Avalación dos resultados electorais e liñas de traballo a desenvolver. Resolucións do Comité Central.

É claro que o nacionalismo saíu moi reforzado das pasadas eleccións galegas, após o grande resultado electoral do BNG. Analizar correctamente as chaves dese resultado é fundamental para acertar tamén nos próximos pasos a dar. Co obxectivo de contribuír para que o nacionalismo continúe avanzando e fortalecéndose, o Comité Central da UPG debateu e tirou as seguintes conclusións:

  • Os resultados electorais son froito da coherencia política e dunha traxectoria inequivocamente nacionalista nos últimos anos que, se non foi fácil, hoxe podemos certificar –máis unha vez- como absolutamente necesaria. As decisións que o noso Partido, xunto con outros moitos compañeiros e compañeiras do BNG, adoptou en momentos críticos, especialmente para manter un nacionalismo actuante socialmente sobre a base do principio de autoorganización -tamén no plano electoral- resultaron imprescindíbeis para que hoxe esteamos onde estamos.
  • Tamén por apostar, neste contexto de crise social e política do rexime español, por una liña política e ideolóxica decididamente soberanista e de transformación social, mesmo que nen sempre conseguísemos que se percibise socialmente con suficiente claridade.
  • A recuperación da presenza no Congreso e o traballo desenvolto alí axudou de forma importante a mostrar novamente o BNG como a mellor ferramenta para a defensa dos intereses da Galiza e contrastar de maneira clara co sucursalismo e a submisión das forzas de ámbito estatal.
  • O papel desenvuelto pola nosa candidata e Portavoz, especialmente pola súa capacidade comunicativa e a valoración social moi positiva, permitiu pór o ramo a todo ese traballo político e organizativo, facendo críbel a alternativa e permitindo que na campaña electoral fósemos gañando espazo e apoios. Os resultados tamén poñen en valor a cohesión e unidade interna que temos que seguir a manter e alimentar.
  • A Galiza ten un comportamento político e electoral diferenciado. Non somos unha simple provincia. Hai unha conciencia nacional subxacente moi importante, que mesmo obriga o PP a agochar as siglas e a formular unha campaña -ainda que sexa por oportunismo electoral- claramente centrada na Galiza.
  • A importancia de ter unha organización forte, mobilizada e con presenza en todo o País e no conxunto da sociedade. Os resultados electorais sempre poden ser conxunturais, mais a existencia dunha organización forte é garantía da pervivencia do proxecto político para alén dos vaivéns electorais ou das oportunidades que os medios do sistema queiran dar ou quitar. Só con marqueting electoral os proxectos políticos non perviven, menos aínda se -como o BNG- cuestionan claramente o réxime actual.
  • A mobilización e a participación na conflitividade social dá tamén froitos electorais. O nacionalismo crece nos conflitos sociais, desde a súa capacidade de analizar, presentar alternativas e liderar a resposta social.
  • É claro que o resultado do BNG non reflicte aínda unha mudanza social e política profunda, mais colócao nunha moito mellor posición para ir asentando e fortalecendo as ferramentas que poden facer que esa mudanza se produza máis cedo do que tarde. É preciso aproveitar as oportunidades que dá o novo escenario e traballar na consolidación do espazo político nacionalista, a comezar pola propia organización.
  • Os resultados non deben provocar a ocultación das fraquezas organizativas, políticas e de funcionamento que existen e que é preciso ir corrixindo e resolvendo se quixermos ser máis eficaces.

En consecuencia, entendemos que é preciso desenvolver o traballo futuro atendendo aos seguintes criterios:

  • Manter a liña política que nos trouxo até aquí e que nos permitiu recuperar apoio político e electoral. Para continuar medrando e avanzando para a conquista da hexemonía social, non é preciso nin renunciar nin diluír o soberanismo. Polo contrario, os resultados revelan unha conciencia nacional potencial grande, que é preciso asentar.
  • Centrar os esforzos en alargar e fortalecer a organización, incorporando fundamentalmente persoas novas e prestando atención á formación política e á integración en dinámicas prácticas de traballo. Tamén o Partido ten de considerar una prioridade avanzar en militancia, en formación e en dinámicas de traballo activas.
  • Manter e reforzar a presenza do nacionalismo -tamén no ámbito directamente político- nos conflitos sociais do País, sempre cunha actitude activa que permita marcar as pautas e encabezar a contestación social e as solucións.
  • Orientar o traballo institucional para a relación directa coa conflitividade e o traballo social e políticos. Neste sentido, os cargos institucionais deben ser conscientes de que boa parte do seu labor se debe desenvolver fóra das institucións, incluído o esforzo por incrementar a militancia e fortalecer a organización política.
  • Enfrentar a próxima Asemblea Nacional co obxectivo de que o nacionalismo saia reforzado, especialmente en dous aspectos:
    -Profundizando na liña política definida nas últimas Asembleas e na súa execución práctica, para alén das actualizacións que foren necesarias.
    -Mellorando o funcionamento organizativo a todos os niveis, con dirección politicamente sólidas, que asuman as súas responsabilidades e promovendo a participación e unha actuación coral.
  • No traballo institucional no Parlamento da Galiza debe percibirse unha oposición construtiva, mais contundente, ás políticas nefastas do PP de Feixoo. Aliás, nesta primeira etapa debe ter un papel central a defensa dun novo status político para a Galiza que implique o recoñecemento como nación e a asunción de máis capacidade de decidir.
  • No Congreso, redobrar a exixencia ao Goberno de cumprimento do acordo de investidura e reforzar o papel do BNG como a mellor defensa dos intereses da Galiza, mantendo sempre a independencia de criterio e de actuación. Ao tempo, manter o perfil político soberanista e asentar a colaboración con outras forzas soberanistas para que a Galiza estea sempre presente nos debates sobre a cuestión nacional no Estado.
  • Desenvolver un plano de traballo político que axude a consolidar as
    nosas posicións e a liña soberanista, en tres aspectos:
  1.  Activar a nosa militancia nos debates e no traballo diario, coa implicación dos referentes institucionais. Esforzo especial no reforzamento da UMG como paso previo fortalecer e orientar adecuadamente o traballo xuvenil nacionalista en un movemento estudantil actuante e emerxente.
  2.  Prestar atención ao traballo social en ámbitos que son fundamentais para asentar conciencia nacional e autorganización.
  3. Ter iniciativa e ser capaces de crear posición e xerar opinión social e alternativas a respecto dos temas de actualidade, para alén do traballo político máis inmediato.