10 de marzo- Día da Clase Obreira Galega – Folga Xeral en Ferrolterra

O 10 de Marzo, Día Clase Obreira Galega, conmemoramos as loitas vividas no 1972. Mobilizacións nas que en Ferrol foron asasinados pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel, mártires do movemento obreiro galego contemporáneo e da loita contra a precariedade e polo dereito á negociación colectiva en Galiza.

Esta loita segue vixente e máis necesaria que nunca, por iso, o 10 de marzo deste ano está convocada unha folga xeral na comarca de Ferrol para reclamar o fin da destrucción de emprego e reverter a crise industrial na bisbarra.

O deterioro laboral dos estaleiros, a falla de carga de traballo para Navantia, o peche da Central Térmica das Pontes e de Meirama, de Siemsa-Gamesa, a falla de garantías de continuidade no caso da fábrica de Alu-Ibérica, o peche dos centros de traballo de Naturgy na Coruña e a propia situación da industria electrointensiva que pon en risco a comarca da Mariña, está levando a unha situación de crise a todo o norte da Galiza.

Toda esta realidade exemplifica o que ocorre noutras comarcas do país e en moitos sectores económicos (hostalería, comercio, sector bancario, etc) polos efectos da crise e pola nefasta xestión que dela fan os Gobernos español e galego, que son incapaces de tomar medidas para afrontar esta situación e frear a destrución de emprego.

Estamos comprobando que, de novo, se pretende saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega, con políticas máis centralistas que reforzan nas elites españolas a concentración de riqueza e de máis beneficios, aplicándose a fondo na chamada unidade de mercado e acudindo aos fondos europeos, que traerán novos recortes socias e máis empobrecemento ás clases populares.

Por todo isto, a CIG esixe cambios reais, un plano galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza, de recuperación dos dereitos laborais e sociais sobre a base da derrogación das reformas laborais, dunha transición enerxética galega xusta, de reforzar os servizos públicos, de aprobar medidas urxentes de protección e dereitos sociais, etc.

O 10 de Marzo é un día para dar unha resposta colectiva e de defensa dos nosos intereses desde unha perspectiva nacionalista e de clase, desde a mobilización e a activación social para que poidamos conquistar o dereito a vivir e a traballar dignamente na nosa terra. Así pois animamos á toda a militancia partidaria a participar activamente en todas as accións que ten convocadas a CIG.