Documento aprobado no Comité Central do 9 de setembro de 2023

O Comité Central da UPG reunido o pasado 9 de setembro aprobou o documento que vai a continuación a respecto da nosa análise para o contexto actual e as propostas de actuación política para ese contexto. O documento está sendo sometido a debate nas asembleas comarcais do Partido que se están a desenvolver no conxunto da nación.

DOCUMENTO DO COMITÉ CENTRAL

Saímos de dous procesos electorais importantes e temos pola frente, nun horizonte próximo, novos desafíos políticos e electorais. Para enfrontalos con éxito debemos partir de analizar con detemento os resultados das eleccións municipais e xerais e as leccións que nos deixaron para poder identificar con claridade as nosas fortalezas e fraquezas, especialmente nos ámbitos organizativos e ideolóxico-político. Trátase de reforzar as primeiras e de corrixir as segundas.

Foron ambas eleccións en que o nacionalismo incrementou os apoios electorais en relación cos anteriores procesos, mais é verdade que de forma máis contida do que após as pasadas eleccións galegas parecía posíbel.

Nas eleccións municipais foron gañadas novas alcaldías -significativamente, a da capital da Galiza- mais tamén perdidas outras que levaban tempo en mans do nacionalismo. Este proceso veu a confirmar, máis unha vez, que a principal fortaleza do nacionalismo é a súa base militante, especialmente os sectores máis activos e implicados na realidade social. No entanto, tamén se evidenciou que en moitos concellos esa presenza militante é limitada e, ademais, mesmo nos casos en que é máis importante, nin sempre garante bons resultados electorais se as dinámicas de traballo político no ámbito local non foren as adecuadas.

En consecuencia, é prioritario, por unha parte, traballar por alargar a organización, por implantala en todos os concellos, por mobilizar a base militante, por integrar adecuadamente a nova militancia no traballo político e social e por lle fornecer información e a formación necesaria. Nesta liña, sería imprescindíbel instituír asembleas comarcais de cargos institucionais e responsábeis orgánicos comarcais e locais para coñecer e debater sobre liña política xeral e estabelecer conclusións e uns mínimos para actuar en cada comarca.

Por outra, prestar atención ao traballo político local, procurando sempre a eficacia política e a implicación social nas inicitivas do BNG, mais especialmente atendendo ás dinámicas dos gobernos municipais nacionalistas para que, para alén da xestión, fagan política nacionalista, que contribúa para ampliar a organización e a conciencia nacional. É preciso dar os debates necesarios para, no mínimo, frear a participación de cargos e gobernos nacionalistas en actividades que van en sentido contrario, que simbolicamente reforcen o españolismo ou contribúan para unha maior españolización da nosa sociedade.

Fortalecer a organización e alargar a concienca nacional é esencial para o nacionalismo poder avanzar. Comprobamos nas eleccións xerais como a fraqueza das dinámicas políticas propias posibilitou que parte do potencial electorado nacionalista fose arrastrado polas dinámicas de ámbito estatal e a polarización -que sempre beneficia o bipartidismo tradicional que sustenta o réxime- entre “esquerda” e dereita.

Unha polarización que aproveitou a esquerda sistémica para apelar -con certo éxito- ao voto útil, o que, con certeza, afectou o resultado do nacionalismo facendo con que o incremento do apoio electoral non fose suficiente para cumprir o obxectivo de aumentar a representación en Madrid. Tanto foi así que mesmo un espazo político á baixa no conxunto do estado e cunha débil estrutura organizada na Galiza apareceu a ollos de parte do noso electorado como unha opción de “voto útil para frear a dereita”.

É preciso, por tanto, esforzarse por situar o discurso político do BNG de forma permanente no campo do nacionalismo, evitando o deslocamento acentuado para o eixo dereita-esquerda, que xera confusión coa esquerda española, e reforzando o perfil nacionalista. Lanzar os debates precisos para que a nosa base social se clarifique sobre o feito de que o conxunto das forzas estatais, da ultradereita á chamada esquerda, partillan a defensa do réxime de 78 e dun modelo de Estado unitario que está na base dos problemas estruturais que padece o noso País: a espoliación dos nosos impostos, a drenaxe do noso aforro, o espolio eólico e enerxético, a discriminación histórica en investimentos e infraestruturas ou as limitacións a sectores produtivos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o marisqueiro.

Evidenciar isto, a partir de propostas e exemplos concretos é o que vai permitir estender na sociedade a confianza nunha forza política propia,a necesidade da autoorganización e a asunción dun axioma en que se sustenta o nacionalismo galego: na nosa situación de dependencia a contradición principal é Galiza-España ou, se se quixer, en termos políticos nacionalismo-españolismo. Avanzar nesa conciencia -aínda que for a nivel intuitivo- significa reforzar as opcións futuras do nacionalismo, tamén no ámbito electoral.

Sobre esta base, temos de preparar os próximos desafíos políticos e electorais, coa prespectiva de que o nacionalismo continúe gañando apoios sociais e fortalecéndose politicamente.

Temos por diante, en primeiro lugar, enfrontar unha crise social e económica que se reactiva e se agrava, acentuando as consecuencias negativas para as clases populares galegas. É preciso facelo con iniciativas políticas e institucionais, mais tamén con mobilización social, frente á pasividade cómplice das forzas estatais e a aplicación sumisa por parte dos gobernos de políticas neoliberais impulsadas pola Unión Europea ao servizo dos intereses da oligarquía.

