Os procesos electorais que decorreron nos meses de abril e maio foron, sen dúbida, positivos para o nacionalismo, quer atendamos a factores cuantitativos quer -sobre todo- aos cualitativos. Así o avaliou no seu día o BNG, que salientou o que representa de avance en apoio popular -mesmo duplicando votos nas europeas e xerais, embora nesta non fose suficiente para recuperar representación en Madrid-, como tamén de consolidación dunha tendencia ascendente e dunha posición inequívoca de terceira forza política con presenza organizada e con expresión electoral en todo o País.
Mais, para alén desta avaliación xa feita pública, se callar son de máis interese algunhas conclusións que destes procesos se poden tirar, sen dúbida útiles para afianzar aínda máis a posición social do nacionalismo no futuro. E tamén, para reforzar a confianza nas propias forzas e na capacidade do pobo galego, pois os resultados -sobre todo polo que expresan cualitativamente e o novo escenario que abren- veñen a certificar que as posicións que mantivo o noso Partido e o BNG eran as correctas e as únicas que permitirán avanzar no camiño da soberanía.
Con efecto, nos debates que levamos abordados nos últimos anos -especialmente desde 2012- confrontábase a defensa da autoorganización do pobo galego e unha posición inequivocamente popular, antiimperialista e de ruptura co rexime español, con tendencias que, embora resultasen contrapostas entre si, coindicían en cuestionar estes postulados históricos do nacionalismo galego.
Por un lado a de aqueles que entendían que o BNG tiña de facer unha aposta máis “transversal”, o que se traducía en renunciar á posición soberanista e popular que historicamente mantivo para abrazar unha especie de galeguismo autonomista que cifraba todo a aumentar as competencias autonómicas e sen pór en cuestión o marco xurídico-político; aposta que, na teoría, había de levar a conquistar facilmente segmentos maiores -e mesmo maioritarios- da sociedade galega.
Por outro, a de quen afirmaba explicitamente que o pobo galego, por si só “non pode” avanzar no camiño da soberanía, polo que era preciso aliarse coa esquerda española para lograr primeiro a ruptura co rexime de 78 e xa despois poder falar dos dereitos nacionais da Galiza.
Unha e outra aparecen hoxe como vías indiscutibelmente fracasadas. A primeira, após sete anos de experimentar a “transversalidade”, con posicións confesionalmente autonomistas, confirmou, máis unha vez, a súa condición marxinal do punto de vista electoral e tamén de presenza social e institucional. Unha experiencia que certifica, en todo o caso, que non hai avance posíbel na construción dunha nova Galiza con capacidade política propia sen cuestionar o rexime español vixente, sen impugnar claramente un modelo constitucional e autonómico que nos mantén na dependencia e non dá saída -nin sequera solucións conxunturalmente visíbeis- aos principais problemas sociais e económicos que padecemos. Aliás, non é a primeira vez que esa constatación fica patente após anteriores intentos na mesma liña, todos eles falidos.
Canto á segunda, representa a enésima versión -agora enfeitada de ‘nova política’- dun vello debate que o noso Partido e o nacionalismo tiveron que enfrontar desde a reorganización en 1964 frente á esquerda española. A premisa da autorganización do pobo galego na loita pola emancipación nacional e social como única garantía de manter a independencia de criterio e a capacidade de decisión soberana. En todo o caso, a consecuencia lóxica de ter colocado acertadamente a contradición principal entre o pobo traballador da nación oprimida e a burguesía imperialista do estado opresor e, por tanto, tamén politicamente entre nacionalismo galego e españolismo.
O movemento nacionalista galego poderá ter moitas eivas e debilidades, mais asenta a principal das súas fortalezas xustamente na capacidade de poder decidir de forma soberana en función exclusivamente dos intereses do noso pobo e na confianza nas propias forzas. Precisamente, frente a este piar en que sempre se baseou o nacionalismo, o discurso nocivo de que “Galiza non pode por si soa” foi empregado como coartada ideolóxica para unha colaboración inestimábel de sectores provenientes do nacionalismo que na práctica funcionaron como cabeza de ponte para facilitar o desembarque social e institucional no noso País da esquerda españolista adobiada de nova política.
O noso Partido e o BNG non se deixaron engaiolar polos cantos de serea que simultaneamente auguraban o inmediato ‘asalto aos ceos’ da autodenominada ‘unidade popular’ e a desaparición do nacionalismo se non se unía á nova fórmula presentada como exitosa. Polo contrario, denunciamos que o papel que viñan a cumprir, con ilimitado apoio dos principais medios de comunicación do rexime, era xustamente o de tentar frear os movementos de liberación nacional das nacións oprimidas -que si están a cuestionar realmente ese rexime- e a canalizar o descontento social e político a unha vía institucional politicamente controlábel.
A traxectoria desde unha inicial posición teoricamente anti-sistema, necesaria xustamente para poder captar sectores descontentos e de oposición ao rexime neses anos en que se intensificaban as consecuencias da crise social e política, foi realmente veloz. De ‘abrir o cadeado de 78’ a ‘reformar a Constitución para mellorala’ e finalmente brandir esa mesma Constitución como bandeira pretensamente social nos debates da última campaña electoral, pasaron apenas 5 anos.
