8 de marzo, mulleres en folga

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a CIG convoca unha xornada de folga de mulleres. Dentro da convocatoria de folga están previstas mobilizacións durante a mañá do dia 8 en cidades e vilas de Galiza para facilitar a participación de todas durante a xornada.

Co fin de garantir o cumprimento de todos os requisitos derivados da pandemia, nas asembleas acordouse promover actos a nivel local, evitando desprazamentos, organizar as manifestacións en columnas de mulleres, garantindo a distancia interpersoal de máis de metro e medio, e uso de máscara de protección.

Fronte a campaña de “desprestixio e boicot” que se está poñendo en marcha, a secretaria das Mulleres, Margarida Corral, denuncia que “ao poder non lle interesa a resposta na rúa” e que, coa escusa da pandemia, “está facendo un chamado a non mobilizarse cando, porén, permitiu manifestacións da ultradereita, saltándose límites perimetrais, e acudindo mesmo sen protección”.

Corral subliña que “os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora, máis que nunca, saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres e visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.

Lembra que por isto “novamente convocamos folga de mulleres de 24 horas” e reitera o chamamento a participar activamente nas mobilizacións que se realizarán en todo o país, cumprindo estritamente con todas as medidas de seguridade.

Pola súa banda, o BNG lanzou unha campaña baixo o lema: Sostemos o presente, cambiemos o futuro; para visibilizar os empregos das mulleres que foron imprescindibles para “manternos a flote” durante a pandemia e que non son “recoñecidos nin melloradas as súas condicións laborais” e en moitos casos aínda non foron vacinadas a pesar de ser esenciais, polo que propón “un Plan de Emprego feminino” que permita saír as mulleres dos empregos máis precarizados.

Xa pola tarde do 8M están tamén convocadas diversas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego. Podes seguir toda a información das organizacións e colectivos feministas aglutinados en Galegas 8M no mapa desta ligazón http://galegas8m.gal/convocatorias/convocatorias-8m-2021/ pois é previsíbel que nos próximos días se confirmen máis convocatorias. É recomendábel ademais que consultedes as informacións dos colectivos locais e comarcais de referencia.

Dende a UPG facemos un chamamento a apoiar e publicitar a campaña do  BNG, participar na xornada de folga e nas mobilizacións convocadas pola CIG e nas manifestacións da tarde do 8 de marzo convocadas polo movemento feminista galego.