No 50 aniversario da celebración a UPG chama a participar masivamente nos actos do BNG do Día da Patria Galega

Estamos nas vésperas do Día da Patria Galega, a grande cita anual en que celebramos a festa nacional da Galiza, enfatizamos o compromiso nacionalista coa defensa dos dereitos do pobo galego e salientamos a reivindicación da soberanía. Mais o 25 de xullo é tamén a ocasión máis favorábel para que o nacionalismo, como proxecto político que encarna a vontade do noso País de actuar como nación, se dirixa ao conxunto da sociedade galega para explicar as razóns polas que é precisa unha mudanza de marco político, que saque a Galiza da dependencia e a coloque con capacidade e decidir por si propia e de construír un futuro de prosperidade e de liberdade.

Neste ano 2018, a mobilización do Día da Patria é tamén una data de conmemoración ao cumprirse 50 anos da restauración da celebración no formato actual por iniciativa do noso Partido, a UPG, que no ano 1968 chamara ao conxunto do povo galego a una concentración na Praza do Obradoiro.

Ese 25 de Xullo de 1968 a capital de Galiza amenceu tomada pola Policía Militar que tentaba impedir a celebración do Día da Patria Galega convocada pola Unión do Povo Galego. Porén, as forzas represivas do franquismo, non foron quen de evitar que os nacionalistas penduraran na entrada da Alameda compostelá unha faixa co lema “Viva Galiza ceibe e socialista” que mantivo presente a reivindicación nacionalista. A resposta policial era a reacción do réxime a intensa campaña de propaganda que a UPG desenvolveu durante as semanas previas ao longo da nación chamando a participar da mobilización patriótica e que se concretou na distribución de milleiros de follas voandeiras, redactadas e impresas en Madrid por Bautista Álvarez, que permitiron que a reivindicación chegara a cada recuncho da Patria.

Os contidos e as motivacións daquel Día da Patria Galega de 1968, recollidos naquel panfleto redactado por Bautista Álvarez e editado pola UPG, expresaban ás claras a vontade de facer do nacionalismo un movemento de masas, de que o traballo político como forma de construír poder popular non se podería limitar á acción institucional aínda que desaparecese a ditadura e, fundamentalmente, que a loita nacionalista non remataba coa caída do franquismo -que segou a vida de Moncho Reboiras en 1975 e levou ducias de nacionalistas á cadea, ao desterro e ao exilio, senón que implicaba un novo marco xurídico político que garantise unha Galiza soberana ao servizo das clases traballadoras.

E por iso que 50 anos despois seguimos facendo un chamamento  aos traballadores e traballadoras e o conxunto do pobo galego para participar masivamente na marcha do Día da Patria en Compostela que convoca o BNG, coa convicción de que o seu éxito consolidará a alternativa que vai permitir mudar as cousas no noso País

Os militantes nacionalistas que formamos parte da fronte patriótica, o Bloque Nacionalista Galego , seguemos a entender o 25 de Xullo como xornada referencial para reivindicar os nosos dereitos nacionais e seguir avanzando no camiño da autodeterminación e a independencia nacional. As motivacións que moveron os nosos devanceiros a instauraren esta data non mudaron, polo que as e os patriotas galegos seguimos a facer nosa aquela voz de orde recollida na faixa pendurada na Alameda hai catro décadas: Viva Galiza Ceibe e Socialista!