Pola súa parte, o papel lexitimador desa corrente con epicentro na Puerta del Sol de Madrid e ‘núcleo irradiador’ na Complutense por parte de organizacións autodenominadas nacionalistas e/ou independentistas, resultou básico para o seu éxito inicial na Galiza. Ora, se xa de partida era incoherente e contraditorio cos postulados e a experiencia acumulada polo nacionalismo, mantívose -e mantense, polo que parece- a pesar dos reiterados pronunciamentos de Podemos a favor da ‘unidade de España’ e dun ‘patriotismo cívico’ que non é senón o disfrace para unha nova versión do españolismo. A fraude que representou o compromiso do ‘Grupo parlamentar galego’, que acabou por ficar ao descuberto, e a actuación absolutamente sucursalista desenvolvida nas Cortes españolas, deixaron máis en evidencia o colaboracionismo destas forzas formalmente galegas con opcións que contribuíron para españolizar aínda máis as dinámicas políticas do noso País.
Coa perspectiva que dan estes últimos sete anos, fica claro que as nosas análises eran e continúan a ser as correctas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo desde a coherencia e a confianza no pobo galego acaba por dar resultados. Con todas as dificultades que aínda debe superar, hoxe o nacionalismo está avanzando, en posición de recuperar o terreo perdido e de conquistar mesmo novos apoios. Entre tanto, o españolismo de novo cuño con fachada rupturista e galeguista áchase en claro retroceso e envolvido nun marasmo permanente e autodestrutivo.
En todo o caso, o refluxo da marea da ‘nova política’, tamén permite constatar algúns elementos que temos sinalado moitas veces e que é importante salientar. Por unha parte, fica claro que unha forza política sen organización e estrutura territorial pode experimentar un importante -e mesmo fulgurante- éxito electoral sempre que contar con abundantes apoios mediáticos, o que implica, evidentemente, o prace dos poderes reais. Mais tamén é claro que cando deixa de ser funcional ao sistema e perde eses apoios, o rédito electoral esfúmase coa mesma facilidade. O nacionalismo, na medida que enfrenta directamente o rexime monárquico e burgués español, non irá contar nunca con tales apoios mediáticos. A súa grande fortaleza está na organización, na estrutura militante por todo o País, na introdución social, no traballo nas organizacións de base, no activismo e no proselitismo social…
E xustamente tamén esa imprescindíbel cultura militante sufriu unha dura acometida nestes anos. Se tradicionalmente o sistema alentou o máis extremo individualismo e a actuación exclusivamente movida por intereses persoais, foi tamén a chamada nova política a que prestou un servizo inestimábel a ese obxectivo. Fíxoo colocando como modelo, coa etiqueta de ‘modernas’, as ‘novas formas de participación’ virtual, que sublimaron o individualismo e a teórica intervención social a golpe de clic, frente ao debate directo, a decisión colectiva e a implicación persoal no traballo político e social. Con independencia da utilización que é preciso facer das ferramentas dixitais e das redes sociais, hoxe o corpo social nacionalista é máis consciente de que de pouco serve a ‘militancia virtual’ se non existe militancia real.
Por último, cabe tamén reflexionar sobre as formas de organización adoptadas e a súa eficacia. O cuestionamento que no seu día foi feito do modelo frentista do BNG en favor dun partido unificado aparece hoxe como mera coartada para que esa teórica unificación se producise nos parámetros do galeguismo socialdemócrata. A frente patriótica é a expresión organizativa da alianza de clases estratéxica para un proceso de liberación nacional como o que estamos empeñados no noso País, que implica necesariamente pluralidade ideolóxica. E de facto, tense confirmado como o modelo máis eficaz para dar cabida a esa pluralidade dentro dunha organización unitaria e de adscrición individual.
Así, mentres as experiencias organizativas daqueles que no seu día facían bandeira de combater o frentismo resultaron desoladoras, o modelo frentista do BNG ten sido emulado por outras organizacións soberanistas do Estado español. A última, EH Bildu, que hai un ano mudou de coalición de partidos para frente, tomando como referencia explícita a nosa experiencia. E, o que é máis importante: para alén de que é preciso continuar a traballar para seguir alargado o pluralismo interno, o modelo organizativo actual funciona perfectamente e permite garantir un traballo político unitario sen ter que renunciar a agrupar, desde a diversidade ideolóxica nos parámetros do soberanismo popular, cada vez máis persoas e colectivos na loita pola liberdade da nosa nación.
Nunca é bon caer nunha autocomplacencia que oculte a realidade. Tamén aquí, a valoración positiva dos resultados non debe mascarar a necesaria análise crítica que permita detectar os erros e as fraquezas para poder corrixilas. E aínda, debe permitir tamén identificar as potencialidades de forma que poidan ser desenvolvidas. Sen dúbida, o nacionalismo ten sempre que estar preocupado por mellorar, no alargamento e funcionamento da organización; na eficacia do traballo social e político; na comunicación; na transmisión do discurso e da nosa proposta política, que debe chegar de forma nítida como alternativa ao marco político existente e ao conxunto das forzas políticas españolas…
Mais, tamén debemos tomar nota daquilo en que historicamente levamos acertado, especialmente se constitúen elementos centrais dun proxecto político que, contra vento e maré, leva décadas erguendo un movemento popular pola soberanía da Galiza. Sobre todo, para nos reafirmarmos, frente a novas acometidas que sen dúbida virán, naqueles principios que nos poden facer avanzar sen nos desviar do camiño no obxectivo dun futuro de liberdade para a nosa Patria.