Perú abre unha nova etapa

A vitoria de Pedro Castillo na segunda volta das eleccións presidenciais peruanas supón a ruptura cunha historia de décadas de gobernos de dereita, que respondían aos intereses da burguesía e do centralismo limeño, gobernos corruptos e submisos diante das decisións do imperialismo e das transnacionais que explotan os recursos naturais sen que iso redunde no beneficio do pobo.

As presións e os ataques que sufriu Pedro Castillo durante a campaña electoral, xunto coas tentativas para impedir que se cumprira a decisión manifestada polos peruanos e as peruanas co seu voto, demostran que quen sempre dirixiron o Perú teñen medo diante da etapa que se abre.

Pedro Castillo, que nesta segunda volta contou co apoio activo de toda a esquerda, e Perú Libre, partido que sustentou a súa candidatura e que ademais foi o que obtivo a maior bancada parlamentaria aínda que lonxe da maioría absoluta, teñen manifestado que o seu será un goberno que iniciará a construción dun novo Perú, libre e soberano, no que por fin as clases populares, os movementos sociais e os pobos orixinarios serán protagonistas, e no que a explotación dos recursos e as políticas postas en práctica faranse en función dos intereses das maiorías.

A derrota de Keiko Fujimori supón un duro golpe non só para a dereita peruana, Perú é a cuarta economía da rexión e a súa integración no grupo de estados que, coas súas especificidades, buscan sumar na construción da integración latinoamericana partindo da plena soberanía e do rexeitamento das políticas neoliberais, é algo co que non contaban os EUA.

A ninguén se lle oculta que o axustado do resultado deixa ver que a dereita segue tendo moita forza aínda que teña sufrido unha derrota electoral, e iso fai albiscar un futuro complexo e con múltiples obstáculos.

A UPG enviou saúdos tanto a Pedro Castillo como a Perú Libre, e neles  ademais de parabenizalos amosábamos a nosa confianza en que igual que foron quen de chegar até aquí poderán seguir adiante, ao contar co apoio dun pobo digno.