Por se non estivese claro no descorrer da vida política no Estado español nos anos que van do actual réxime, a sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán foi taxativa: politicamente falando, non hai pobo catalán, só pobo español; cataláns son os españois que viven en Cataluña. Nunha palabra, como non hai pobo nin nación, non pode haber nin a máis mínima vontade ou aspiración nacional, isto é, ningunha intención sequer de exercer soberanía. A soberanía só reside no pobo español. Esta concepción é a que fai irresolúbel o problema catalán. Esta concepción é o fundamento do Estado das autonomías que o converte, mesmo nas súas maiores concesións, nun Estado simplemente descentralizado desde o punto de vista administrativo e institucional.
A negación política da existencia de pobos ou nacións dentro do Estado constitúe un farallón, un beco sen saída para expresar con plenitude de dereitos unha vontade política propia. De aí a idea tan estendida agora de non poder existir decisión do pobo catalán, porque o que atinxe a Cataluña ou o que os cataláns desexen debe ser decidido por todos os españois. Semellante aberración obvia que precisamente o problema consiste en que os cataláns, unha parte considerábel dese pobo, quere opinar en urna, votar sobre cal debe ser o seu futuro, seguir integrado neste Estado ou constituír un independente. Nunha palabra, o independentismo medrou en Catalunya desde a constatación de o pais non ser xa viábel dentro do marco autonómico nas súas aspiracións en todos os aspectos: económicas, sociais, culturais, lingüísticas e políticas. E aínda enriba, esta percepción é compartida por outros segmentos menores, pero existentes, que sen seren independentistas, queren que se decida libremente en referendo o futuro de Catalunya. Estas posición representan o 70% da opinión pública catalá, como mínimo. Perante semellante realidade, negar que o pobo catalán existe e ten vontade política propia só se pode concibir desde unha actitude autoritaria que se asenta na idea de imperio e submisión, esa de forzalos a entrar polas boas ou polas malas. Esta é a esencia dun españolismo que considera a categoría catalán, vasco ou galego meros sucedáneos da españolidade na que deben ser disolvidos politicamente como pedras de azucre.
A intolerante exasperación do réxime manifestouse, primeiro, con decisións e declaracións xudiciais impropias dun Estado de dereito con mínimas garantías, e cárcere, exilio, embargos, multas, supresión da autonomía, represións e persecucións de todo tipo, contra o pobo catalán e os seus dirixentes e representantes eleitos democraticamente, conforme as regras de xogo. Non vou aludir ás descualificacións xenófobas contra Catalunya, incluído o boicot dos seus produtos, feitas desde medios de comunicacións e partidos políticos españois, ou ás presións económicas a través de empresas asentadas en territorio catalán, alentadas polo goberno do PP. Todo iso sería a mellor demostración de Catalunya, como pobo con personalidade e criterio de seu, non só non ser ben vista en España, senón que é duramente combatida e incomprendida até o aldraxe. Agora xa hai quen se atreve, cun goberno en Madrid, tan dialogante como impotente para encarar de verdade a situación, polos límites que se impón e lle impoñen, a entrar nun terreo dialéctico que descubre unha das estratexias que acariñan os sectores do españolismo de dereitas. Na derradeira sesión de control ao Goberno no Congreso, o señorito Casado acusou o nacionalismo de querer provocar unha guerra civil en Catalunya. Ao escoitalo, un diría que ese mozo cos seus ardores españolistas (xa se sabe un galo de pelexa tan prepotente para o curral interno como inocuo na UE) é o que está a desexar. Só fixo un acto de transferencia do seu pensamento a outros, aos inimigos a bater. A dereita española, cando menos, pensa que a salvación virá, en último extremo, por unha intervención armada directa, de forma que a represión do pobo catalán, o seu sometemento, forzando unha obediencia a España, se xustifique para defender unha parte da poboación que se sinte española e sufre por non poder selo da forma imperial que desexa. Hai que derrotar o inimigo. Malia todo, a sociedade catalá parece resistirse a unha dinámica deste tipo, por moita diferenzas e tensións que se produzan no seu seo. E provocacións, mesmo dentro da vida cotiá do Parlament.
