Comunicado da UMG no centenario da revolución de outubro

Hai hoxe cen anos e por primeira vez na historia, a clase obreira tomaba o Palacio de Inverno inaugurando unha nova era na Historia da humanidade.

Hoxe conmemoramos o centenario do maior acontecemento político do século XX, cando os bolxeviques, guiados por Lenin, colocaron o proletariado no poder e comezou a construción dunha nova sociedade sen explotación. Por primeira vez, un proceso revolucionario non substitúe unha clase explotadora por outra, senón que é o pobo quen conquista o poder. Desde aquela insurrección do 25 de outubro de 1917 (7 de novembro no noso calendario), as primeiras decisións e medidas políticas do estado socialista en creación marcaron un claro precedente do carácter revolucionario deste novo goberno.

A Revolución de outubro quixo aplicar de xeito dialéctico as leis xerais do desenvolvemento social estudadas por Marx e Engels, levándoas á práctica polo Partido dos bolxeviques coa dirección de Lenin. O soño de Marx e Engels concretizábase non nun país capitalista desenvolvido senón en Rusia, un país predominantemente rural e nunha situación onde continuaba habendo relacións feudais e a maioría da poboación era pobre e analfabeta. Porén, en Rusia o capitalismo chegara rapidamente á fase imperialista, xa que se tiña xerado un proletariado industrial moi concentrado e explotado nalgúns centros urbanos. Este proletariado tiña como referente o Partido Bolxevique. O éxito da Revolución de outubro é unha mostra da capacidade que teñen as masas organizadas en movemento, que son quen de afrontar todas as dificultades e obstáculos. A URSS foi marcada polas grandes e múltiplas conquistas sociais, políticas, económicas, culturais e científicas. Nun tempo récord, os pobos que compoñían a URSS pasaron do atraso técnico, económico e cultural á calidade de vida dunha grande potencia industrial.

As conquistas da Revolución de outubro son, ademais, moi numerosas e de indiscutíbel importancia: a eliminación da propiedade privada dos latifundistas, a xornada de traballo de 8 horas, o dereito a vacacións pagadas, avances para a igualdade entre homes e mulleres, a despenalización e respecto ás diversas opcións sexuais, os dereitos de baixa por maternidade, a erradicación do analfabetismo ou o acceso á cultura, sanidade e educación gratuítas son tan só algúns exemplos, moitos dos cales son loitas que seguimos a librar hoxe en día.

A Revolución de outubro tamén supuxo a conquista de dereitos democráticos e o protagonismo da clase obreira na xestión económica e social, mentres espertaba a conciencia do pobo e construían un futuro de progreso e paz, que se plasmou mesmo na creación artística.

Teñamos tamén en conta a dimensión internacional do que a Revolución de outubro supuxo para os demais pobos do mundo, transcendendo todas as fronteiras. No tempo que seguiu á creación do estado socialista, sucedéronse diferentes procesos revolucionarios e progresistas no mundo. A URSS alentou e apoiou a creación de decenas de partidos e organizacións comunistas, así como o desenvolvemento de movementos polos dereitos sociais e laborais e movementos pola liberación nacional de nacións colonizadas.  Isto tamén se aplica a países capitalistas, nos que forzou o avance dalgunhas conquistas de dereitos ante o temor de que se estendese o comunismo.

Todas as grandes revolucións do século XX tiveron como referencia a Revolución de outubro, que foi exemplo para moitos pobos que, coma o noso, están inmersos na loita contra o capitalismo e o imperialismo. As conquistas da clase obreira dos países capitalistas, a derrota histórica do sistema colonial e a contención da agresividade do imperialismo ata os anos 90 non se entenden sen a influencia internacional da Revolución de outubro.

Coa caída da URSS quebrouse esta correlación de forzas a nivel internacional, o que conduciu ao cese dos apoios que traía consigo. Supuxo un empeoramento progresivo e continuo da situación da clase traballadora a nivel mundial: a explotación intensificouse, perdéronse dereitos laborais e liberdades individuais e colectivas e sucédense as guerras imperialistas mentres soben as forzas de ultra-dereita xenófobas.  A clase obreira de todo o mundo aínda sofre as consecuencias da desaparición do maior estado socialista do mundo, tras o cal o capitalismo puido avanzar máis agresivamente ao non dar coa oposición da forza do bloque socialista.

Anos despois e cada día cun pouco máis de intensidade, vemos con claridade como a crise estrutural do sistema capitalista fai evidente a súa natureza  opresora e agresiva, que só pode conducir ao deterioro das condicións de vida da inmensa maioría da poboación mundial. O acontecemento histórico que hoxe conmemoramos é a mostra de que segue a ser posíbel crear unha sociedade sen explotadores nin explotados, avanzada, progresista e democrática, coa súa base na igualdade das nacións. Segue a ser un exemplo a seguir para as que loitamos polos mesmos ideais que inspiraron aquela Revolución de outubro en 1917, ideais non só realizábeis senón tamén necesarios.