E aínda, nun horizonte próximo, unhas eleccións galegas para as que o BNG ten marcado publicamente o obxectivo de producir unha mudanza política no País, derrotando o Partido Popular e encabezando, por primeira vez, o Goberno Galego. É un obxectivo ambicioso, que temos que manter socialmente, partindo, no entanto, de coñecer as dificultades existentes e procurando corrixir todo aquilo que nas dinámicas e inercias da propia organización poida dificultar alcanzalo.

Estamos a falar dun contexto político complexo, cun Partido Popular que, aínda após o revezamento na Xunta, mantén unha importante fortaleza no noso País; un PSOE que pode verse reforzado se -como parece posíbel- revalida o Goberno español, e cun espazo da esquerda española que, a pesar da súa fraqueza organizativa no noso País, mantivo unha posición electoral forte e reactivou as súas posibilidades de cara ás galegas. Este é o escenario realista de que temos que partir e do que internamente temos que ser conscientes.

Con todo, a espectativa de que a mudanza política se poida producir e a posición de primeira forza da oposición poden xogar a favor do BNG se formos capaces de mellorar a eficacia do traballo político, organizativo, de comunicación e de mobilización da base militante. Para isto é necesario, cando menos:

–         Modular o discurso, enchéndoo de contido e evitando que a ollos da cidadanía poida aparecer exclusivamente como un afán electoralista. Debe apoiarse, aliás, nunha acción institucional nos gobernos e na oposición que sexa coherente co programa que temos estabelecidoe conectada coa nosa base organizada, sempre con afán de aumentar a nosa introdución social.

–         Para alén das conferencias de imprensa e a presenza mediática, con eficacia sempre limitada que dificulta que sexa percibido todo perfil propio, é necesariopriorizar actos políticos abertos en todos os concellos en que exista nacionalismo organizado ou se poida organizar, garantindo a presenza de militantes e simpatizantes, con contido político claro en función das campañas xerais que se planifiquen e visando esclarecer a nosa liña política, o noso programa e os nosos obxectivos. É a mellor forma de manter informada a nosa base social e de mobilizar a militancia.

–         Garantir desde xa a presenza continuada no territoriodas e dos principais cargos orgánicos e institucionais, coa debida preparación e planificación, para esclarecer a nosa base social sobre os obxectivos políticos que deben sustentar a mudanza de goberno na Galiza e o que o nacionalismo significa para o pobo galego. Para alén de información e formación, sempre esenciais, isto contribuirá a reforzar a imaxe de cohesión e liderado colectivo, fundamental nun movemento como o nacionalista.

–         Definir e estruturar con precisión os puntos básicos dunha proposta nacionalista para gobernar Galiza no marco autonómico e con ansias e esforzos por superalo, delimitando ben os elementos definitorios e conflitivos, no entanto básicos, a respecto da esquerda española.

–         Desenvolver actuacións a nivel nacional, comarcal e local para aumentar a conciencia do pobo galego de forma que se considere a si mesmo como referencia política fundamental, desde a concepción de sermos capaces de nos responsabilizarmos de nós propios se quixermos ter un futuro mellor: artistas galegos e galegas nas festas e eventos populares; uso da bandeira e o himno de Galiza; importancia do combate cultural (historia, patrimonio,coñecemento do país…); a situación da lingua e a situación económica e social do país.

–         Planificar accións nos espazos sociais e sindicais para mellorar a conciencia galega da clase traballadora e das clases populares. Debe facerse cos medios máis adecuados en cada caso, prevendo todo tipo de actos, información, debates, intervencións… sobre cuestiónsvitaispara o País: a invasión eólica e as consecuencias; o sistema de financiamento; a reforma laboral; os dereitos lingüísticos e o papel económico, político e cultural da Galiza; o carácter colonial do noso País e a mentalidade do colonizado… Galiza non  existirá como pobo se a clase traballadora e as clases populares non a tiveren como referencia esencial.

–         Frente á tendencia a que o electoral/institucional ocupe todo o espazo, impulsar a actividade social e política da militancia nacionalista, mesmo a mobilización popular nun contexto de espolio e de crise social e económica que, lonxe de ceder, repunta e continúa sendo un problema de primeira magnitude. Dar a este labor a orientación adecuada que contribúa tamén para reforzar o perfil nacionalista e a conciencia nacional.

–         Acompañar esta liña de traballo con propostas que, tamén no ámbito institucional, e sen esquecer as cuestións sociais -polo contrario, vinculando ambas-, poñan o foco na cuestión nacional: competencias, lingua, novo modelo de financiamento, novo status para a Galiza…

En todo o caso, como Partido temos que asumir a responsabilidade de mellorar o noso funcionamento e clarificar o conxunto da militancia sobre as nosas posicións, fortalecendo a coherencia interna en beneficio dunha intervención política máis eficaz.Tamén no que ten a ver co crecemento militante do Partido e da UMG e co impulso á formación da nova militancia nacionalista, que debe ser unha prioridade.

Para iso, temos que impulsar decididamente o debate político e ideolóxico no Partido e no nacionalismo, como medida básica de información e formación militante e prestar especial atención e esforzo ao traballo político e o aumento da incidencia no ámbito estudantil e xuvenil, mellorando a nosa capacidade de influencia neses sectores.

Son, aliás, cuestións que deben ser abordadas en profundidade nas Teses do próximo Congreso do Partido, de forma que permita un debate esclarecedor e produtivo.

Galiza 9 de setembro de 2023.