comunista organizado pola presidencia estoniana da Unión Europea

Os Partidos Comunistas e Obreiros condenan o acto anti-comunista organizado pola presidencia estoniana da Unión Europea, no marco do chamado “Día Europeo conmemorativo das vítimas dos réximes totalitarios”, como a Unión Europea intentou establecer o día 23 de agosto nos últimos anos. A reunión anti-comunista pretende calumniar o socialismo e os seus logros sen precedentes para os traballadores, falsificar a Historia, equiparar inaceptabelmente e sen base histórica o comunismo co monstro do fascismo e as súas atrocidades. A equiparación provocativa do fascismo co comunismo significa exonerar o fascismo e o seo que o xera e o alimenta, é dicir o sistema explotador capitalista. É por iso que mentres os comunistas están sendo perseguidos e condenados, mentres os partidos comunistas en varios países da UE están sendo prohibidos, ao mesmo tempo renden honores e proporcionan pensións aos colaboradores dos nazis e aos seus descendentes políticos.

Os traballadores e os pobos xa poden tirar conclusións sobre o feito de que a intensificación do anti-comunismo sinala o fortalecemento das medidas antipopulares, a restrición dos dereitos obreiros populares, o desencadeamento de novas guerras imperialistas.

A luz da verdade brillará. Cen anos despois da Gran Revolución Socialista de Outubro a superioridade do sistema socialista non se pode ocultar por moitas toneladas de lama que arroxan. Os povos a través da súa loita atoparán o camiño cara a unha sociedade onde a riqueza pertenza aos que a producen, cara ao socialismo-comunismo.

O listado de asinantes pode consultarse no seguinte enlace

http://es.kke.gr/en/articles/The-Communist-and-Workers-Parties-denounce-the-anti-communist-fiesta-being-organized-by-the-Estonian-Presidency-of-the-EU/

Denunciamos as sentenzas do xuízo farsa contra os 24 patriotas saharauis do campamento da dignidade Gdeim Izik

A UPG mostra unha vez máis o seu total apoio ao povo saharaui en loita polo seu lexítimo dereito a constituír un estado propio nos territorios neste momento ocupados polo estado marroquí;un estado marroquí que vén de demostrar o seu desprezo polos dereitos humanos coas condenas do xuízo farsa que se limitou a oficializar as sentenzas xa decididas anteriormente polo Tribunal Militar, nun xuízo farsa que estivo cheo de irregularidades, denunciadas polos observadores internacionais, ao non estar garantido o dereito de defensa dos acusados. Ler máis

Solidariedade con Lula e coa esquerda brasileira

A condena de Luís Inácio Lula da Silva a nove anos e medio de cárcere non é unha actuación xudicial, é un paso máis n intento de consolidación do golpe de estado institucionalque retirou da presidencia do Brasil a Dilma Rousseff, un golpe posto en marcha pola dereita política e económica brasileiras, golpe enmarcado na estratexia imperialista para trabar os procesos progresistas e revolucionarios que en América Latina plantan cara ao neoliberalismo. Ler máis

Saúdo enviado ao Partido Comunista de Venezuela polo seu congreso

Ao XV Congreso Nacional do Partido Comunista de Venezuela

Camaradas:

A Unión do Povo Galego quere facerlles chegar un afectuoso saúdo, desexando que a fase final do seu XV Congreso supoña un gran éxito para os e as comunistas venezolanos, e permita ao PCV avanzar na loita contra o imperialismo e cara á definitiva independencia, defendendo as conquistas do proceso político iniciado polo Comandante Hugo Chávez e ao tempo denunciando o entreguismo e a corrupción. Ler máis

Condenamos a detención por parte de Israel da deputada palestina e dirixente da FPLP Khalida Jarrar e esiximos a súa liberación inmedita

Diante da detención no día de onte da deputada e dirixente da Fronte Popular de Liberación de Palestina Khalida Jarrar e de outr@s activistas palestinos, a UPG denuncia unha vez máis a política xenocida do estado israelí contra o povo palestino, unha actuación que Israel executa con apoio explícito duns gobernos occidentais que miran cara outro lado. Ler máis