Análise e propostas do Comité Central da UPG para o contexto actual
O Comité Central da UPG reunido o pasado 21 de marzo aprobou o documento que vai a continuación a respecto da nosa análise para o contexto actual e as propostas de actuación política para ese contexto. O documento está sendo sometido a debate nas asembleas comarcais do Partido que se están a desenvolver no conxunto da nación.
Estamos inmersos nun contexto social e político especialmente complexo, en que conflúen factores diversos. Ás consecuencias da pandemia e das políticas económicas desenvolvidas nese período vén a sumarse a guerra de Ucraína que, para alén das repercusións propias dun conflito bélico e as súas derivadas no ámbito político, ten como efecto agravar os problemas económicos que se viñan xestando até provocar unha situación de escalada descontrolada dos prezos que ocasiona crecentes dificultades e empobrecemento das clases populares do noso país.
Todo isto, no medio da inacción dun Goberno español que non está disposto a adoptar medidas que poñan en cuestión os intereses dos grandes poderes económicos, como demostrou co decreto frustrado sobre os lucros das eléctricas ou a non derrogación da reforma laboral, e aínda, da crise do Partido Popular que acaba por provocar a mudanzas no goberno galego.
Estamos a falar dunha situación que levará, sen dúbida, a agudizar a ofensiva antisocial, o que necesariamente nos obriga a reaxir de maneira rápida e contundente. En todo o caso, trátase dun contexto que se, como sempre, non é fácil para o nacionalismo galego, ofrece evidentes oportunidades para progredir e consolidar un proxecto político con máis capacidade para condicionar o futuro político deste país e avanzar no camiño da soberanía. A premisa é acertar en cada momento na orientación das políticas e liñas de traballo a desenvolver.
Por iso, dentro da preocupación permanente do noso Partido por contribuír para o fortalecemento do nacionalismo galego con análises certas e alternativas e propostas adecuadas, que redunden en aumento da organización, da conciencia nacional e do apoio social, recuperamos algunhas cuestións abordadas nos últimos tempos e acrecentamos outras novas que teñen a ver co contexto actual.
1. En primeiro lugar, achamos que os importantes desafíos que o nacionalismo ten por diante nos ámbitos social, político e electoral, exixen toda a capacidade operativa e de intervención que posuímos. Iso significa ‘desconfinar’ e activar organización e mobilizar o conxunto da militancia nacionalista, especialmente nun contexto social e político moi complexo que vai exixir como nunca a presenza na rúa e nos conflitos sociais.
2. Aliás, é preciso aproveitar o bon momento do nacionalismo para continuar traballando en fortalecer e alargar a organización, incorporando novas persoas e promovendo a formación política necesaria e o encadramento en ámbitos de traballo específicos e adecuados a cada caso, priorizando a integración no tecido asociativo. Agrandar a organización nacionalista debe ser un obxectivo prioritario para todas e todos nós.
3. Neste sentido, é preciso ampliar a participación militante, incorporando activistas ao traballo social que, polo seu labor dentro dos movementos, se constitúan en referentes tanto internamente, como de cara a fóra. Non abonda con aparecer de reforzo nas mobilizacións. É preciso levar a iniciativa e ser capaz de marcar unha axenda propia dentro dos movementos sociais facendo que a conciencia nacional sexa o eixo vertebrador do discurso e da acción e iso permita facer de muro de contención de dinámicas españolistas e fortalecer a práctica da auto-organización.
4. Poder abordar con éxito os retos inmediatos pasa tamén por acertar no enfoque do traballo político en todos os ámbitos. Como moi ben foi recollido nas Teses da última Asemblea Nacional, a recuperación e crecemento do BNG sustentouse na coherencia do proxecto nacionalista, desde a práctica da auto-organización a un discurso desacomplexadamente soberanista pasando pola defensa intransixente dos intereses da Galiza e das nosas clases populares. Esa fórmula de éxito é, a noso xuízo, a que debe soster o novo salto adiante que precisamos.
5. É evidente que manter esa coherencia é a premisa para podermos continuar avanzando. A hipótese de esvaecer o carácter nacionalista do BNG para gañar novos apoios non contribúe para fortalecer a conciencia nacional nin a solidez política e ideolóxica da organización e tampouco asegura o aumento do apoio electoral.
