Declaración da UPG ante a situación en Palestina
O aumento da tensión e da actividade armada entre Palestina e Israel, desde o pasado 7 de outubro hai que enmarcalo na dura realidade de décadas de conflito motivado pola ocupación israelí das terras palestinas e a intransixencia sionista do Goberno de Israel, que nega a posibilidade de existencia dun Estado palestino soberano e leva adiante unha política de agresión planificada e continuada, coa complicidade activa da chamada “Comunidade internacional”.
A actuación militar palestina é unha resposta a meses de asasinatos selectivos, novas ocupacións de territorio palestino por medio de colonos israelís, destrución de vivendas, e provocacións como o ataque á mesquita de Al Aqsa en Xerusalén. No que levamos de ano, e previo ao ataque palestino de hai uns días, Israel levou adiante diversas accións militares tanto na Cisxordania como en Gaza, destruíndo vivendas e infraestruturas básicas para a poboación, provocando a morte de 220 palestin@s e facendo prisioneir@s a máis de 1000, que ao estaren en situación de detención administrativa son privados de calquera dereito.
No pasado mes de xuño o actual primeiro ministro israelí deixou claro que o seu obxectivo é impedir o estabelecemento dun estado palestino e, curiosamente, non houbo resposta nin dos EUA nin da UE ao que era unha auténtica declaración de guerra, declaración acompañada de feitos como o anuncio da ampliación en varios millares das construcións de vivendas de colonos israelís en territorio palestino.
Diante desta situación a ninguén pode estrañar que un pobo oprimido e machucado reaccione en lexítima defensa. Sen dúbida, impactan as imaxes dun conflito que é consecuencia de décadas dun continuo asedio e un proceso de progresivo exterminio, realidade ocultada polos mesmos medios de comunicación que desde hai uns días poñen todos os focos no que alí acontece.
Denunciamos a insensibilidade da chamada “Comunidade internacional” coas vítimas palestinas da violencia israelí: nin unha soa condena ás centenas de asasinatos que se levaban producido no que vai de ano 2023 -como en anos anteriores-, incluídas ducias de crianzas. Denunciamos tamén a actitude cómplice da Unión Europea e do Estado Español que coas súas declaracións e anuncios de retirada das axudas a Palestina, pasaron de trasladar a mensaxe de que son iguais agredido e agresor a se situaren descaradamente do lado do agresor israelí.
Neste momento, os continuos bombardeos sobre Gaza -o maior cárcere a ceo aberto do mundo como consecuencia do total bloqueo israelense desde hai anos- están a provocar un xenocidio que procura a destrución total da Faixa. É urxente a mobilización internacional para denunciar a actitude criminosa do sionismo e reclamar o cesamento dos bombardeos sobre a poboación palestina.
A paz entre os pobos palestino e israelí só chegará cando o pobo palestino poida exercer o seu dereito a construír un estado verdadeiramente independente e soberano sen ter que sufrir os ataques militares e a ocupación do seu territorio.
Manifestamos o noso compromiso, sempre e inequivocamente, do lado do pobo palestino na súa loita contra a criminosa ocupación israelí e por un futuro de paz e liberdade.