Nestes días, moitas persoas están a descubrir con sorpresa que vivimos nun Estado autoritario, nada democrático, en que os dereitos e liberdades son violados con total descaro por parte dos gobernantes. Así é. Dereitos básicos como a liberdade de opinión, de expresión, de información, de reunión, están sendo pisoteados día si e día tamén polo rexime político español. Que non diremos do dereito democrático de votar para poder decidir, iso que sempre nos dixeron que era a base da democracia!

A constatación do carácter antidemocrático dos Estado español é hoxe absoluta. O que xa pode ser máis relativa é a sorpresa. O nacionalismo galego denunciou no seu día que a chamada Transición -é dicir, a solución pactada co últimos xestores da ditadura- non supuña ruptura democrática senón continuidade do franquismo sociolóxico -rapidamente ‘reconvertido’ á democracia- no aparello do Estado. Pola mesma razón votamos contra a Constitución española, porque asentaba un rexime encabezado por unha monarquía re-estabelecida por Franco, claramente autoritario e que negaba dereitos fundamentais ás persoas e ás nacións. O máis importante, o dereito de autodeterminación do pobo galego, O dereito da Galiza a decidir libremente o seu futuro como nación no mundo.

A permanencia nas mans da familia Franco do patrimonio roubado polo ditador -Pazo de Meirás, Casa de Cornide, estatuas do Pórtico da Gloria…- é simbolicamente ben significativo de como a ‘democracia española’ lexitimou o poder e os privilexios -incluído o botín de guerra- dos que o tiñan usurpado pola violencia das armas, contra a vontade popular e por encima de millares de mortos. A actuación policial, xudicial, política e mediática destes días en Cataluña non fai máis que destapar a faceta mais autoritaria dun Estado que apela insistentemente a esa Constitución que os povos da Galiza, de Euskal Herria e de Cataluña maioritariamente non votaron.

Así as cousas, engánase quen pense que isto non vai con nós porque afecta só a Cataluña. Cando son vulnerados dereitos, vulnérannolos a tod@s. Cando son pisoteadas e negadas as liberdades democráticas, négannolas a tod@s. Nese sentido, fica claro que defender os dereitos do povo catalán é defender os nosos propios dereitos. Tod@s estamos, por tanto, interpelados, e tod@s debemos mobilizarnos en defensa da democracia e da liberdade.

Ora, tamén é verdade que a maneira furibunda en que o Estado ataca os dereitos e liberdades do povo catalán ten a ver co feito de que o proceso de independencia de Cataluña, para alén dunha lexítima aspiración nacional, está a implicar unha verdadeira revolución democrática, cuxa onda expansiva atinxe a totalidade do sistema político español. Cataluña está a demostrar como é o soberanismo, a reivindicación dos dereitos das nacións, o factor que realmente pon en cuestión o rexime de 78 e abre a esperanza de construír nas nosas nacións sociedades novas, xustas, igualitarias, realmente libres e radicalmente democráticas.

Aquí, o BNG vén de presentar as Bases Democráticas. Son, nin máis nin menos, as bases en que debe substentarse a soberanía da Galiza, o novo País que queremos construír. Un País con capacidade real de decidir sobre os seus asuntos, como única maneira de deixar atrás este marco estatutario -que xa demostrou que non serve para resolver os nosos problemas- e poder comezar a erguer unha Galiza capaz de desenvolver as súas potencialidades, con progreso e benestar. Trátase, en definitiva, de sermos libres para vivirmos mellor. Mais tamén son as bases sobre as que poder edificar no noso País unha democracia real, baseada na participación permanente da sociedade.

O soberanismo catalán conseguíu de forma magnífica converter o exercicio do dereito de autodeterminación nunha bandeira de defensa dos dereitos civís de tod@s, en Cataluña e en todo o Estado. Agora xa non se trata (só) de independencia si ou non, trátase de democracia ou ditadura. Mais visto o visto fica claro -polo menos para quen quixer ver- que a independencia, tamén para nós, é hoxe por hoxe a mellor maneira de garantir democracia e liberdade. Nós sabemos de que lado estamos.

 
Artigo publicado orixinalmente no xornal A NOVA PENEIRA, setembro de 2017.