6. Sobre esa base, é preciso, sen dúbida, mellorar a capacidade de chegar á sociedade, a comunicación e a difusión das propostas políticas do nacionalismo. Para iso é bon perfeccionar un estilo de comunicación propio e discursos con contido político que resulten atraentes e facilmente identificábeis coas posición nacionalistas.
7. A crecente agresividade da imprensa sistémica co conxunto do nacionalismo, sen dúbida reflexo da preocupación nas forzas do réxime polo crecente apoio social que concita, debe levar a reduplicar os esforzos para comunicar con medios propios, de forma directa. E aínda, a reforzar desde os ámbitos social e institucional un espazo galego de comunicación que gañe influencia e se sitúe en condicións de romper o cerco mediático dominante.
8. Temos insistido moitas veces en que o nacionalismo ten obxectivos sociais e políticos fundamentais e que, en consecuencia, o campo de acción política excede o institucional para asegurar unha presenza permanente e activa no tecido social. Isto é especialmente relevante no contexto que se está a abrir de crecentes dificultades sociais e económicas que xerarán conflitividade e contestación social que o nacionalismo ten que aspirar a promover, organizar e liderar. Nese sentido, a mobilización social e o conflito na rúa ten de ser reflectido adecuadamente nas institucións en que o BNG ten presenza.
9. Neste liña, é necesario acentuar -na rúa e nas institucións- a oposición ás políticas antisociais que está a desenvolver o Goberno español: reforma das pensións, non derrogación da reforma laboral, mantemento da Lei da Mordaza, inacción -cando non complicidade, como aconteceu coas eléctricas- frente á escalada brutal de prezos que empobrece as clases populares, anuncio do aumento do gasto militar de 0,9 a 2% do PIB, políticas belicistas ao mandado da OTAN… Debemos facelo, aliás, desde a conciencia de que, se non houber unha oposición a estas políticas desde o soberanismo e a esquerda, a decepción e descontento que xeran podería ser capitalizado pola demagoxia e o populismo da ultradereita españolista, que non dubida en se presentar como anti-sistema cando na realidade son o último baluarte do sistema.
10. No mesmo sentido, precisamos de reforzar o papel do BNG na oposición ás políticas destrutivas do Partido Popular que, con independencia da saída de Feixoo do Goberno galego, van continuar. Como o fará a actitude belixerante que PP e PSdeG-PSOE partillan en relación ao BNG. En todo caso, nunha situación de especiais dificultades económicas para as clases populares e as maiorías sociais, tórnase chave exixir que a Xunta comece a actuar como un verdadeiro goberno da nosa nación, despregando toda a capacidade de acción para protexer os intereses do noso pobo.
11. Para ese reforzo do papel do BNG, a noso xuízo, é fundamental a presenza permanente dos deputados e deputadas nacionalistas e de todos os cargos institucionais nas comarcas e localidades, asumindo, para alén do rol institucional, un papel activo no impulso ao traballo social e á organización neses ámbitos. Tamén na mocidade é fundamental o activismo dos cadros xuvenís con presenza institucional para reforzar o traballo e a organización de Galiza Nova.
12. Como xa temos reflectido en ocasións anteriores, é preciso axustar adecuadamente o xogo político entre táctica e estratexia. Deixando patente que o noso obxectivo estratéxico é unha República da Galiza soberana e a defensa do dereito de autodeterminación, temos de impulsar propostas tácticas que cuestionen a submisión a Madrid e o impasse político en que a Galiza está ancorada, aínda que sexa só para provocar un debate social que evidencie as contradicións das forzas de obediencia española e as limitacións dun rexime político incapaz de aceptar a mínima mudanza positiva.
13. Nesa liña, van propostas -que é preciso sacar do ámbito exclusivamente parlamentar para levar ao debate social- como un novo marco xurídico-político que nos recoñeza como nación e blinde a capacidade de decidir; un modelo de financiamento baseado no concerto económico e na recadación dos impostos por medio dunha Facenda galega, ou reivindicar completar as transferencias previstas, entre elas, pola súa relevancia, a de tráfico e seguranza pública co despregamento da policía galega.
