Concentración polo galego nas sete cidades

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas o 19 de decembro, ás 20h, en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE  e para reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa.

O lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do galego , e terá lugar nas 7 cidades galegas simultáneamente. Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, sinala que “a evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes”.

As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua.

Diante desta situación, Queremos Galego vén denunciando reiteradamente os incumplimentos da Xunta, confirmados agora polo Comité de expertos e polo Comité de Ministros do Consello de Europa.

Recorda Maceira que “a única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do ensino”.

Apunta Maceira que “se Feixó tivese un mínimo de respecto por Galiza e pola institución que representa xa tería derrogado hai anos o decreto contra o galego”.  A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia.
Neste sentido, a entidade recorda que as dificuldades de uso do galego na xustiza ou na administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal destinado en Galiza.

Dende a UPG unímonos a estas concentracións,  e chamamos a participacións nelas para plantar cara as políticas anti-galegas do PP.