A UPG lembra a Moncho Reboiras e o seu compromiso militante

Coma cada 12 de agosto desde hai 43 anos, rendemos homenaxe o noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en 1975 pola policía española no número 27 da Rúa da Terra, en Ferrol.

A homenaxe comezou as 12 da mañá no cemiterio de San Xoán de Laiño, en Imo (Dodro), coas intervencións de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG en Dodro, e Xosé Manel Casal, secretario de organización da UPG, que lembraron o compromiso do camarada Moncho Reboiras, e depositaron unha coroa de flores na súa memoria.

Despois do xantar na SCRD Agarimo de Sillobre -Fene- Pilar García Negro impartiu a palestra “Lingua galega: todo pasa por ela”. Pouco despois, ás 19:00 comezou a concentración na Praza Armas en Ferrol, dirixíndose ó 27 da Rúa da Terra, onde se fixo unha ofrenda floral e se cantou a Internacional.

Ás 19:30 comezou o acto central no Cantón coa intervención de Alberte Mera, director da primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras, producida pola Fundación Terra e Tempo e que se atopa nun proceso de micromecenado para conseguir o financiamento preciso.

Seguiuno Mercedes Tobío, responsábel do BNG na comarca de Ferrolterra, que deu a benvida ás asistentes a cidade de Ferrol; e Pablo Ríos “Kai”, Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega, que percorreu a traxectoria exemplar de Moncho Reboiras antes de presentar a Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

“O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados” proclamou o noso Secretario Xeral, que fixo énfase na importancia da autoorganización, “a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios intereses como nación”.

Máis un ano, desde a UPG recollemos o exemplo de Moncho Reboiras e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida.

Galería de fotos da homenaxe a Moncho Reboiras

Tributo a Moncho Reboiras no 44 aniversario do seu asasinato

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 44 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, segunda feira, baixo o programa que de seguido damos conta:


ACTOS CONMEMORATIVOS:

DODRO.

Cemiterio de Imo.

Ás 12:00h. Ofrenda floral.

FENE.

SCDR Agarimo, Sillobre. (1)

Ás 14:30h. Xantar popular. (2)

Ás 16:30h. Conferencia de Pilar García Negro: “Lingua galega: todo pasa por ela”

FERROL.

Ás 19:00h. Concentración da Praza de Armas. Saída cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras.  Ofrenda floral e canto da Internacional.

Ás 19:30h. Intervencións Políticas no Cantón.

Mercedes Tobío (Responsábel comarcal do BNG de Ferrolterra)

Paulo Ríos (Secretario Xeral da UMG)

Néstor Rego (Secretario Xeral da UPG)

Ao remate, canto do himno galego.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista,  recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza,  á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.

 

(1)  O lugar do xantar ás 14:30 será nas instalacións da SCDR Agarimo de Sillobre. O enderezo é: Mestre Lois Rodríguez, 1-3 – SILLOBRE – 15509 – Fene. Anexamos mapa e foto aérea.

A Localización: https://www.google.com/maps/place/S.C.R.D.+Agarimo+de+Sillobre/@43.4721981,-8.1763155,14.79z/data=!4m5!3m4!1s0xd2e753998e0434d:0xbe5193228ef6b4a3!8m2!3d43.4777162!4d-8.1470785

(2)  O prezo do xantar é de 15 € e será preciso anotarse no correo electrónico upg@upg.gal, indicando o nome das persoas. A data límite para se anotar será a quinta feira 8 de agosto. O menú será o seguinte: Empanada, churrasco con cachelos e ensalada, postre, cafe e viños do país.

VI Xornadas de Formación Moncho Reboiras

Amais dos actos organizados pola Unión do Povo Galego o mesmo 12 de agosto, a Unión da Mocedade Galega celebrará en Fene os días 11 e 12 as VI Xornadas de Formación Moncho Reboiras.

44 anos despois do asasinato do noso camarada Moncho Reboiras, a súa figura continúa a ser sinónimo de compromiso militante absoluto e de traballo e amor polo noso país e polas nosas clases populares; é este exemplo o que levou hai seis anos a UMG a organizar as Xornadas de Formación Moncho Reboiras.

Esta edición comeza o domingo 11 ás 11 da mañá, coa presentación das xornadas por parte do secretario xeral da UMG, Paulo Ríos, que dará paso a un debate sobre xeopolítica dirixido por Moncho Boán, ex responsábel da Sección Internacional da CIG.

As 12 e media debateremos con Rubén Arroxo, tenente de alcalde da cidade de Lugo e un dos referentes públicos do BNG, sobre a importancia da acción social dentro do noso compromiso político.