Hai outros cataláns que os independentistas? Evidente que os hai. Teño para min, con todo, que algúns actúan máis como españois en Catalunya, con afán en todo caso de conquista, destrución e asimilación que como integrados nunha sociedade diferente. Non doutra maneira se pode entender non só que teñan o sentimento e a conciencia de seren antes que nada españois e europeos e logo cataláns, nunha pirámide xerarquizada que non sei se xustifica a súa denominación co xentilicio cataláns. Non cren que exista o pobo catalán nin por suposto queren que teña os mesmos dereitos que o español, queren o dominio e a subordinación. O españolismo de Arrimadas ou Rivera nútrese dunha evidente conciencia de seren, alén de españois, antes andaluces e europeos que cataláns. Claro que poden sentirse o que queiran. O malo é que, obxectivamente, negan dereitos básicos dos cataláns como pobo. Un deles, elemental, o da súa lingua ser no seu país unha lingua de uso normal, como o é o español en Sevilla ou Madrid. E non aceitan a existencia do pobo catalán con expresión de vontade política, animando á destrución e aniquilación da maioría que pensa que si.
O noso contraste. Hai pobo galego? É evidente, por máis que de forma maioritaria pareza empeñado en negarse, dunha forma algo masoquista, sancionando a subordinación, o sometemento e unha destrución paulatina, alén dunha asimilación cultural e lingüística que o converte nunha caricatura dos españois. A alguén lle pode gorentar ser caricatura de outro de forma consciente? Porén, temos tamén a meritoria actuación e existencia dun espírito e dunha conciencia propia, algo derrotada ou confusa, ás veces, perante a magnitude dos retos que debemos confrontar. Existente e resistente, o mellor que o país produce, malia non ser suficiente. Está tamén a realidade obxectiva, que é elocuente e persistente. Aquí como alí o concepto de español nega na práctica a existencia de Galiza como pobo con capacidade e responsabilidade para valerse por si. Un señor como Feixóo reitera continuamente a súa confesionalidade española, xustamente aquela coa que traizoa todos os días os intereses máis básicos do seu país. En nome de España e da españolidade, desterra sempre calquera posibilidade de que Galiza poda aspirar a ser digna e a ser consciente de que se se queren mudanzas favorábeis á maioría hai que comezar por acreditar en nós mesmos, e sentirnos capaces de vivir, valernos e nos responsabilizar de nós mesmos, con ou sen España.
Non debería resultar edificante, nin meritorio nin aceitábel nin admirábel vivir nunha sociedade á que todo lle está a dicir, renuncia a ser quen és, sé submisa, obediente, e négate máis veces das que Pedro negou a Cristo, verás que ben nos vai ir. Aquí tíranse pedras sobre o propio tellado co entusiasmo de quen cre que así se está a cubrir da choiva e do corisco. Ás veces teño a impresión de este fenómeno de sometemento acrítico á idea de España nos facer ridículos e dar a impresión de sermos parvos e lelos mesmo na forma de expresarnos ao respecto. Non descubro nada se revelo que Galiza é das tres nacións sen Estado a que está nun estado máis crítico desde o punto de vista material, cultural e lingüístico, e a máis desnortada, unha maioría inerme dentro desa concepción de que estamos ben como estamos. Así o expresou o descarado Feixóo, efixie fachendosa da nosa irrelevancia e estupidez políticas, unha vez máis afirmando que “la autonomía que disfruta hoy Galicia no se conquista contra España, sino en España y con España”. É dicir, máis do mesmo, contentos co que hai, pero iso si en disposición de oporse e combater a outros que, con máis dignidade e conciencia da súa realidade, non se resignan á impotencia e anulación aos que esa mesma España quere sometelos. Un dócil servidor da España é o que temos ao fronte de Galiza. Será por iso polo que nos vai tan ben?
O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo : http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=5220&seccion=13