Día de Rosalía de Castro 2022

Como todos os anos desde o ano 2010, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fai un chamamento ao pobo galego a conmemorar o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data actualizada do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Para a edición de 2022 Beatriz Maceda Abeleira foi a escritora escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que foi lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2022 é: #SementadePensamentos. Nesta ligazón pódese acceder a toda a información a respecto das actividades propostas pola AELG, así como doutras moitas entidades: Día de Rosalía de Castro.

De seguido o  Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2022

PENSAR [TE] LIBRE

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.

Rosalía de Castro.

Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.

Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.

Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar” (1), para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.

Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte (2), do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.

Abracemos, entón, a desorde das ideas (3) e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope (4) nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.

Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.

Tal com’as nubes

Qu’impele o vento

Y agora asombran, y agora alegran

Os espaços inmensos d’o ceo,

Así as ideas

Loucas qu’eu teño

As imaxes de multiples formas

D’estranas feituras, de cores incertos,

Agora asombran,

O fondo sin fondo d’o meu pensamento.

(1) Xohana Torres.

(2) Luísa Villalta.

(3) Xela Arias.

(4) María Xosé Queizán.

                                                                                             Beatriz Maceda Abeleira

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#rdc_2022  #SementadePensamentos