Despois do xantar é a quenda de falar dos dereitos civís, como se defenden e que papel xoga na nosa actuación política, con Begoña Ares, Licenciada en Dereito con especialidade en Administracións Públicas pola Universidade de Santiago de Compostela e asesora xurídica no Movemento polos Dereitos Civís.

Pecharemos a xornada do 11 cun roteiro polo río Belelle e o monte Marraxón. A xornadas porán o seu punto e final o 12 de agosto pola mañá coa charla sobre os métodos de intervención nos centros de traballo e de acción sindical que impartirá Paulo Carril, Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega.

VI Xornadas de Formación Moncho Reboiras

SCRD Agarimo de Sillobre, Fene

11 de agosto

11:00 Presentación do Secretario Xeral da UMG, Paulo Ríos.

11:10 Situación internacional e actualidade xeopolítica, con Moncho Boán.

12:30 Acción social e traballo de base, con Rubén Arroxo.

16:00 Dereitos civís: Conceptos chave e como aplicalos, con Begoña Ares.

18:00 Roteiro polo río Belelle.

12 de agosto

12:00 Métodos de intervención nos centros de traballo e acción sindical, con Paulo Carril.

Primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras

As vindeiras semanas comeza a rodaxe do primeiro filme sobre a vida do noso camarada Moncho Reboiras, derradeira vítima do franquismo en Galiza, após o seu asasinato en agosto de 1975.

A película Reboiras. Acción e corazón, estará dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. A data prevista para a estrea é o 2020, cando se cumpren 45 anos da súa morte. O filme levará á pantalla un retrato fiel construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política.

Para este proxecto contan con testemuños de distintas persoas que o coñeceron e partillaron tempo con el, e que vertebran o proceso da toma de conciencia social e nacional por parte de Reboiras que o levaron a involucrarse activamente na Unión do Povo Galego para enfrontar a ditadura e conseguir unha Galiza libre e xusta.

No tocante o financiamento, a Fundación Terra e Tempo vén de anunciar unha campaña de micromecenado activa dende o 1 de agosto para acadar os 20 mil euros precisos para rodar a película.  Todas aquelas persoas que desexen colaborar economicamente coa realización do filme poden facelo a través da páxina web www.reboiras.gal ou directamente nesta ligazón, e serán consideradas como “participantes do filme”, sendo nomeadas como tal nos créditos e recibirán información puntual sobre os avances dos traballos, así como diversos agasallos en función da cuantía da doazón.

Dende a UPG damos a benvida a este novo filme sobre a nosa historia; un elemento imprescindíbel para o coñecemento dos sacrificios que Moncho Reboiras e outras tiveron que facer para construír moitas das ferramentas coas que hoxe en día conta o povo galego para lograr unha Galiza libre e socialmente xusta. Animamos a colaborar activamente na campaña de micromecenado para lograr a realización desta importante obra fílmica.

Día da Patria 2019: A UPG chama a participar nos actos do BNG dunha forma masiva

Achégase o 25 de xullo, Día da Patria Galega, cunha ampla axenda que comezou o pasado 15 de xullo coa Semana da Patria, con actos por todo o territorio nacional.

A nivel nacional comezan os actos na capital no 24 de xullo, coa Homenaxe a Rosalía e Castelao no parque de Bonaval a partir das 17:30, organizada por Galiza Nova con diversas actuacións musicais. Alí mesmo comezará ás 19 horas a III Ruada pola Independencia. A noite é tempo de Festigal no Campus Sul con concertos para todos os gustos: Brassica Rapa, De Ninghures, Banda Bassotti, Arrhythmia.

O 25 de xullo chega o acto central desta celebración coa manifestación nacional que sae ás 12 da mañá da Alameda cara a Praza da Quintana, onde intervirá Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG.

Despois do xantar popular na carballeira de San Lourenzo é a hora da cultura, con presentacións literarias, obradoiros ou ludoteca para as cativas, ademais dos postos de artesanía. Ás 18:30 horas presentarase o novo volume da revista Terra e Tempo, co monográfico Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), que recolle artigos de 25 entidades culturais elaborados por 32 autoras e autores. O colofón porano o café concerto desde as 17 horas, coas Pandereteiras de Verducido, DudeCan e Güintervan.

Nesta data, 51 anos despois da convocatoria da UPG que levou a restaurar a celebración do Día da Patria, facemos un chamamento á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego a participar masivamente nos actos do BNG, coa convicción de que o seu éxito consolidará a alternativa que vai mudar as cousas no noso País.

Declaración de condena á persecución da actividade comunista en Polonia

A UPG asina con outros 52 partidos comunistas unha Declaración condenando a persecución da actividade comunista en Polonia.

