Posición da UPG ante a decisión de impedir a participación de Otegi nas eleccións bascas

A decisión da Xunta Electoral de impedir a participación de Arnaldo Otegi como candidato de EH Bildu nas próximas eleccións bascas é claramente de índole política e contraria aos máis elementais principios democráticos. Nun contexto de normalización política en Euskal Herria co fin da violencia, ao que Arnaldo Otegi ten contribuído, a prohibición de participación do líder abertzale carece de sentido como non sexa precisamente tentar entorpecer ese proceso. Os mesmos que antes dicían que sen violencia se podería falar de todo fechan agora a porta á democracia, pois nun sistema verdadeiramente democrático nunca poderían decidir os tribunais o que deben decidir as urnas.

Fica claro que o obxectivo principal do aparello do Estado é tentar frear o avance do nacionalismo e do soberanismo por ser o verdadeiro elemento de ruptura política e de cambio real que pon en cuestión o rexime político español. Mais nós sabemos que ningunha prohibición o vai conseguir. Aquí na Galiza, como en Euskal Herria, como en Cataluña, o nacionalismo e o movemento a favor da soberanía e da independencia van continuar traballando e avanzando. Tamén no ámbito electoral. O Estado acaba de certificar, máis unha vez, que o voto ao nacionalismo é o que realmente lles doe.

A Unión do Povo Galego expresa a plena solidariedade con Arnaldo Otegi e con EH Bildu e reafirma o compromiso coa loita pola democracia, a liberdade e a soberanía da Galiza e de todos os pobos do mundo.