Texto da intervención no acto de tributo da UPG a Moncho Reboiras, en Ferrol no día 12 de agosto de 2023.
Hai hoxe 48 anos, a 100 metros de aquí era asasinado pola policía española franquista o noso camarada Moncho Reboiras. Neste 12 de agosto, no Ferrol que o viu morrer, o noso Partido, a Unión do Povo Galego, rende tributo ao ‘capitán do povo’ como dixo o poeta, ao militante caído en combate pola liberdade da nosa Patria, pola independencia nacional e o socialismo.
Mais tamén estamos aquí para recoller o seu exemplo e para o espallar por toda a parte, para estender as ensinanzas do seu traballo militante que ben podemos sintetizar en catro palabras: organizar, concienciar, mobilizar, loitar. O esforzo de organización dos diversos sectores das clases populares en chave nacional, o interese en estender información e formación política e alargar a conciencia nacional, a centralidade da mobilización e a loita popular. Todo iso que está na base dun movemento nacionalista amplo e crecente, con capacidade relevante de incidencia política e social.
A diferenza de hai 48 anos, naquel escenario de desfecho da ditadura franquista en que lle tocou actuar a Reboiras, vivimos agora nunha democracia burguesa en que os procesos electorais fan parte importante da actividade política, tamén da do nacionalismo galego. No entanto, os principios que inspiraron a actuación política do camarada Moncho -organizar, concienciar, mobilizar, loitar-, continúan sendo a chave para o movemento nacionalista se consolidar e avanzar.
Vimos de dous procesos electorais que se algunha lección nos deixaron é precisamente esta. Dúas eleccións que se saldaron cun incremento importante, mais ponderado, do apoio popular ás candidaturas nacionalistas. Porén, para alén de visibilizar as fortalezas con que contamos -que son moitas-, tamén evidenciaron algunhas fraquezas que debemos tomar a serio, porque nós sempre fuximos quer da autocomplacencia, quer da autoflaxelación. Trátase, por tanto, de consolidar a puxanza mostrada e de corrixir o que for preciso para garantirmos continuar avanzando.
As eleccións municipais viñeron a confirmar, máis unha vez, que a principal fortaleza do nacionalismo é a súa base militante, composta por homes e mulleres implicadas na realidade social, presentes e activas en todo tipo de entidades que articulan a nosa sociedade e, en moitos casos, referenciais para amplos sectores sociais. Con todo, tamén é claro, por un lado, que esa presenza militante en casos é limitada e, por outro, nin sempre garante bons resultados electorais se as dinámicas de traballo político no ámbito local non foren as adecuadas.
Por iso se torna imprescindíbel alargar a organización, incorporar máis e máis persoas ao traballo político e fomentar adecuadamente a implicación activa desa nova militancia no traballo político e social e cada localidade, en cada concello do noso País. Corrixir a inercia á tendencia para a militancia exclusivamente de clic e sofá, porque a presenza activa no seo do povo, con capacidade de análise, de iniciativa e de liderado, continúa sendo fundamental. Son xa millares as persoas que se incorporaron á militancia nacionalista nos últimos anos. Fornecerlles información, formación e ámbitos de traballo adecuados debe ser unha prioridade para aproveitar todo o potencial que ese incremento militante representa.
E se contrastamos os dous procesos electorais que decorreron con menos de dous meses de diferenza, acharemos tamén algunha chave que é necesario tomar en consideración. Unha evidente é que na acción municipal de goberno é preciso facer política e non apenas xestión, mesmo que for xestión transformadora. Facer política e política nacionalista, avaliábel en termos de contributo para o alargamento da organización do nacionalismo e a expansión da conciencia nacional. Caso contrario, asistiremos á constatación de que o que nunhas municipais aparece como un oasis verde e farturento, vira súbito nunha miraxe que se esvaece como fume en canto chegan unhas eleccións de carácter xeral.
No caso das xerais, o escenario ficou moi condicionado por unha profunda estatalización da campaña e unha polarización extrema que aproveitou a esquerda sistémica para apelar -con certo éxito- ao voto útil, o que, con certeza, afectou o resultado do nacionalismo facendo con que o incremento do apoio electoral non fose suficiente para cumprir o obxectivo de aumentar a representación en Madrid. Este foi o contexto en que tocou xogar e, evidentemente, non dependeu de nós, mais fixo visíbeis cuestións que si dependen e que é preciso atender. Que sectores significativos do electorado nacionalista fosen atinxidos por esta dinámica, como evidencia o comportamento dual Congreso/Senado, revela unha deficiente capacidade de chegar a esa base electoral con argumentos e razóns convincentes, que é preciso corrixir.
