A Mesa lanza a campaña “Iniciativa Xabarín” por unha canle infantil e xuvenil en galego na TVG

A Mesa por la Normalización Lingüística lanzou una Iniciativa Popular para que a TVG aumente a súa programación infantil e xuvenil en galego a través dunha canle “Xabarín”, dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir contidos educativos e de produción galega.

Ler máis

A senteza de Meirás, unha vitoria do nacionalismo e da loita popular

A senteza histórica de 2 de setembro do Xulgado número 1 da Coruña declara nula a “doazón” do Pazo de Meirás a Francisco Franco en 1938, e cualifica de “ficción” a compra do inmóbel en 1941, “só co obxecto de pór o ben ao seu nome”.

Aínda que os sucesivos recursos xudiciais van adiar a devolución final do Pazo ao Estado, e posteriormente haberá que proceder á transferencia á Galiza, a senteza corrobora o éxito de décadas de reivindicación política e institucional por parte do Bloque Nacionalista Galego e da presión social -especialmente nas últimas décadas- en que o nacionalismo e os colectivos de memoria histórica intensificaron a loita pola restitución do patrimonio roubado polo ditador..

En 2007, co BNG na Xunta de Galiza e na alcaldía de Sada, comezou o proceso para declarar as Torres de Meirás Ben de Interese Cultural, o que obrigou a familia Franco a ter que abrir determinados días ao ano o Pazo ás visitas públicas desde 2011.

Unha década despois, co BNG gobernando na Deputación da Coruña, foi impulsada pola Vicepresidencia unha Xunta pro Devolución do Pazo, en que participaron organismos moi diversos como a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria ou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A solicitude de apoio aos concellos superou as expectativas e en pouco tempo sumou adhesións por todo o Estado.

Sumándose á presión institucional, a 30 de agosto de 2017 un grupo de militantes do BNG ocupou simbolicamente o pazo e despregaron nel faixas reivindicando a devolución de Meirás ao pobo galego.

“Aquela acción pacífica tivo a súa importancia na medida en que alcanzou relevancia mediática mesmo fóra do Estado, visualizando que o pobo galego segue espoliado polos herdeiros do ditador”, sinala Anxo Louzao, voceiro dese grupo de persoas que despois se denominaría 19 de Meirás, ao seren denunciados pola familia Franco por esa acción. Sobre elas e eles pesa unha petición de pena de até 13 anos de cadea por activista e medio millón de multa.

Precisamente a internacionalización do conflito foi moi útil para “xerar presión sobre o Estado español”, recoñece o investigador Manuel Pérez Lorenzo Lito, salientando as xornadas pola memoria histórica desenvolvidas en Bruxelas, no Parlamento europeo, onde Meirás foi protagonista, co impulso da representante do BNG na eurocámara.

En 2018 o BNG conseguiu a unanimidade do Parlamento da Galiza para reclamar a devolución de Meirás. A presión social e política obrigou mesmo o Partido Popular -que con anterioridade se negara a apoiar esta demanda- a mudar de posición.

En todo este proceso, cómpre salientar tamén o esforzo de Carlos Babío, quen, para alén do seulabor político como edil do BNG en Sada, impulsou e desenvolveu xunto com Manuel Pérez Lito un traballo de investigación no eido da memoria histórica que foi chave para a sentenza, plasmado no libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.

A sentenza é resultado da constancia no traballo do nacionalismo e da loita popular pola recuperación do patrimonio espoliado por Franco. Haberá que manter a presión até lograr que o Pazo pase a Patrimonio do Estado e que, porteriormente, sexa devolto ao povo galego. E tamén para conseguir a restitución plena de todo o patrimonio espoliado, entre outras da Casa de Cornide e das estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria.

Por un monte galego con futuro

Poucos meses despois que o PP coa abstención do PSOE tombara no Parlamento Galego a ILP para a protección e racionalización do monte galego, -en liña cos intereses da patronal pasteiro-enerxética-; as organizacións convocantes volven a carga cunha nova ILP por un monte galego con futuro. Ler máis

6ª edición do Convivio da Cultura Galega

Xa falta menos para un dos días importantes da nosa cultura, o sábado 13 de xullo celébrase a sexta edición do Convivio da Cultura Galega na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei.

Neste convivio participaran ademais das persoas asociadas na Federación de Asociación Culturais Galega “Galiza Cultura”, aquelas entidades que así o desexen.

A xornada comezará ás 11:30, coa acollida das participantes na horta da Casa-Museo Manuel María, ao son da música do coro da Asociación Cultura e Musical Solfa.Pouco despois comeza a reunión de entidades da Federación Galiza Cultura no auditorio da Casa-Museo, para definir las liñas programáticas do vindeiro ano.

En paralelo, o resto de participantes fará unha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro coa intervención do arqueólogo galego Felipe Senén, antes do concerto na carballeira de Santa Isabel da Banda Municipal de Música “Sons e soños” de Rábade-Begonte-Outeiro. O convivio pecharase coa foliada despois do xantar a cargo de distintos grupos tradicionais.

A UPG saúda a celebración deste novo convivio e chama a participación de entidades e persoas do ámbito cultural para sumar nun movemento cultural galego diverso, creativo e comprometido co País.

Máis información: Casa Museo Manuel María

 

 

1º de maio. Non á explotación de clase. Por unha galiza soberana

No ano 1889, no 1º congreso da Segunda Internacional, celebrado en París, acordouse instituír o 1º de Maio como DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO, converténdose así este día na data de referencia na que o movemento obreiro internacional, de forma solidaria, pasou a denunciar a explotación de clase reivindicando a mellora das súas condicións de traballo e de vida e un sistema económico e social máis xusto e igualitario. Ler máis

8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora

Desde hai máis de un século, o 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e loita das mulleres para esixir igualdade de dereitos. Mais nos últimos anos a conmemoración desta data está a tentar ser utilizada por parte do capitalismo de forma banal, converténdoa nunha data de celebración e de felicitación estereotipada, para lle tentar tirar o carácter – que sempre tivo e continuará a ter- de combate e denuncia da situación de opresión e explotación das traballadoras, e da discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de o seren. Ler máis