Por un novo marco regulador de enerxía

A CIG saíu a rúa o 17 de xuño para esixir un novo marco regulador da enerxía que permita a viabilidade da industria electrointensiva e dos miles de empregos que xera na Galiza.

As delegadas e delegados da CIG da industria electrointensiva concentráronse diante da Delegación do Goberno central, mentres se iniciaba a poxa para o sistema de interrompibilidade, que obriga as grandes empresas consumidoras de electricidade a reducir o seu consumo en momentos puntuais para compensar unha xeración de enerxía inferior a necesaria para cubrir a demanda.

Nesta ocasión, a poxa de adxudicación empeora as condicións das anteriores convocatorias ao reducir os bloques e as contías, incidindo na crise que atravesan as industrias con grandes consumos enerxéticos, e que constitúen un sector estratéxico na Galiza, onde se concentra a maior parte desta industria no estado.

Para a CIG, esta poxa é unha auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector, que a pesares dos grandes excedentes de produción eléctrica da Galiza non se beneficia duns prezos acordes polas negativas do estado español a permitir a creación dunha tarifa eléctrica galega, tanto doméstica coma industrial.

Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que levan “anos mobilizándonos na defensa dunha regulación máis xusta e equitativa, que recoñeza o estatus da industria electrointensiva a través da creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel”.

Para a UPG, está situación só supón un novo exemplo das problemáticas estruturais xeradas pola opresión económica do colonialismo español, que impide o aproveitamento dos nosos recursos favorecendo a outras zonas do estado que non poderían desenvolver as súas actividades neste sector económico sen o espolio da produción eléctrica galega.

Por iso seguiremos loitando por una tarifa eléctrica galego como medida táctica até dispor de maneira soberana dos recursos económicos do noso País.