É obvio que nós non nos podemos isolar nin abstraer das percepcións sociais maioritarias, mais tampouco nos podemos deixar arrastrar por elas, temos que aspirar a modificalas. Partillamos, claro, con largos sectores da nosa sociedade a preocupación polos efectos regresivos en liberdades e dereitos que podería implicar un goberno da dereita e a ultradereita no Estado. Mais, ao tempo que explicitamos -como fixemos na campaña- que o apoio ao BNG é útil para trabar esa posibilidade, debemos ser capaces de explicar -no mínimo á base social e electoral nacionalista- que o conxunto das forzas estatais, da ultradereita á chamada esquerda, partillan a defensa do réxime de 78 e dun modelo de Estado unitario que está na base dos problemas estruturais que padece o noso País.
O que, ademais, ten unha translación directa á calidade de vida da nosa xente, porque non estamos a falar de teorías, estamos a falar de cuestións prácticas e palpábeis como a espoliación dos nosos impostos, a drenaxe do noso aforro, o espolio eólico e enerxético, a discriminación histórica en investimentos e infraestruturas ou as limitacións a sectores produtivos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o marisqueiro. Estamos a falar, en definitiva, de cuestións que afectan a clase traballadora e o conxunto das clases populares galegas.
E é disto de que falamos cando enunciamos que na situación de dependencia do noso País a contradición principal é Galiza-España ou se se quixer, en termos políticos nacionalismo-españolismo. Teremos que explicalo da maneira menos teórica e máis práctica e comprensíbel posíbel, sobre a base de exemplos concretos, mais o punto ao que hai que chegar é este se quixermos consolidar o espazo político propio que nos pode permitir avanzar evitando que sexa mermado por unha esquerda española que, ademais, serve perfectamente ao obxectivo de soster o réxime. Facer entendíbel a importancia dun nacionalismo decisivo, en Madrid como nas institucións galegas, é a chave para que os avances políticos -e tamén no ámbito electoral- poidan ser máis significativos.
Aliás, o nacionalismo non pode cifrar a recepción da súa mensaxe á maior ou menor benevolencia da midia dominante. Tivemos nestes días de verán algunha mostra -estou certo de que apenas un petisco- do que pode vir se os poderes fácticos perciben que existe unha opción real de que o BNG acceda á presidencia do Goberno galego. Temos, infelizmente, unha longa experiencia e constatación histórica de que nunca o nacionalismo poderá esperar un tratamento xusto e equitativo por parte dos medios do sistema, polo que é imprescindíbel fortalecer ferramentas comunicativas alternativas e propias, para chegarmos ao pobo sen mediatizacións interesadas.
En todo o caso, temos pola fronte desafíos políticos e sociais importantes que é preciso enfrontar con máis forza, cun nacionalismo posto a punto, con máis e mellor capacidade de incidencia social. Vivimos nun contexto de crise social e económica, que afoga as clases populares galegas -onte mesmo coñecíamos unha novo repunta da inflación e que a subxacente se mantén por cima de 6%- que deberemos enfrontar non apenas con iniciativas institucionais senón, como xa viñemos facendo, con mobilizacións sociais.
É imprescindíbel para defender alternativas que permitan unha saída galega e xusta, para que máis unha vez, non sexamos os traballadores e traballadoras quen paguemos unha crise que non xeramos e que os poderes españois agravan cando optan por un aumento brutal -17 000 millóns de euros- do gasto militar para maior lucro do complexo militar industrial norteamericano, en vez de destinar eses recursos a políticas sociais e de mellora dos servizos públicos.
Iniciamos tamén -nun contexto especialmente complexo- o labor político que máis de 145 000 galegos e galegas nos encomendaron de continuar a ser a voz activa da Galiza en Madrid e traballaremos para honrar os nosos compromisos con elas e co conxunto do pobo galego. Aí estaremos para colocar sobre a mesa as necesidades do noso País: o aumento dos investimentos; a mellora das infraestruturas, especialmente as ferroviarias; a atención á crise industrial xa cronificada, á falta de oportunidades laborais e a crise demográfica que xera pola vía da hemorraxia migratoria; garantir unha transición enerxética xusta; frear o espolio eólico e preservar o noso medio e a súa capacidade produtiva, impulsando a rexeneración das nosas rías; recuperar dereitos e avanzar en políticas sociais; mellorar o financiamento das políticas e servizos públicos, defendendo un novo modelo de financiamento sobre a base do concerto económico para acabar coa espoliación dos nosos impostos, ou defender maiores niveis de autogoberno.
