A UPG mantén a vixencia do seu ideario no acto político polo seu 50 aniversario. Reafirma a súa aposta na soberanía e na conquista da República Galega, co BNG como referencia.
Un acto político, no que tamén houbo lugar para as emocións, foi o formato utilizado para celebrar o cincuenta aniversario da UPG, que se cumpre este 25 de Xullo e que festexou no Pazo de Congresos de Compostela, ante perto de 1000 persoas entre militantes e simpatizantes.
Foron moitas as persoas que se subiron ao escenario para tomar a palabra, co secretario xeral da Unión da Mocidade Galega, Xacobe García, como introdutor. A primeira delas foi Alba Castanedo, a militante máis nova, que achegou a visión da mocidade, a seguir de Pura Ferreño que fixo o mesmo desde o mundo labrego e feminista. Despois, dirixiuse aos presentes Suso Seixo, líder da CIG, que lembrou a importancia da clase obreira e do marxismo dentro da UPG e arrincou unha enorme ovación ao citar a “Henrique e Miguel, compañeiros de Citröen en folga de fame”.
A profesora e secretaria da Fundación Bautista Alvarez, Pilar García Negro, denunciou “a colonización que sofre esta nación” e “a globalización que mata pobos” e considerou “revolucionario” o nacemento da UPG hai cincuenta anos. Pola súa parte, o ex-secretario xeral do partido, Francisco Rodríguez, pediu “non sucumbir á marea confusionista se queremos que Galiza non desapareza”. “Para acadar ese obxectivo necesitamos nacionalismo organizado como un sedento precisa beber”, engadiu. Así mesmo, Rodríguez pediu “ampliar o movemento nacionalista”, algo que el pensa pasa por fortalecer o BNG e incorporar ao mesmo a todo o que se mova “en chave de defensa do país”.
No acto tamén estivo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, que adicou un saúdo en nome da organización frontista aos presentes. Unha das intervencións máis emotivas foi a dun dos fundadores da organización, Bautista Álvarez, que acusou a “aqueles desertores que seica perseguiron a súa liberación persoal pero non a do seu país”. “Para unha nación sometida como a nosa non existe democracia nin antes con Franco nin despois coa monarquía”, engadiu un dos principais referentes históricos do nacionalismo galego, que tamén dixo que “a descolonización da patria comeza pola descolonización das mentes”.
Por último, o actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego, comezou o seu discurso pedindo un “futuro distinto, de liberdade para a nosa patria”. “É preciso rachar coa dependencia para no futuro construír unha sociedade socialista. A República de Galiza non é unha utopía, senón unha absoluta necesidade para o noso país”, explicou o dirixente nacionalista, que situou aos que alí estaban como “herdeiros de Alexandre Bóveda, non do Filgueira Valverde que se puxo ao servizo dos seus asasinos”.
Celebrado o acto político, outras actividades están deseñadas para celebrar este 50 aniversario. A edición dun libro e dun documental sobre a historia da UPG serán outros momentos importantes neste ano, así como unha exposición nacional con diverso material e documentación a realizar no mes de decembro no Pazo de Fonseca de Compostela.