O povo chileno abriu as grandes alamedas

A Unión do Povo Galego felicita ao povo de Chile, á súa clase traballadora e ao conxunto das clases populares polo resultado do Plebiscito Constitucional realizado o pasado domingo;  un resultado que permite iniciar o camiño cara á construción dunha verdadeira democracia deixando atrás o  pinochetismo presente na actual constitución.

O resultado do domingo coa decisión de que a nova constitución saia dun proceso constituínte supón, utilizando as palabras de Salvador Allende, que se abriron as grandes alamedas e por elas transitan os homes e mulleres libres para construír unha sociedade mellor.

O 19 de outubro de 2019 o pobo dixo “Basta!”, iniciándose un período de mobilizacións contra as políticas neoliberais que son responsábeis das desigualdades e  da miseria; mobilizacións que foron reprimidas duramente, regando de sangue as rúas. Pero esa represión non acovardou ao Chile digno que se enfrontara durante anos á sanguinaria ditadura de  Pinochet. A mobilización intensificouse e o resultado do plebiscito é a resposta do pobo á represión e ao novo  pinochetismo.

Desde Galiza animámolos a seguir dando pasos, para que a Constituínte represente os intereses das clases populares e poidan contar cunha nova Constitución que sirva de panca para acometer as transformacións democráticas, políticas e económicas necesarias para encarar a senda da soberanía plena, o progreso e a construción dunha sociedade máis xusta.

 

Saúdo enviado polo noso partido ao Partido Comunista do Chile-PCCh  e ao Movemento de Esquerda Revolucionaria-MIR