Porque, nun contexto en que o peso das forzas soberanistas que representan -representamos- as nacións sen estado é incontornábel, a cuestión nacional vai estar presente nunha ou noutra medida. E diante de calquera avance que se poida producir, por limitado ou simbólico que for, a Galiza non pode ser un convidado de pedra. Precisamente, o BNG é a garantía de que nunca, nunca, nunca máis o noso País vai ficar atrás.
Tamén por isto precisamos enfrontar nas mellores condicións e coas máximas garantías máis outro desafío que temos por diante. O de que o nacionalismo sexa determinante e capaz de mudar definitivamente o rumbo político deste País, liderando un goberno galego que sexa merecente de tal nome. Organizar, concienzar, mobilizar, loitar, continúa sendo a chave para conseguilo.
E, sen dúbida, é da máxima importancia. Reparemos en que vivimos neste paradoxo de ter unhas forzas estatais que se proclaman autonomistas, que non sabemos se realmente son crentes, mais é claro que non son practicantes. E, por outra parte, un movemento soberanista, que nunca creu na autonomía, que ten que ser quen reclame que, no mínimo, se cumpra o previsto no Estatuto en materia de competencias. Xa coñecemos o balance destes 14 anos de gobernos do Partido Popular: 0 transferencias, 0 competencias asumidas. Mais a outra face da mesma moeda é un Partido Socialista que tampouco as reclama e que mesmo cando ten a posibilidade as bloquea, como vén de facer no Congreso coa transferencia da AP-9.
Lembramos tamén os seus acordos e trasacordos no Parlamento da Galiza sobre a transferencia de tráfico ou o feito de que aprobada en 2007 unha Lei da Policía Galega por exixencia e impulso do BNG, inmediatamente o Partido Socialista a meteu na gabeta e gardou a chave. Non sabemos se esa chave se perdería porque en 14 anos tampouco o PP a sacou de aí, mais se así for haberá que forzar a fechadura. E iso é xustamente o que vai facer o BNG.
Para iso, entre outras cousas, é para que ten de servir un goberno nacionalista na Galiza, para frear e reverter o proceso de desnacionalización que estamos a sofrer; para asumir todas -absolutamente todas- as competencias pendentes; para impulsar políticas de inmersión que leven á plena normalización da nosa lingua; para nos incorporarmos ao grande espazo lusófono e aproveitar todas as vantaxes que ofrece do punto de vista político, económico, cultural e lingüístico, e mesmo para forzar as costuras do cadro xurídico-político do modelo autonómico que poñan en evidencia as súas limitacións e fagan ben visíbel a necesidade de avanzarmos para un novo marco que parta do recoñecemento do que somos: unha nación con dereitos e capacidade real de decidir, que aspira á soberanía.
Temos analizado moitas veces que o Estado español é irreformábel en sentido democratizador e de recoñecemento real das nacións e, por tanto, non confiamos nos resultados prácticos dunha táctica gradualista. Sabemos que a soberanía só chegará por un proceso de ruptura democrática consecuencia da vontade maioritaria e hexemónica do noso povo. Mais non podemos renunciar a dar o debate. Primeiro, porque é urxente enfrontar o devalo político do País e insuflar autoestima e orgullo na identificación nacional do noso povo. E segundo, porque para que se produza un avance real, para se producir esa ruptura, a xente ten que velo e sentilo como unha necesidade. Ese é o papel do nacionalismo.
Sempre dixemos que é preciso fuxir tanto dun ideoloxismo que resulte estéril como dun pragmatismo que implique renuncia aos obxectivos estratéxicos. Estamos conscientes de que non serven de moito as proclamas máis revolucionarias se non somos capaces de facer aflorar as contradicións e de as colocar ben visíbeis e comprensíbeis diante dos ollos do noso povo para que poida asumir esas proclamas como obxectivos políticos propios. Insisto, ese é o papel do nacionalismo: xuntar cada vez máis povo detrás da nosa causa até alcanzarmos a hexemonía social.
