1º de Maio. Soberanía nacional en favor do pobo traballador galego
A maioría social que representan as clases populares e traballadoras da Galiza enfronta un contexto marcado pola crecente precariedade laboral, o avance da crise industrial, o empobrecemento social e o recorte nos servizos públicos.
As nefastas políticas aplicadas polos gobernos do Partido Popular na Xunta de Galiza provocaron que o pasado ano 2023 concluíse con case 27 mil postos de traballo menos no noso País dos existentes na altura de 2009. Unha realidade que ten sido especialmente dura no sector industrial, en que nese período foi destruído 14% dos empregos, dando conta do alcance da desertización produtiva que padecemos e que implica unha seria ameaza para o desenvolvemento da nosa nación. A grave crise industrial ten colocado nunha situación límite actividades estratéxicas como a construción e reparación naval, especialmente na área de Vigo, e coloca nun escenario de importantes dificultades a automoción. É por iso que a exixencia do nacionalismo galego, quer a nivel político quer a nivel sindical, dun xiro radical nas políticas económicas e produtivas é hoxe unha evidente urxencia.
A reforma laboral aprobada polo Goberno español de PSOE-Podemos (agora Sumar) non só non permitiu a recuperación efectiva dos dereitos que foran roubados nas anteriores reformas, senón que acabou por afondar na precarización das condicións laborais. Así o demostra o brutal aumento da contratación fixo-descontinua, que non ten maior utilidade que a de maquillar a nivel estatístico a realidade laboral, ou o aumento da contratación a tempo parcial con infrasalarios, que xa atinxen preto de 25% dos contratos.
A precariedade ten como correlato o maior empobrecemento da clase traballadora. Hoxe 1 en cada 3 traballadores e traballadoras galegas teñen ingresos por debaixo do salario mínimo. Unha realidade agravada pola carestía da vida ou o grave problema de acceso social á vivenda, cun aumento de máis de 44% do prezo dos alugueres na última década.
É claro que para alén da necesidade urxente dunha mudanza nas políticas aplicadas tanto polo Goberno galego como polo Goberno do Estado, a mellor defensa dos intereses do pobo traballador galego pasa ineludibelmente pola conquista da plena soberanía nacional para a Galiza. Para nos dotarmos de plena capacidade de decisión que permita orientar as políticas económicas, industriais, sociais e laborais, ao servizo dos intereses da maioría social e do desenvolvemento do propio país. Para construírmos unha nova Galiza, ceibe e sen explotación, a nación prospera e libre que soñamos e merecemos.
No camiño da independencia é fundamental seguir a alargar socialmente a causa do nacionalismo galego, así como a fortalecer o sindicalismo nacionalista e de clase organizado na CIG e que hoxe se configura como primeira forza sindical na Galiza. Apostando na mobilización e no conflito, na certeza de que a loita é o único camiño.
Así pois animamos ao conxunto da militancia da UPG e ao conxunto do pobo galego a participar nas manifestacións que a CIG ten convocadas no conxunto da nosa nación neste 1º de maio de 2024. Máis información na páxina web da CIG.