14. Ademais, o nacionalismo debe resituar como central a cuestión da lingua, tanto no discurso como na práctica social e institucional. No mesmo sentido, é necesario prestar atención ao impulso das manifestacións culturais galegas e mesmo á defensa e difusión de todos os elementos simbólicos que nos identifican como pobo. Debemos ser conscientes de que este é hoxe por hoxe un dos campos preferencias en que o españolismo lanza a batalla das ideas, de modo que o nacionalismo debe reaxir adecuadamente se non quixermos perdela.
15. No ámbito electoral, as próximas eleccións previsíbeis son as municipais. Nese horizonte, para alén de reforzar o traballo nas cidades e vilas grandes, sen dúbida esencial polo peso demográfico e importancia política que teñen, debemos atender a preparación das candidaturas nos concellos medios e pequenos xa que isto é vital para asegurar a presenza nacionalista no conxunto do País. Aliás, temos que ter claro que as eleccións municipais van máis alá dunha aposta puramente electoral, pois son as máis propicias para unha campaña de expansión orgánica do BNG, polo debemos velas como unha oportunidade de alargar a organización e de erguer a conciencia política da nosa base social, sen desaproveitar para debater sobre a situación política en que estamos e a clarificación de propostas e obxectivos políticos do nacionalismo.
16. En todo o caso, é preciso intensificar xa o traballo político nas localidades, quer de ámbito municipal, quer de carácter xeral, sempre cunha perspectiva nacional. Canto ao primeiro, cómpre fuxir das actuacións rutineiras e procurar sempre que o labor municipal estea vinculado á realidade e as preocupacións sociais e aínda, á participación veciñal. En relación coas cuestións de carácter xeral, poden ser elementos de grande dinamización política se se abordaren adecuadamente, sexa a loita por mellores servizos (por exemplo a sanidade) sexa a actividade política ou cultural de carácter nacional.
17. No momento actual, a deflagración do conflito bélico coa intervención de Rusia na Ucrania, descaradamente alimentado polo belicismo e expansionismo dos EUA e a OTAN, require dunha posición activa do nacionalismo en defensa da Paz e a soberanía dos pobos, desde a coherente posición antiimperialista que sempre defendemos.
Así, o rexeitamento da intervención rusa, a exixencia do cesar fogo e da retirada das tropas rusas, a defensa da soberanía de Ucrania e do respecto á vontade popular dos pobos do Donbass deben ir sempre acompañados da denuncia do imperialismo e militarismo que sob o comando dos Estados Unidos actúan por medio da Alianza Atlántica, facendo xogar un papel submiso ao seu servizo aos estados de Europa e á propia Unión Europea.
18. Aliás, debemos ser conscientes que estamos perante un conflito que se explica en parámetros políticos e xeoestratéxicos globais, en que está en xogo a conformación dunha nova orde mundial, máis multipolar. Con todo, o embate comandado por uns EUA en decadencia que se empeñan en manter a súa hexemonía, provoca efectos preocupantes, ligados a evidentes pulsións autoritarias. Á campaña de lexitimación social da OTAN e da UE, engádese o descarado recorte da liberdade de expresión e a pretensión de impor o pensamento único, o que perfila un escenario preocupante.
19. Mesmo que sexa evidente que a presión política e mediática é esmagadora a favor do belicismo da OTAN, o nacionalismo galego mantivo con dignidade a súa histórica posición pacifista e antiimperialista e debe continuar a facelo tanto nas institucións como nas rúas.
20. É preciso denunciar tamén a actitude vasalática do Goberno español en relación aos intereses dos EUA, actitude que se evidencia non só no seguidismo submiso e acrítico en relación ao conflito de Ucraína, senón tamén na viraxe en relación ao conflito do Sáhara ou mesmo no anuncio do incremento do gasto militar. Así pois, temos que exixir cesamento do envío de armas e a retirada dos efectivos militares despregados na zona; a renuncia a duplicar o gasto militar -o que, ademais, irá en detrimento de políticas sociais e/ou de desenvolvemento económico-, e reclamar unha rectificación da decisión do Goberno de apoiar a posición marroquina sobre o Sáhara. Non só constitúe unha nova traizón do Estado español ao pobo saharaui, senón que se sitúa á marxe da legalidade internacional que se orienta a garantir o dereito de autodeterminación para a soberanía e independencia da RASD, posición que debe manter con firmeza o nacionalismo galego.
Galiza, 21 de marzo de 2022.