E nin nun día como hoxe nin nunca esquecemos que as bases que van facelo posíbel as sentaron homes e mulleres que en tempos difíciles arriscaron a súa liberdade e a súa vida. Moitas e moitos continúan hoxe connosco, contribuíndo activamente. A todos, a todas, as que continúan e a quen hoxe non pode acompañarnos, recoñecemos e agradecemos o seu compromiso, recoñecemento que, máis unha vez, queremos simbolizar en Moncho Reboiras e en Bautista Álvarez. Eles serán, con Rosalía, con Castelao, con Alexandre Bóveda, con todos os mártires da nosa liberdade, a bandeira da nosa redención.
Eu teño a certeza de que se o mozo Reboiras, que traballou na organización dos primeiros grupos sindicais nacionalistas, ollase para hoxe estaría orgulloso de constatar a potencia do sindicalismo nacionalista que encarna a Confederación Intersindical Galega, a primeira central do noso País. Mais estaríao especialmente, sen dúbida, de comprobar como o seu Partido e o nacionalismo -como lembrou acertadamente o seu compañeiro de loita Bautista Álvarez no acto do 50 aniversario da UPG- mantén a coherencia e os principios. E non é, como alegan algúns proselitistas do liberalismo, que iso lle impida crecer en apoio popular. Non, é xustamente o contrario. Foi e é a coherencia nos principios o que permitiu que o nacionalismo recuperase pulso e avanzase e será sen dúbida o que lle permitirá alcanzar todos os seus obxectivos.
Temos, como dicía, unhas forzas estatais que se proclaman autonomistas, mais que nin sequera exercen como tales. E unhas forzas que se chaman de esquerda que nin exercen nin ven ben que outros exerzan, se callar para non pasar a vergoña de ficar moito en evidencia, se é que aínda lles resta algo diso. Unha esquerda española, absolutamente desarmada ideoloxicamente, que ten como grande referente o Partido Demócrata norteamericano, que mudou o ‘OTAN non, bases fóra’ pola admiración entusiasta a Joe Biden e o apoio ao incremento brutal do gasto militar para contentar o amigo americano.
Unha esquerda liberal que asumiu gustosamente o chauvinismo europeísta e eurocéntrico para manter adecuadamente o “xardín” de Borrell, para garantir que da “selva” exterior cheguen as materias primas e os recursos con que manter a herba ben cortada, as sebes ben aparadas e os arbustos ben coidados, a condición claro, de que a “xungla” non chegue nunca a invadir o “xardín”. Para iso se arma a Europa fortaleza, para iso e para tentar a toda custa manter a hexemonía do imperio en declive, mesmo ao prezo dunha UE que xa non pode ocultar o seu papel de vasalo.
Para esa dita esquerda o antiimperialismo “non é moderno”, é cousa dos “anos 60” do século pasado. E pregunto eu, podemos chamar esquerda a quen sacraliza a división internacional do traballo que condena boa parte da humanidade á pobreza, á miseria e á servidume? Podemos considerar esquerda a quen pretende “salvar o planeta” sen apuntar á causa principal que leva á súa destrución que non é outra que a rapina e a voracidade de sistema capitalista? Podemos falar de esquerda cando non se cuestionan as relacións de poder e dominación sobre a Galiza e se chega mesmo a xustificar o espolio eólico do noso País precisamente porque hai que avanzar na transición enerxética?
É formidábel comprobar como cando se trata de atacar a coherencia antiimperialista do nacionalismo galego actúa unánime e coordinadamente desde a dereita mediática até a esquerda liberal española. Pois si, somos antiimperialistas, orgullosamente aintimperialistas. E non só porque teñamos claro que o imperialismo é inimigo da humanidade, non só por solidariedade coa liberdade e dignidade de todos os povos do mundo. Sómolo porque a nosa razón de ser é cuestionar a opresión do noso pobo, a dependencia política da Galiza. Sómolo porque aprendemos de Castelao que ser antiimperialista é a única maneira de ser nacionalista consecuente no noso País.
E estamos orgullosos e orgullosas de ser nacionalistas. Porque frente á renuncia de tantos, aquí hai un nacionalismo galego coherente que defende este País, que defende a clase traballadora galega e que quere construír un futuro diferente de benestar e de liberdade para o noso pobo.
Dicía Séneca que ningún vento é favorábel para quen non sabe para onde vai. Pois ben, nós temos claro onde queremos aportar. O noso porto chámase liberdade. Aquí estamos, de pé, con firmeza, coa mesma determinación de Reboiras, para loitar pola soberanía e independencia da nosa patria, por unha Galiza libre e socialista. Avante!