A persecución anticomunista estase a intensificar ao procuraren as autoridades estatais criminalizar a actividade comunista mediante mudanzas no Código Penal. Trátase dun elemento máis da campaña anticomunista que pretende prohibir  o Partido Comunista da Polonia (PCP). Estas mudanzas legais forman parte dunha persecución que inclúe o xuízo de membros do PCP e do consello de redacción do xornal Brzask que xa dura desde tres anos e medio, a pesar de os tribunais os declaren inocentes no pasado mes de xaneiro. Ao mesmo tempo, as autoridades polacas colocaron outros atrancos para limitar a actividade comunista, xunto coa falsificación da historia e a destrución de todo o relacionado co comunismo e coa Polonia Popular.

A emendas ao Código Penal, que inclúen a prohibición da actividade comunista (artigo 256) foron introducidas  tan só 10 días antes das Eleccións Europeas. Contemplan sancións máis onerosas e inaceptábeis para un abano máis extenso de delitos puníbeis moito. As mudanzas son numerosas, ao afectaren 105 dos 360 artigos do Código. O Goberno presentou as emendas como reacción ante o escándalo de pedofilia dos sacerdotes católicos e supostamente estaban relacionadas con estes delitos, aínda que, na práctica, son moi poucas as emendas referidos a este particular.

As mudanzas foron efectuadas de xeito especialmente rápido. O 14 de maio, o Goberno remitiu o proxecto ao Parlamento e o día seguinte, o Sejm (a cámara baixa) xa iniciou o procedemento lexislativo e o día 16 de maio someteuse á votación e foi aprobado polo Sejm. Máis adiante, foi aprobado tamén polo Senado (a cámara alta) que, tras acrecentar outras 43 emendas máis, o devolveu ao Sejm para a súa votación final. O Goberno ten unha maioría en ambas as Cámaras, polo que non terá ningún problema á hora de se aprobaren as emendas. O paso seguinte consiste na sinatura da nova lei polo Presidente. Existe un amplo consenso entre os avogados de que as mudanzas do Código Penal constitúen unha violación da Constitución e dos Dereitos Humanos. No entanto, cabe indicar que o Tribunal Constitucional está controlado na actualidade por xuíces nomeados polo Goberno.

A emenda ao art. 256 prohibe o comunismo e equipárao co nazismo e o fascismo, cando previamente penalizaba a promoción de “sistemas de estado fascistas e totalitarios”. Hai dez anos, xa houbo unha tentativa previa de prohibir os símbolos comunistas dentro deste mesmo artigo, mais foi anulada polo Tribunal Constitución tras as protestas nacionais e internacionais que se desataron en 2011. Porén, a lei foi aplicada moi extensamente ao longo dos últimos anos, como no caso da historia do xuízo contra o PCP e de Brzask. A nova versión da lei prohibe a ideoloxía, simboloxía en calquera soporte (impresos, gravacións), así como a ostentación ou a posesión de calquera dos símbolo tipificados. O novo Código tamén eleva a sanción prevista dos 2 anos de cárcere anteriores aos 3 anos.

Os Partidos Comunistas opómonos a esta campaña anticomunista e á penalización das ideas comunistas na Polonia. Exiximos a paralización inmediata de todas os procesos xudiciais en curso contra os comunistas.

Por un monte galego con futuro

Poucos meses despois que o PP coa abstención do PSOE tombara no Parlamento Galego a ILP para a protección e racionalización do monte galego, -en liña cos intereses da patronal pasteiro-enerxética-; as organizacións convocantes volven a carga cunha nova ILP por un monte galego con futuro. Ler máis

6ª edición do Convivio da Cultura Galega

Xa falta menos para un dos días importantes da nosa cultura, o sábado 13 de xullo celébrase a sexta edición do Convivio da Cultura Galega na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei.

Neste convivio participaran ademais das persoas asociadas na Federación de Asociación Culturais Galega “Galiza Cultura”, aquelas entidades que así o desexen.

A xornada comezará ás 11:30, coa acollida das participantes na horta da Casa-Museo Manuel María, ao son da música do coro da Asociación Cultura e Musical Solfa.Pouco despois comeza a reunión de entidades da Federación Galiza Cultura no auditorio da Casa-Museo, para definir las liñas programáticas do vindeiro ano.

En paralelo, o resto de participantes fará unha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro coa intervención do arqueólogo galego Felipe Senén, antes do concerto na carballeira de Santa Isabel da Banda Municipal de Música “Sons e soños” de Rábade-Begonte-Outeiro. O convivio pecharase coa foliada despois do xantar a cargo de distintos grupos tradicionais.

A UPG saúda a celebración deste novo convivio e chama a participación de entidades e persoas do ámbito cultural para sumar nun movemento cultural galego diverso, creativo e comprometido co País.

Máis información: Casa Museo Manuel María